Amosando publicacións coa etiqueta C. SOCIAIS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta C. SOCIAIS. Amosar todas as publicacións

15/10/20

Anna Frank e o Ministerio do Tempo.

O Ministerio do Tempo, un segredo de 6º curso. 

O alumnado de 6º curso está involucrado nun proxecto que consiste en buscar información en distintos soportes para resolver misións.

O seu obxectivo é detectar e impedir que calquera intruso do pasado chegue ao noso presente -ou viceversa- co fin de utilizar a Historia para o seu beneficio. O paso cara a outras épocas realízase a través de Anna Frank, que será quen nos presente as distintas misións.

A misión dos axentes: loitar para que o pasado non cambie, o que supoñería que o noso presente non sexa o que é. Para iso deberán coñecer a historia, persoas e feitos.

Dous dos nosos axentes, Anxo Couso e Anxo Parguiñas, trouxeron de forma voluntaria para compartir cos seus compañeiros e compañeiras, unha fermosa manualidade que representa "o escritorio de Anna Frank". Dende hoxe formará parte da nosa aula e do noso proxecto, xunto coa caixa "Top Secret".

                                             MOITAS GRAZAS AOS DOUS! 





14/03/18

NON Á VIOLENCIA DE XÉNERO

   O luns 12 de marzo, os alumnos e alumnas de 5º e 6º, asistimos á biblioteca do colexio para escoitar unha interesante charla sobre a violencia de xénero. 
   Alí agardaban Josefa Vázquez e David Santos. Josefa é especialista en casos de violencia de xénero e David fai controis nas estradas.
    Dixéronnos que a violencia de xénero do home contra a muller denomínase violencia de xénero. A violencia doméstica é aquela que ocorre no ámbito familiar.

    Os danos do home contra a muller primeiro comezan con intimidacións, psicolóxicos e por último físicos.

   O maltratador acostuma ser celoso, inseguro e coa autoestima baixa, ao igual que a vítima, á que fai sentir culpable de que a maltrate.

    A vítima pensa que o maltratador o fai “por amor”, hai veces que o admira e non entende por que a maltrata, e cando a vítima denuncia, sente culpabilidade e medo de recordar os feitos. Tamén pode sentir medo de que o maltratador queira vinganza, pero para que iso non pase, a vítima pode poñer unha orde de alonxamento, ou pódeselle poñer unha pulseira GPS. 
   Para poñer denuncias de violencia de xénero, chama ao 016.
    Durante a charla estivo o equipo da TVG para facer unha reportaxe. Saímos na tele!
   
      Paremos a violencia de xénero!

CHARLA: ACOSO ESCOLAR

    O día 12 de marzo de 2018 , fomos á biblioteca do noso centro escoitar unha charla que viñeron dar Josefa Vázquez e David Santos, axentes da garda civil en o Grove. A primeira charla tratou de violencia de xénero e a segunda do acoso escolar. 
  O acoso escolar trátase de cando un nen@ é atacado, humillado ou insultado reiteradamente por un compañeir@ agresivo.  
 
                               QUE HAI QUE FACER CANDO SOFRES ACOSO ESCOLAR?

   O que tes que facer primeiro e intentar dialogar co acosador, e se iso non funciona, avisar a un adulto (pai, nai, profesor/a...) e por último, chamar a policía se a cousa vai a máis.            
   Cando un agresor acosa, hai espectadores: os que miran a agresión e unha vítima: quen o está a sofrer.
   Explicáronnos que hai dous tipos de vítimas: pasivas e activas, e agresores: directos e indirectos.
   Estivo moi interesante a charla.


13/03/18

VIOLENCIA DE XÉNERO E ACOSO ESCOLAR

As alumnas e os alumnos de 5º e 6º de Primaria seguimos onte con moito interese e atención as charlas desenvolvidas na nosa Biblioteca sobre violencia de xénero e acoso escolar.
Foron impartidas por axentes da Garda Civil ante a presenza das cámaras da TVG.
Tomamos boa nota dos temas tratados e agradecemos moitísimo a información que habemos procurar ter presente nas nosas vidas.

A televisión emitiu así a noticia:




08/02/18

TEATRO E ROTEIRO POR PONTEVEDRA

O mércores 31 de xaneiro, as alumnas e os alumnos de 5º e 6º de Primaria achegámonos ata Pontevedra para asistir a unha divertida comedia musical en inglés titulada ´Zapping´ de Blue Mango Theatre.



A obra gustounos moito. Fíxonos pensar sobre as consecuencias das decisións que tomamos na vida e de que, se erramos, temos que aprender dos erros xa que non somos Eli, a protagonista, que tiña o poder de rebobinar o tempo.

Como nas clases estivemos traballando o libro Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas, persoaxes creados por Pepe Carreiro, decidimos aproveitar a saída para facer un roteiro por algunhas das prazas máis emblemáticas da cidade.

O autobús deixounos nas inmediacións da praza de abastos, situada na beira do río Lérez.

Dirixímonos logo ata a Praza da Pedreira, así chamada polas actividades de cantería que se desenvolvían neste lugar, onde destaca o Pazo de Mugartegui.

Moi preto está a Praza de Méndez Núñez, co impoñente caserón onde viviu e morreu o almirante que lle dá nome.  Posteriormente, nese edificio organizaríanse encontros de escritores nos que participaban, entre outros, o vilanovense Valle-Inclán, con quen fixemos unha foto.


Despois, paseamos pola Praza de Curros Enríquez. Debe o seu nome ao grandísimo poeta ourensán do Rexurdimento. Alí atopamos unha escultura dun importante político galego: Alexandre Bóveda.

Chamounos, tamén, a atención unha fonte de ferro fundido construída no século XIX.

A pouca distancia está a céntrica Praza de España, presidida polo Pazo Municipal.


Camiñando pola rúa Michelena chegamos á Praza da Peregrina, onde destaca a igrexa da Peregrina, de singular planta en forma de cuncha de vieira. 

Fronte dela está a escultura do famoso loro Ravachol, símbolo do entroido de Pontevedra.

A continuación, baixamos ata a Praza da Ferraría, da que se fala nunha cantiga popular: 

"Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa. / A fonte da Ferraría, / e San Bartolomeu na praza."

Nunha das súas marxes está a Praza da Estrela, onde miramos o antigo pazo dos Barbeito, máis coñecido como Casa das Caras polas figuras que adornan o edificio.


Na Praza da Ferrería repousamos un pouquiño e merendamos moi, pero que moi ben.


Con enerxías renovadas, encamiñamos os nosos pasos ata a sede de Afundación para gozar coa obra teatral´Zapping´ de Blue Mango Theatre, unha divertidísima comedia en inglés sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos na vida.


Pasámolo xenial !



05/04/17

SEXTO EDIFICIO DO MUSEO E RUÍNAS DE SAN DOMINGOS

     O pasado venres, 24 de marzo, @s alumn@s de 5º e 6º asistimos en Pontevedra a unha xornada organizada polo equipo didáctico do Museo en colaboración coa Deputación Provincial polo que, nesta ocasión, a viaxe saíu completamente gratis. Que sorte !

    Primeiro tiñamos que ir ao Sexto Edificio do Museo pero, como chegamos cedo, antes de entrar paseamos polas rúas adxacentes. Así puidemos facer unhas fotografías en lugares típicos pontevedreses como son a praza da Leña e a rúa dos arcos de San Bartolomeu, e incluso visitar a igrexa de San Bartolomeu, iso si, moi, pero que moi caladiñ@s.




     Logo dirixímonos á entrada do Sexto Edificio do Museo onde agardaban Jose, Noelia e Carmen para nos acompañar nunha interesante ruta histórica.


     Cantos anos dura a Prehistoria ? Que acontecemento importante marca o paso da Prehistoria á Historia ? Que período de tempo abarca a Historia Antiga ? E a Idade Media? E a Idade Moderna ? E a Contemporánea ? Cales son as principais características da Idade Media ? Estas e outras cuestións abordámolas na sala 1 da primeira planta, que alberga tesouros da Prehistoria e da Antigüidade.


     A continuación, e dun xeito ben simpático por certo, reflexionamos sobre o concepto de Arte para centrar de seguido a nosa atención nas laudas gremiais a partires de dúas obras artísticas presentes na sala: A lauda de Suero Gómez de Soutomaior, cabaleiro con espada falecido na guerra, e a lauda do gremio dos carniceiros, co coitelo e machete característicos.


     Como non chovía, Jose comentou que iamos continuar a nosa lección de arte medieval nas Ruínas de San Domingos, onde se atopan os restos do antigo convento dominico da cidade, o máis destacado exemplo de arquitectura mendicante galega.

     Quedamos encantad@s coa proposta. Así podiamos estirar as pernas e pasear pola rúa Pasantería, a praza da Ferrería e a rúa Michelena ata chegar ao noso destino.


     Alí sentámonos na ábsida principal e atendemos á historia do lugar moi ben explicada por Jose, quen falou das características arquitectónicas principais: planta de cruz, bóvedas nervadas de canón, cinco ábsidas (a grande no medio e dous máis pequenas a ambos lados) ou o arco de medio punto.


     Marabillámonos ao saber que foi igrexa, convento, hospicio, cárcere, escola infantil, cuartel e teatro. Mi madriña ! Mesmo co paso do tempo, a mediados do século XIX, aproveitaron as súas pedras para pavimentar as rúas de Pontevedra. Mágoa ! Menos mal que un grupo de persoas estudosas que formaban a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra decidiron usar as ruínas para as súas reunións e reivindicar o seu importante valor. Así, en 1895, lograron que fora declarado Monumento Nacional, converténdose no primeiro Monumento Nacional da provincia de Pontevedra.

     Admiramos outras laudas gremiais, tumbas de persoeiros importantes como Paio Gómez de Soutomaior ou Frei Domingo de Liñares e tamén escudos de importantes familias como a de Tristán de Montenegro, cos seus emblemas propios. Ata aprendemos que os apelidos rematados en -ez significan "fill@ de". Por exemplo: Fernández significa fill@ de Fernando; Domínguez, de Domingo; Sánchez, de Sancho; Martínez, de Martín . . .


     Cantísimas cousas aprendemos ! ! !

     Despedímonos de Jose, Noelia e Carmen, non sin antes agradecer o tempo que compartiron con nós, e saímos disparad@s coma foguetes cara á Alameda para merendar.


    Con enerxías renovadas, entusiasmámonos cando as mestras preguntaron se queriamos ir xogar ao Parque das Palmeiras. Pasámolo bomba percorrendo circuítos e, sobre todo, columpiándonos nun columpio xigantesco onde cabían ata media ducia de persoas.



     Que ben o pasamos ! ! !

     Unha saída redonda ! ! !
     

18/03/17

VISITA Á EXPOSICIÓN "IMAXES NO TEMPO"

     Hoxe en día vivimos rodead@s de todo tipo de comodidades, inmers@s na era das comunicacións e na cultura dixital con dereitos a recibir coidados médicos, educación gratuíta, vivenda, vacacións e outros servizos sociais complementarios. Pero non sempre foi así.
     Houbo un tempo en España, en Galicia, en Barro no que todo era ben distinto. Na primeira metade do século XX os graves conflitos sociais e políticos desembocaron nunha cruenta Guerra Civil á que sucederon anos de posguerra e bloqueo internacional que castigaron gravemente á poboación.
     Sofía, María e Maruja viviron a súa infancia naquela época e quixeron compartir con nós parte dos seus recordos.
     O encontro aconteceu o mércores 15 de marzo no Salón de Actos da Biblioteca Pública, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller (8 de marzo) e co motivo da 1ª Exposición de "Imaxes no Tempo" promovida polo Concello. Actuou de mestra de cerimonias Pili, a encargada da OMIX.


     Sofía é de San Amaro, un lugar da parroquia da Portela. É unha muller que fala de tal xeito que dá gusto escoitala.
      Aos 12 anos tivo que deixar a escola e poñerse a coser na súa casa. Eran tempos de pobreza e había que traballar para comer. A súa nai ensinoulle a ler e escribir con libros vellos e xornais e a súa tía, malia que lle faltaban uns dedos que queimara, aprendeulle a coser. Cosía de todo: pantalóns, camisas, abrigos, vestidos, gorros . . . Unha vida dura, onde non había cartos nin centros comerciais nin tendas para mercar a roupa. Todo se facía a man. Cosía durante todo o día e, na época das vodas e dos enterros, tamén pola noite baixo a luz do candil pois aínda non chegara a luz eléctrica ás casas. Ademais, para gañar cartos, adoitaba cortarlle o pelo ás rapazas e facerlle nas orellas os buratos para que puidesen levar pendentes.
     Como non había coches nin buses, tiñan que ir a pé a todas partes, ben fora á escola ou a urxencias médicas en Pontevedra. Polo seu traballo, facía a diario 3 km coa máquina de coser ao lombo.
     Un día, cando regresaba de noite da escola, percorrendo soa o escuro camiño xunto a vía do tren, apareceulle un home que quería ser o seu mozo. Ela asustouse e botou a correr e correr ata chegar á primeira casa que atopou e resgardouse nela. Dende aquela, xa non marchaba soa das casas; sempre ía acompañada.
     Casou pronto e, na procura dunha vida mellor, emigrou aos 18 anos a Venezuela pero, ao pouco tempo regresou, pois os roubos e a violencia que alí atopou sucedíanse día tras día.
     
     María é da parroquia de Perdecanai. Ten un falar moi doce e amable.
    Contounos que ela acudiu á escola por vez primeira con 6 anos, aínda que a idade mínima, por aquel entón, era de 7 anos. A súa mestra viña todos os días en tren dende Pontevedra.
     Foi á escola ata os 13 anos. Nos recreos, @s nen@s non merendaban nada pois nada tiñan pero ela era unha afortunada pois o seu pai e a súa nai, que eran taberneir@s, lle daban os anacos de pan de trigo que lles sobraba.
     Tivo a súa primeira boneca (mercada) aos 6 anos. Duroulle pouco xa que era de cartón e un día deixouna fóra da casa, púxose a chover e, á mañá seguinte, atopouna estragada. María chorou, chorou e chorou.
     Naquel tempo, cando chovía, a xente adoitaba protexerse con sacos ou chaquetas vellas. Os paraugas que había eran todos negros pero María, con 12 anos, tivo o seu primeiro paraugas de cor, a raias, grazas a un regalo que lle fixera o seu irmán. Tan encantada quedou con el que desexaba que chovera para poder usalo.
     Casou aos 21 anos. Cando o carteiro da vila xubilou, ofreceuse para o posto e nel estivo dende 1974 ata 2008. Agora xa vai para 9 anos que está xubilada.

     Maruja é da parroquia da Portela pero criouse no lugar de San Amaro. Ten un falar moi risoño e simpático.
     Maruja ía á mesma escola que Sofía. A María coñecérona máis tarde pois daquela había pouca comunicación entre as parroquias. Tampouco tiñan teléfono nin televisión.
     Contou Maruja que adoitaba xogar con outr@s nen@s nun claro dun bosque. Un día sentíronse observad@s e decatáronse de que era . . . un lobo ! Ela, co medo que tiña no corpo, creu ver unha enorme vaca. Tod@s rimos coa anécdota.


     Sofía, María e Maruja falaron tamén de que na súa infancia non tiñan lapis, gomas nin afialapis. Na escola había mesas de madeira con buratos para os tinteiros. Facían os ditados con plumas que mollaban nos tinteiros e facían as contas nunhas pizarras pequenas cuns xices que lle chamaban pizarríns.
     Como non había cartos para mercar xoguetes, facíanos co que tiñan a man. Por exemplo, cos carozos das mazarocas de millo construían castelos e facían bonecas coas súas trenzas e todo. É toda unha mostra de imaxinación e creatividade. Con moi pouco, pasábano de marabilla. Eran felices.
     Outros xogos populares da época eran as cartas e as "leiriñas" (o tres en raia), ao que xogaban con sementes ou pedras para marcar as liñas.
   Nesa época a calefacción das casas adoitaba proceder da propia calor dos animais que vivían na planta baixa da vivenda. E, a diferenza de hoxe en día, nin nenas, nin mozas, nin mulleres levaban pantalóns. Ademais, como non había electricidade nin lavadoras, as mulleres lavaban a roupa no río ou nas pozas. E ir ao médico por un arrefriado, unha gripe, un golpe ou calquera doenza común era impensable. Curábanse na casa con repouso, sendo habitual o uso da árnica, unha planta medicinal que alivia a dor, baixa as inflamacións e evita as infeccións.
     
     Logo da charla Sofía, María e Maruja acompañáronnos pola exposición fotográfica. 



     Nela aparecían elas cando eran máis noviñas e tamén outras persoas retratadas en diferentes situacións da vida cotiá: nos labores do campo, no muíño, facendo augardente, en festas ou en cerimonias relixiosas (Primeira Comuñón, vodas, procesións . . . ). Chamounos moitísimo a atención a foto da construción do noso colexio.


     Estas imaxes teñen moitísimo valor histórico porque, a diferenza do que sucede actualmente, que xeramos miles e miles de fotos cada día, daquela ninguén tiña medios para facelas agás fotógrafos profesionais como Reinaldo Constenla (1918-1982), un veciño de Barro que soubo retratar moi ben a historia do concello e da súa veciñanza entre os anos 40 e 70 do século pasado. 

     A visita foi para nós unha auténtica lección de Historia que nos leva a valorar e respectar a nosa herdanza cultural con todo o que supuxo de traballo e sacrificio, pero tamén de ledicia e felicidade, así como a ter conciencia da calidade de vida da que gozamos na actualidade e saber agradecela, esforzándonos ao máximo nas nosas tarefas e tentando ser, cada día, un pouquiño mellores.


MOITÍSIMAS GRAZAS, SOFÍA ! 
MOITÍSIMAS GRAZAS, MARÍA !
MOITÍSIMAS GRAZAS, MARUJA !

     E, MOITÍSIMAS GRAZAS ao Concello pola iniciativa !

01/02/17

TAPÓNS SOLIDARIOS PARA NAHIR


    Iniciando o segundo trimestre arrancamos, os nenos e nenas de 5º, presentando ós/ás compañeiros/as do centro a nosa campaña solidaria de recollida de tapóns para axudar a Nahir, unha nena de Pontevedra, de 5 anos, que padece unha parálise cerebral.
    O noso centro é un dos puntos de recollida de tapóns do concello de Barro, e para afrontar tal tarefa comezamos cos preparativos xa no primeiro trimestre: elaboración do logo e slogan da campaña, elaboración de folletos informativos, cartel da campaña . . .
    O martes 24 de xaneiro comezamos a exposición ao alumnado de primaria da presentación desta aventura, que levamos a cabo coa colaboración da Fundación Amigos de Galicia e a Asociación Amigos da Terra, que nos proporcionan información sobre o tema e median na recollida dos tapóns.
  As exposicións foron  acollidas con entusiasmo entre os/as compañeiros/as dos distintos niveis e suscitaron moitas preguntas sobre a recollida e os tipos de plásticos válidos.
     Esperamos que colaboredes con moitos tapóns para axudar a Nahir a pagar o seu tratamento médico e rehabilitación, xa que é moi custoso de asumir para a súa familia. 

    A campaña está tendo unha resposta cidadá impresionante como podedes ler na nova que saíu publicada o pasado sábado, 28 de xaneiro, no Diario de Pontevedra:



    Deixamos unha fotos da presentación, que foi na Biblioteca do cole, ao longo de tres sesións con diferentes niveis.


     Se premedes no seguinte enlace podedes acceder ao folleto que repartimos a todo o alumnado do colexio para ter ben informadas ás familias sobre o proxecto:


MOITÍSIMAS GRAZAS polo voso interese e, sobre todo, pola vosa colaboración ! ! !

20/12/16

"ESPECIES DE ESPAZOS"

     O 13 de decembro @s alumn@s de 5º e 6º recibimos unha bonita lección de:
  • Iniciativa e espírito emprendedor.
  • Traballo colaborativo.
  • Expresión artística.
  • Fotografía.
  • Arquitectura.
  • Aproveitamento dos recursos naturais, materiais e persoais.
  • Respecto ao medio ambiente.
  • Reducir, Reciclar, Reutilizar.
  • Responsabilidade para a conservación e mellora do noso patrimonio natural, histórico e cultural.
     Acompañad@s polas mestras Susana, Pilar e Claudia achegámonos ata o Centro Cívico, situado no edificio do antigo Concello.

    Alí agardábanos Sheila García Prado para nos presentar o proxecto "ESPECIES DE ESPAZOS" centrado na recuperación da antiga escola de Agudelo que ardeu hai moitos anos e está situada xunto a igrexa.


     Sheila explicounos que lle chamaban "A escola da cruz pequena" porque na contorna había moitas cruces pero a máis pequena de todas era a que estaba xusto ao lado da escola.

   Das paredes da sala do Centro Cívico penduraban unha chea de fotografías nas que puidemos observar detidamente o antes e o despois, logo do "lavado de cara" e adecentamento que fixeron Sheila e o equipo de persoas que traballaron arreo nunha fin de semana. Vaia cambio ! 


    Chamounos moitísimo a atención a transformación que sufriron as paredes da escola que, en apenas dous días, pasaron de estar ennegrecidas polo incendio a ofrecer un aspecto espectacular coas cores das estacións do ano: o branco do inverno, os verdes da primavera, os marróns e vermellos do outono, e os amarelos e laranxas do verán.

     Logo atendemos con moito interese a un vídeo que puxo Sheila sobre o traballo desenvolvido. Nel aparecían unhas palabras clave cheas de significado:
  • "Transforma": Reutilización e reciclaxe de materiais de refugallo (pneumáticos, palés, taboleiros . . . ) para facer mesas, bancos, maceteiros . . . 
  • "Máis verde": Plantación de especies autóctonas (como castiñeiros) nos arredores da antiga escola para crear un agradable espazo de encontro entre a veciñanza.
  • "As cores do rural": Simbolizadas no mural da parede con triángulos multicolores.
  • "Metendo a man na terra": Sobre o desenvolvemento do medio rural.

     Sheila contestou, logo, a todas as nosas preguntas. Así soubemos, por exemplo, que os cartos necesarios para levar a cabo o proxecto conseguíronos grazas á participación no programa "Iniciativa Xove" da Xunta de Galicia. Iso si que é darlle un bo uso ao diñeiro: Transformar un espazo feo e inútil nun espazo bonito e cheo de vida e posibilidades onde a xente poida reunirse e gozar con moitas actividades.

     Sheila é arquitecta e coñece a un montón de arquitect@s comprometid@s cos 3 erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) e tiña preparada unha presentación audiovisual para que nós os coñeceramos:
  • CURRO CLARET: Deseñador industrial catalán que reutiliza, por exemplo, madeira para facer taburetes, estantes . . . 
  • PATRICIA URQUIOLA: Arquitecta e deseñadora española que deseña cadeiras e outros obxectos con cartón e madeira laminada.
  • K-LO TALLER DE ECODESEÑO: Estudio no que traballan distintos profesionais comprometidos co deseño sostible. Destacan as súas lámpadas de cartón ás que lles aplican un tratamento especial de acabado.
  • BASURAMA: Colectivo cultural que, como a súa palabra indica, utiliza desperdicios e produtos de refugallo para facer as súas obras.
  • SHIGERU BAN: Arquitecto xaponés que fai casas a partir de tubos de cartón cun tratamento especial que os fai resistentes á auga e ás variacións de temperatura, de xeito que poden aguantar ata dez anos. Incrible pero certo !
  • MICHAEL REYNOLDS: Deseña e constrúe casas con materiais naturais e reciclados.
     Quedamos marabillad@s ! ! !

     Ao despedirmos, Sheila aínda tivo o detalle de nos agasallar a tod@s e cada un de nós cunha foto  relacionada co proxecto.

     De volta nas aulas, unha chea de ideas rebulían nas nosas cabeciñas.

     Canto aprendemos e que ben o pasamos !


 MOITÍSIMAS GRAZAS ! ! ! 

   
Máis información no blog da nosa Biblioteca :



29/11/16

29N: NUBE DE PALABRAS

     Logo de ler e de escoitar a canción Luces errantes de Ismael Serrano, @s alumn@s de 5º estivemos a falar de Gaza (localización no mapa, situación social, pensamentos e sentimentos que nos inspiran os feitos que alí acontecen. . . ) e fixemos entre tod@s esta nube de palabras:



VISITAS