Amosando publicacións coa etiqueta TEATRO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TEATRO. Amosar todas as publicacións

03/02/26

SAÍDA AO TEATRO: "UNBOXING ALICE"

Hoxe, martes 3 de febreiro, o alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria acudiu ao auditorio de A Fundación para ver a obra de "Unboxing Alice". A obra narrada integramente en inglés busca "renovar" a historia de "Alicia no país das marabillas", engadindo elementos tan actuais como os Youtubers ou os videoxogos.

Aprendemos un montón de cousas e pasámolo en grande!  🐰🎭









24/11/25

PROGRAMA "MISTURA" E VISITA AO MUSEO

O martes 4 de novembro o alumnado de 5º e 6º de Primaria participou no programa de teatro para escolares de Afundación chamada "Mistura". Esta obra é un espectáculo audiovisual con música en directo que nos invita a poñer en práctica os nosos sentidos.

Tras a visita, fixemos unha paradiña para merendar na Praza da Ferrería e visitamos o 5º edificio do Museo Provincial de Pontevedra. Alí fixemos un percorrido polas estancias, facendo unha parada especial na Sala de Castelao, con motivo do seu ano. 



21/05/19

VISITA DE ANTÓN CASTRO


No marco da conmemoración das Letras Galegas e o programa "Dándolle á lingua", promovido polo noso Concello co obxectivo de dinamizar o uso oral da nosa lingua, celebrouse onte no noso centro o obradoiro "Cantar historias, contar historias", impartido por Antón Castro.



O histórico compoñente de Fuxan os Ventos fixo as ledicias do alumnado de 5º e 6º de Primaria, que participou gozosamente dos contos, historias, xogos, teatro e cancións que Antón acompañou con culleres, cuncas, vasos, cartaces, expresión corporal... e a súa fermosa zanfona.



Unha marabilla!

Moitísimas Grazas!!!


20/06/18

20 de xuño: DÍA MUNDIAL DAS PERSOAS REFUXIADAS

   Hoxe asistimos a unha obra de teatro que nos fixo pensar: "O VALO", de Pallasos en Rebeldía e Culturactiva SCG.
   Non todo o mundo ten as mesmas posibilidades na vida. Por distintas circunstancias, hai xente que ten que deixar a súa casa, a súa familia ou a súa terra, e de forma obrigada. É inxusto ter que deixar todo por culpa das guerras.

   Esta obra cóntanos unha historia que é realidade, hoxe en día, en moitas persoas: As refuxiadas. Chegan ao noso país e a outros buscando axuda que, moitas veces, non atopan. E, como ben nos dixo X.M. Fernández Abraldes, o alcalde de Barro: Moitas familias que coñecemos, ou a nosa propia, emigraron no pasado na procura dunha vida mellor a outros países, aínda que fose por distintos motivos.

   A moza da obra estaba soa, sen saber nada da súa familia, nin sabía se estaban vivos ou mortos. Buscaba un lugar onde poder vivir sen guerra, buscaba sobrevivir.
   Se nos pasara a nós, tamén nos gustaría que alguén nos axudara ante unha situación tan desesperada. Ou non?

   Hoxe é o Día Mundial das Persoas Refuxiadas. Que non quede só como unha data máis no almanaque!














08/02/18

TEATRO E ROTEIRO POR PONTEVEDRA

O mércores 31 de xaneiro, as alumnas e os alumnos de 5º e 6º de Primaria achegámonos ata Pontevedra para asistir a unha divertida comedia musical en inglés titulada ´Zapping´ de Blue Mango Theatre.



A obra gustounos moito. Fíxonos pensar sobre as consecuencias das decisións que tomamos na vida e de que, se erramos, temos que aprender dos erros xa que non somos Eli, a protagonista, que tiña o poder de rebobinar o tempo.

Como nas clases estivemos traballando o libro Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas, persoaxes creados por Pepe Carreiro, decidimos aproveitar a saída para facer un roteiro por algunhas das prazas máis emblemáticas da cidade.

O autobús deixounos nas inmediacións da praza de abastos, situada na beira do río Lérez.

Dirixímonos logo ata a Praza da Pedreira, así chamada polas actividades de cantería que se desenvolvían neste lugar, onde destaca o Pazo de Mugartegui.

Moi preto está a Praza de Méndez Núñez, co impoñente caserón onde viviu e morreu o almirante que lle dá nome.  Posteriormente, nese edificio organizaríanse encontros de escritores nos que participaban, entre outros, o vilanovense Valle-Inclán, con quen fixemos unha foto.


Despois, paseamos pola Praza de Curros Enríquez. Debe o seu nome ao grandísimo poeta ourensán do Rexurdimento. Alí atopamos unha escultura dun importante político galego: Alexandre Bóveda.

Chamounos, tamén, a atención unha fonte de ferro fundido construída no século XIX.

A pouca distancia está a céntrica Praza de España, presidida polo Pazo Municipal.


Camiñando pola rúa Michelena chegamos á Praza da Peregrina, onde destaca a igrexa da Peregrina, de singular planta en forma de cuncha de vieira. 

Fronte dela está a escultura do famoso loro Ravachol, símbolo do entroido de Pontevedra.

A continuación, baixamos ata a Praza da Ferraría, da que se fala nunha cantiga popular: 

"Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa. / A fonte da Ferraría, / e San Bartolomeu na praza."

Nunha das súas marxes está a Praza da Estrela, onde miramos o antigo pazo dos Barbeito, máis coñecido como Casa das Caras polas figuras que adornan o edificio.


Na Praza da Ferrería repousamos un pouquiño e merendamos moi, pero que moi ben.


Con enerxías renovadas, encamiñamos os nosos pasos ata a sede de Afundación para gozar coa obra teatral´Zapping´ de Blue Mango Theatre, unha divertidísima comedia en inglés sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos na vida.


Pasámolo xenial !



31/05/17

TI TAMÉN CONTAS

      O venres 26 de maio @s alumn@s de 3º, 4º, 5º e 6º achegámonos ata a Biblioteca Pública para asistir á función TI TAMÉN CONTAS de A Tropa de Trapo, compañía integrada por Brais das Hortas e Marta Ortiz.

    O espectáculo, presentado por Isabel Álvarez, Traballadora Social do Concello, vén promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é socio o Concello de Barro.


     O home feliz, A pelota e Tumbé son os títulos das tres historias que contaron Marta e Brais cunha posta en escena na que non faltou a música, o xogo, o humor, a participación nin, por suposto, a reflexión.


     Dun xeito interactivo tratáronse temas tan importantes como:
  • A felicidade: Non se necesitan moitas cousas para ser feliz.
  • O traballo infantil e a explotación: Debemos fixarmos nas etiquetas dos produtos que mercamos porque hai moitas cousas que se fabrican en condicións de explotación, inclusive elaboradas por nen@s que, en lugar de traballaren, tiñan que estar na escola ou xogando.
  • Colaborar para construírmos, entre tod@s, un mundo mellor: Formado por persoas que se relacionan entre si con respecto, igualdade e liberdade, dispostas a axudar, a cooperar e a aportar o seu gran de area. Porque tod@s contamos. Ti tamén.


     Premendo no seguinte enlace, veredes no blog da nosa Biblioteca un vídeo chulísimo do espectáculo:


MOITÍSIMAS GRAZAS ! ! !

03/02/17

SAÍDA TEATRO "FREAKY"

     O día 25 de xaneiro as chicas e os chicos de 5º e 6º fixemos unha saída a Pontevedra: A un obradoiro no Café Moderno e a unha obra de teatro na Sede Afundación titulada Freaky, da compañía Blue Mango Theatre, e que era en inglés.

     O obradoiro foi moi divertido. Alí recibíronnos Águeda e Patricia, coas que participamos en varias actividades repartid@s en dous grupos: 5º con Águeda e 6º con Patricia. Na que chaman a sala "Noble" fixemos unhas esculturas en bloques de esponxa, deses que empregamos para facer centros de flores; saíron emoticonos, unha balea, un peixe . . . Todas as esculturas quedaron moi ben !

     Noutra actividade aprendemos sobre a obra escultórica de Francisco Leiro, que é de Cambados, onde traballa, inda que tamén ten un estudio en Madrid e outro en Nova York. Seu pai era canteiro e seu avó, ebanista, de onde lle ven a súa paixón pola arte. Tamén lle gustan as historias da nosa terra galega.

     Despois entregáronnos unha ficha para cubrir e buscar a escultura que estaba na foto, falamos dela e buscamos diferenzas e parecidos con outras que non eran de Leiro. As esculturas eran moi grandes: unha dun Fauno, outra, de tres persoas e outra, dunhas mulleres recollendo chapapote, que fai referencia á catástrofe do Prestige (2002).

     Ao saír do Café Moderno, fomos merendar á Praza dos Músicos, e de alí a ver a obra de teatro en inglés, titulada Freaky, que trataba de dúas nenas e un neno que foran a un campamento de verán. Alí facían moitas actividades. Unha das nenas críase mellor ca os outros e chamáballe freaky ao neno, burlábase del . . . Pero nun concurso de baile, el resultou ser o gañador porque era o que mellor bailaba. Ao final, fixeron as paces e foron amig@s.

     Ao rematar a función, collemos o autobús para regresar ao cole. 

     Foi un gran día !



22/10/16

ARQUITECTURA E TEATRO EN PONTEVEDRA

    O pasado luns, día 17, @s alumn@s de 5º e 6º achegámonos ata Pontevedra para aprender dun xeito diferente.
     A primeira parada foi no Café Moderno, situado na Praza San Xosé, coñecida tamén como a praza dos músicos. Alí recibíronnos Patricia e Alberto para guiarnos no taller "Os perfectos arquitectos".
    Sentámonos arredor dunhas mesas instaladas nunha galería moi luminosa, con vistas a un xardín onde destaca unha escultura de Castelao, obra de Francisco Leiro.


     Alberto informounos de que as ventás e o chan da galería foron restauradas hai pouco tempo, así que coidámonos moito de non arrastrar as cadeiras e de usar as papeleiras para manter todo ben limpiño e bonito.
     Patricia falounos de dous arquitectos destacados de Pontevedra: Alejandro de la Sota (1913-1996) e César Portela (1937). Os dous gañaron premios importantes coma o Premio Nacional de Arquitectura. Alejandro de la Sota viviu xustamente na casa onde estabamos, e César Portela reformou o edificio  de Afundación situado enfrente, onde iamos logo ver unha obra de teatro.
     Para ser arquitect@ hai que dominar as matemáticas, o debuxo e as cores. Materiais coma escuadros, cartabóns, reglas, compás, lapis, goma, calculadora... son as ferramentas básicas. 


     O traballo d@s arquitect@s consiste en deseñar obras novas pero tamén restaurar e rehabilitar as vellas. Para iso o primeiro que fan é o "Diagrama de parti", que é unha especie de borrador onde plasman as súas ideas cuns símbolos especiais. Conceptos coma planta, perfil, alzado, estruturas simétricas e dinámicas... foron desfilando pola pantalla de proxección, da que non quitabamos ollo. 


      A parte práctica do taller consistiu en deseñar por grupos a nosa aula ideal.


     Saíron ideas chulísimas: Aulas moi grandes e luminosas con plantas e moitos espazos para ler, dramatizar, facer experimentos, música, navegar por Internet... 


     Alberto explicounos o manexo de Floorplanner, que é unha aplicación gratuita de diseño de planos. É facilísima de usar e moi divertida!
     Antes de nos despedir, agasalláronnos cunhas libretiñas para encher coas nosas ideas e bocetos. Démoslles as grazas e fomos como raios a merendar á Praza da Liberdade. 


     Con enerxías renovadas, entramos na sede de Afundación para ver a obra de teatro "De los cuentos a las cuentas" da compañía Zarándula.
     A protagonista da obra é María, unha nena á que lle encanta soñar e ler. A súa nai morrera e o pai rifaba a miúdo con ela pois pensaba que pasaba demasiado tempo encerrada no seu cuarto cos seus libros.
     María tiña un tío aventureiro e explorador. De cada viaxe que facía, traíalle á rapaza regalos incribles: auga dun río gardada nunha botelliña, unha cabaça, un libro moi antigo e máxico... Tan máxico que os contos que María lía nel facíanse realidade, coa ventaxa de que María podía elixir o seu final. Contos como "O rei Midas", "A galiña dos ovos de ouro", "A princesa e o sapo" ou "Barba Azul". 
   

     En todos estes contos María, que é tan valente coma intelixente, rexeita proposicións de vida aparentemente fáciles e felices pois aposta por esforzarse por si mesma para conseguir o seu soño máis grande: mercar unha vespa para percorrer o mundo e vivir mil e unha aventuras. E para iso decide aforrar, sabendo que os cartos non teñen valor en si mesmos, senón que o seu valor está no que facemos con eles.

     A obra estivo xenial! Foi tan divertida como entretida. Pasounos o tempo rapidísimo.

     Que ben sentan estas saídas! 

     Ir de excursión, mola mogollón.

22/09/15

TEATRO NA BIBLIOTECA PÚBLICA

     Interesante programación de teatro este fin de semana na Biblioteca Pública do Concello.

     (Preme na imaxe e accederás a máis información publicada no blogue da nosa Biblioteca)



VISITAS