11/12/25

CHARLA DE CONDUTAS ADITIVAS

O alumnado de 6º asistiu a varias sesións ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas que se imparten de forma conxunta nos Concellos de Barro, Cuntis, Campo Lameiro. Moraña e Portas.

Nela recordamos conceptos como autoestima e autocepto, pero tamén aprendemos a previr condutas de risco relacionadas co consumo de tabaco e substancias daniñas, así como do uso das TRIC. 



😀 Grazas Julia por todo o que nos ensiñaches! 😀

24/11/25

ACTIVIDADE: "HAI SAÍDA GRAZAS A TI"

O pasado luns, o alumnado de sexto participou na actividade "Hai saída grazas a ti". Esta actividade consistiu en introducilos nos conceptos relacionados coa violencia de xénero e como esta se "normaliza" en música, series, publicidade, redes sociais... Por iso, a través de curtas e dinámicas participativas e colaborativas, aprenderon a como deben ser as relacións sás.

Aquí tedes unha pequena mostra do que traballamos! Grazas ao Ana por todo o que nos ensiñaches! 💜


PROGRAMA "MISTURA" E VISITA AO MUSEO

O martes 4 de novembro o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou no programa de teatro para escolares de Afundación chamada "Mistura". Esta obra é un espectáculo audiovisual con música en directo que nos invita a poñer en práctica os nosos sentidos.

Tras a visita, fixemos unha paradiña para merendar na Praza da Ferrería e visitamos o 5º edificio do Museo Provincial de Pontevedra. Alí fixemos un percorrido polas estancias, facendo unha parada especial na Sala de Castelao, con motivo do seu ano. 



24/05/25

SAÍDA Á ILLA DE ONS

O venres 23 de maio o alumnado de 5º e 6º realizou unha saída didáctica á Illa de Ons para gozar dun día de convivencia e aprendizaxe neste singular paraíso que da Ría da Pontevedra. 

Despois de coller o bus, o primeiro que tiveron que facer foi esperar pacientemente ao barco que os levaría de paseo pola ría.


Unha vez que chegaron á illa, repuxeron forzas e as estupendas guías fixéronlles unha rota na que explicaron datos moi interesantes. Sabiades que os habitantes de Ons non teñen luz todo o día pero si un gran faro que alumea toda a ría? Coñeciades as especies da flora e da fauna propias da illa? Pois eles/as son uns auténticos expertos e expertas!


Despois de comer, estiveron xogando na praia. A pesar das queixas de que estaba algo fresquiña a auga, case todas e todos acabaron metidos nela! 


O paseo de volta tamén foi espectacular e ata a tripulación do barco puxo música. En resumo, 

🏝🛥 pasámolo xenial! 🌞🏖

14/05/25

VOCES NO CINE MUDO?

Sabiades que os comezos do cine foron mudos e sen cor? Pois nós decidimos darlle unha volta e converter a Charles Chaplin nun actor falador e ademais... Galego! Aproveitando os contidos de creación audivisual, o alumnado de 6º púxose mans á obra e inventaron simpáticos diálogos para poñerlle voz ás curtas do grandísmo actor e precursor inglés. Ademais, aprenderon a editar vídeos e engadirlles elementos gráficos, efectos sonoros...

Queredes ver como quedaron? Premede na imaxe para velos. Esperamos que vos gusten!📽🎞

27/03/25

SAÍDA Á CIDADE DA CULTURA

Hoxe, o alumnado de 5º e 6º acudiu á Cidade da Cultura para participar no VII Congreso de Innovación na Formación Profesional no que, ademais de gozar dunha xornada de convivencia, aprenderon unha chea de cousas. 

Participaron en diferentes postos e obradoiros nos que adquiriron nocións básicas sobre automoción, alfarería e mesmo cosmética natural; a importancia das medidas para crear diferentes propostas alimentarias ou téxtiles ou os beneficios da realidade aumentada en diferentes oficios. Ademais, puideron levar algunhas das súas creacións para casa (e outras chegarán quentiñas nuns días)! 






Queres saber máis? Accede a esta ligazón https://www.edu.xunta.gal/fp/congreso-fp-innova

 


19/03/25

AS CORRENTES ARTÍSTICAS NO CINE

No século XX, os movementos artísticos influiron en moitos ámbitos, mais especialmente no cine. Nas aulas de 6º estivemos indagando acerca deles e, descubrimos, que houbo catro grandes tendencias dos que todas e todos recoñecemos grandes obras: o surrealismo, o expresionismo, o impresionismo e o independiente. 

Seguindo esta filosofía, propuxémonos recrear nun mesmo debuxo as catro correntes, empregando os trazos máis característicos de cada un deles. Saberías recoñecer nas nosas obras de arte cada unha delas?

📽Aquí tedes o resultado!📽


🎞 O noso mural 🎞


25/02/25

SOMOS ESTRELAS DE CINE!

Cando unha persoa famosa fai algo importante, todo o mundo quere saber como é, cales son os seus gustos e afeccións... Pois iso foi o que fixemos en 6ºB! 

Con motivo do traballo das diferentes tipoloxías textuais, aprendemos non soamente a facer unhas boas descricións, senón a traballar con imaxes reais e xeradas con intelixencia artificial (IA). Esta IA, aínda que é moi espabiladiña, contou coa nosa gran guía, xa que lle soubemos dar moita información que fixo que os nosos retratos fosen moi semellantes a nós! 



📽🎞 Aquí vos deixaremos os resultados de forma máis detallada 📽🎞


01/02/25

CINE CON VALORES

Con motivo do Día da Paz e da Ilustración (30 de xaneiro), nas aulas de 6º traballamos unha curta que nos fixo reflexionar acerca das cousas que son realmente importantes na nosa vida: a amizado, o compañeirismo, o amor... Ademais, isto serviunos para comprobar que non sempre a información que atopamos na rede é correcta, xa que o primeiro título da curta non resultou ser o axeitado... 

🎞📽 Queredes ver o resultado? Pois aquí o tedes!🎞📽




17/12/24

O NOSO CORREDOR DA FAMA


Outra das actividades que fomos facendo durante estes meses consistiu en crear o noso particular paseo da fama. Para iso, creamos as estrelas da nosas cor favorita, fixemos unha insignia con aquilo que máis nos identificaba e fixemos a nosa propia caricatura.

A nosa máxima foi que se os/as grandes artistas deixan a súa pegada en Hollywood, nós tamén a deixamos no cole de Barro!


Aquí quedan algunhas das fotos do proceso creativo.

VISITAS