03/05/23

PROXECTO: OLIMPIA, NON XOGAS?

O ALUMNADO DE 5º E.P. DA MATERIA DE PROXECTO COMPETENCIAL, LEVA TRABALLANDO UNS MESES NUN PROXECTO MOI BONITO SOBRE OS XOGOS NON OLÍMPICOS QUE SE TITULA "OLIMPIA, NON XOGAS?".

O ALUMNADO INVESTIGOU SOBRE OS INICIOS DOS XOGOS OLÍMPICOS, DOS SÍMBOLOS DAS OLIMPIADAS, QUE DEPORTES SE CONSIDERAN OLÍMPICOS E CALES NON... E, CENTRÁNDONOS NESTES ÚLTIMOS, BUSCARON INFORMACIÓN DE CALES ERAN OS MOTIVOS QUE OS LEVABAN A ESTAR FÓRA DAS OLIMPIADAS POÑÉNDOSE EN CONTACTO, INCLUSO, POR CORREO POSTAL, CON DISTINTAS FEDERACIÓNS PARA QUE LLES CONCRETARAN MÁIS OS MOTIVOS DE NON SER CONSIDERADOS OLÍMPICOS . E...

O XOVES PASADO, JUAN MIGUEL, DA FEDERACIÓN GALEGA DE RUGBY, TIVO A XENTILEZA DE VIR AO NOSO COLE A EXPLICARNOS PORQUE O RUGBY NON SE CONSIDERABA OLÍMPICO (AGORA HAI UNHA MODALIDADE QUE SI O É). TAMÉN  FALOU DESTE MARABILLOSO DEPORTE QUE REÚNE VALORES TAN IMPORTANTES COMO O CAMPAÑERISMO, O RESPECTO E A SOLIDARIEDADE, ENTRE OUTROS.

E QUE XENEROSO FOI JUAN MIGUEL CON NÓS QUE NOS TROUXO UN VIDEO DE DÚAS XOGADORAS (VANESA RIAL E PAULA MEDÍN) DA SELECCIÓN ESPAÑOLA DE RUGBY 7 QUE, ADEMAIS, SON GALEGAS E COMPETIRON NOS XOGOS OLÍMPICOS DE RÍO DE JANEIRO NO 2016.

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

                     AQUÍ VOS DEIXAMOS UNHAS FOTOS DA SESIÓN.















29/04/23

OBRADOIROS REVITALIZA

As alumnas e alumnos de 6º de Primaria desenvolvemos dous obradoiros prácticos sobre compostaxe, no marco do Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

O primeiro, Microcompostaxe na aula, tivo lugar o pasado mes de marzo. Marcelo, mestre composteiro, achegouse ata as aulas de 6º A e 6º B para explicar cales son as cousas máis importantes sobre a compostaxe: que alimentos son os máis axeitados, como funciona un composteiro, que bechos contribúen á descomposición... 

Logo, puxémonos mans á obra e construímos pequenos composteiros caseiros con materiais de refugallo. Xenial! Así, reciclamos dúas veces!

Estes composteiros quedaron nas nosas aulas para o seguimento do proceso nas seguintes semanas, segundo as indicacións do mestre composteiro. 

O 25 de abril, Marcelo volveu visitarnos para impartir o segundo obradoiro titulado Quen vive aí?, que consistiu na identificación de invertebrados presentes no composteiro e a súa función no proceso da compostaxe. Buscámolos con moito coidado, observámolos con atención con lentes de aumento e vimos ata unha miñoca preñada! Que pasada!

A verdade é que aprendemos un montón!!!

Moitísimas grazas!!!


30/03/23

ATLETISMO NO CGTD

Hoxe, as nenas e nenos de 5º de Primaria fomos a Pontevedra para participar nunha xornada de atletismo en pista, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no marco do Programa XOGADE, nas instalacións do CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva).

As probas nas que participamos foron: lanzamentos de vórtex e peso, saltos de lonxitude, velocidade 60 metros lisos, fondo 500 metros e relevos.

Gustounos moitísimo a experiencia de practicar atletismo en pistas profesionais, de probar as nosas potencialidades, de animar ás compañeiras e compañeiros e, sobre todo, de gozar con deportividade o momento.

PASÁMOLO XENIAL!!!



08/03/23

8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, alumnado de 6º de Primaria decidiu escribir cartas de cariño, ánimo e agradecemento a unha muller de grande importancia na súa vida (avoas, nais, curmás, tías, amigas...). Cada carta vai acompañada dun artístico agasallo creado polas mozas e mozos con arxila e decorado con témperas.

FELIZ DÍA DA MULLER!!!


11/02/23

MUSEOS CIENTÍFICOS DA CORUÑA

O pasado mércores, 8 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º curso de Primaria visitou os museos científicos da Coruña: o Acuario, o Domus, a Casa das Ciencias e o Planetario.

As mozas e mozos puideron ver, tocar, observar, escoitar, experimentar... a pracer. 

Foi unha xornada de convivencia e aprendizaxe inesquecible.

Pasárono pipa!!!


CIENTÍFICAS: PASADO, PRESENTE E FUTURO

Para conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado de 6º de Primaria traballou o cómic ´Científicas: Pasado, presente e futuro´ ilustrado por Raquel Gu e adaptado a persoas que usan lectores de pantalla grazas á ONCE, coa creación e recreación dun fermoso mural colectivo como produto final.


"A ciencia do futuro ten que ser
feminista, integradora e humanista".

(Raquel Yotti, médica cardióloga española)

06/02/23

CIENCIA DIVERTIDA

O alumnado de 6º de Primaria está a traballar as Ciencias dun xeito ben divertido. Como mostra, estes lapbooks, resultado da súa investigación e estudo sobre os animais.

Ademais, as mozas e mozos fixeron unhas lucidas presentacións orais dos seus fantásticos traballos.

MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!





30/01/23

PASAPALABRA DA PAZ

Hoxe, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria reunímonos na Biblioteca para participar nunha actividade moi especial: un interesantísimo Pasapalabra da Paz, no que por equipos tentamos adiviñar o maior número de palabras posible para o noso grupo. As profes dicíannos a definición e, coa pista da letra pola que comeza, tiñamos que adiviñar o termo. Para indicar os turnos e, tamén, os acertos e os erros, dispoñemos duns xeitosos pulsadores.

Pasámolo xenial!!!

VIVA A PAZ!!!

28/01/23

MISIÓN ALBA

Dende o primeiro trimestre, o alumnado de 5º de Primaria está participando na MISIÓN ALBA, un proxecto do centro científico Sincrotón ALBA, situado preto de Barcelona.

O Sincrotón ALBA é un centro no que se crea luz de Sincrotón, empregada para moitas investigacións científicas como o desenvolvemento de novos materiais, a loita contra diversas enfermidades e a creación de novos alimentos.

MISIÓN ALBA é o proxecto de colaboración das persoas científicas cos centros escolares de todo o estado. Elas propoñen unha serie de desafíos científicos de experimentación con diferentes fontes de luz para comprobar as propiedades da materia e, de paso, axudar a construír novas vocacións científicas!

Todas as actividades seguen o método científico e, incluso, están dispoñibles en todos os idiomas do estado. O alumnado tamén dispón de videoconferencias para coñecer de primeira man a científicas e científicos relevantes así como o seu traballo.

Cada trimestre, a organización realiza un sorteo entre todos os centros escolares participantes, e o pasado mes de decembro... as nosas nenas e nenos gañaron o primeiro premio!!!

Tras unha longa espera... por fin chegou o agasallo en forma dunhas chulísimas camisetas!!!


MOITÍSIMOS PARABÉNS!!!

Se queredes saber máis desta aventura científica, non tedes máis que visitar a páxina do proxecto no seguinte enderezo: https://www.misionalba.es/gl


28/11/22

"QUE NINGUÉN CORTE NUNCA AS TÚAS ÁS"

Baixo o lema "Que ninguén corte nunca as túas ás", o alumnado de 5º e 6º de Primaria desenvolveu nas aulas unha serie de actividades no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: lecturas temáticas, audicións musicais, reflexións orais e por escrito, debates, murais con nubes de palabras e mensaxes de ánimo e apoio para as vítimas das violencias machistas, que tamén rotularon nunhas fermosas plumas que, ben xuntiñas, conformaron unhas grandes ás que serviron para facer uns vistosos photocalls.

Ademais, no propio día da conmemoración, estas mozas e mozos luciron unhas camisetas súper orixinais decoradas para a ocasión con pinturas violetas e lemas personalizados, cos que reivindicaron o máis absoluto rexeitamento a todas as formas da violencia machista, coa esperanza de que esta eiva social desapareza da faz da terra dunha vez por todas.


NUNCA MÁIS!!!

BASTA XA!!!

VISITAS