A nosa participación no xogo "Do 8 ao 18 de marzo" (http://oblogdemimi.blogspot.com.es/2016/03/dia-da-muller-traballadora.html) que desenvolvimos na nosa Biblioteca ao longo deses días levounos a coñecer o impresionante labor de mulleres como:
- Paula Carballeira (escritora, contacontos e actriz).
- Amelia Earhart (aviadora).
- Ángeles Alvariño (oceanógrafa, zoóloga e profesora).
- Carmen Herrera (judoca).
- Hypatia de Alejandría (filósofa, matemática, astrónoma e maestra).
- Ada Lovelace (matemática e escritora).
- Sonia Blanco (bióloga e investigadora).
O venres 18 de marzo atopamos exposta no taboleiro a seguinte imaxe:
Ademais recibimos a ficha cunha serie de pistas para coñecer á homenaxeada. A diferenza con respecto ás anteriores estaba en que non iamos atopar información ao través do site (https://sites.google.com/site/do8ao18/home) senón que teriamos o privilexio de vela en persoa, pois viña ex profeso para estar con nós.
Que nervios ! Que emoción ! Que curiosidade !
Así pois, logo do recreo, sentámonos na Biblioteca cos ollos e orellas ben abertos, provistos de lapis e papel e en absoluto silencio para non perder detalle.
A nosa sorpresa foi atopar alí a unha paisana nosa: CARMEN PAZOS MAGARIÑOS (Valbón-Agudelo, 1994).
Contounos que tanto ela como Carlos, o seu irmán, fixeron a Infantil e a Primaria no mesmo centro no que estamos nós. Algúns profesores e profesoras que lle deron clase xa están xubilados pero outros como Rosa, José Luis, Mª Carmen, Luz ou Claudia emocionáronse moito no reencontro coa súa antiga alumna.
Carlos quedou tan impresionado cun concerto que deu a Banda Xuvenil de Barro no noso colexio que decidiu estudar percusión. Hoxe en día toca varios instrumentos (xilófono, marimba, timbais, bombo . . . ) e forma parte da directiva da Banda. Ademais estuda en Vigo unha carreira moi difícil que lle chaman "Teleco" (enxeñaría de telecomunicacións).
Carmen, logo de rematar a ESO no IES de Barro, cursou o Bacharelato no IES A Xunqueira 1 de Pontevedra. Daquela tiña varias afeccións como aprender a tocar o piano, ler e, sobre todo, debuxar.
Un día, vendo na tele un documental sobre Xapón, quedou fondamente impresionada pola súa cultura e empezou a bulir na súa cabeza a idea de ir a estudar Arte ao país nipón. A súa nai e o seu pai aconselláronlle que, para empezar, participase nun programa que consistía en vivir cunha familia xaponesa durante un curso.
Así que, con 18 anos (que casualidade! A mesma cifra que o día da súa visita: 18 de marzo), Carmen pasa de vivir en Valbón a vivir nun pobo xaponés máis ou menos do mesmo tamaño que Barro. Naquel pobo ninguén coñecera nunca a persoas alleas á súa cultura. Así que a nosa paisana converteuse pronto nunha atracción e todo o mundo quería facerse unha foto con ela. Que risa ! Pero recoñece que a idea dos seus pais foi moi boa pois ao integrarse nunha familia adaptouse pronto aos seus costumes ao tempo que perfeccionaba o idioma. Carmen xa ía cunhas nocións de xaponés que aprendera pola súa conta, pero convivir día a día cunha familia facilitoulle moito a súa aprendizaxe.
Durante este primeiro ano recibiu clases para presentarse ao exame de ingreso na Facultade de Belas Artes. A pesares de que estudara moito, tiña un pouco de medo. "E se suspendo?", pensaba Carmen. Pero o seu esforzo veuse recompensado e pasou a proba. Agora leva xa dous anos estudando Arte en Kioto.
Carmen acompañou a súa charla cunhas fotografías que ilustraban con moito detalle todas as cousas que ía contando.
Así puidemos ver imaxes de Kioto, onde vive. Unha cidade tan grande como Barcelona. A diferenza do que sucede aquí, nos edificios do centro da cidade soamente hai tendas, oficinas, cafeterías e outros servizos. As familias viven nas aforas. E gozan, coma nós, de fermosos paseos fluviais.
Carmen explicounos que en Kioto hai moitas torii que son unhas portas enormes que serven para separar o mundo profano do mundo sagrado.
A Facultade onde estuda está situada nunha montaña . . . onde viven cervos e monos ! Cando hai bo tempo, pasea coas súas amigas polo bosque dos arredores pero teñen que ter moito coidado porque os monos lles rouban a comida. Que pillabáns !
Se non vai moita friaxe, Carmen colle a súa bicicleta para ir á Facultade. Pero en xaneiro e febreiro soe nevar. Entón vai en tren. Claro que o bo que ten é que poden facer esculturas coa neve. Que chulada! Xa nos gustaría a nós !
Ademais de pintar, a Carmen gústalle moito ler, facer fotos, tecer os seus xerseis, aprender idiomas (fala castelán, galego, inglés, xaponés, francés e algo de italiano), escoitar música, bailar e, sobre todo, sobre todo, estar coas súas amigas. Presentounos a algunhas delas e dixo que nunha ocasión estiveran de visita en Valbón. Unha quedou tan encantada que, ao parecer, ten a intención de vir a España a vivir durante un tempo.
Cada catro meses, aproximadamente, Carmen volve a Barro para estar coa súa familia e as súas amizades de aquí. En abril comeza o seu terceiro curso porque, segundo nos dixo, o calendario escolar e laboral xaponés iníciase na época da floración das cerdeiras, un espectáculo tan fermoso como efémero pois soamente dura unha semana.
Carmen contestou amablemente ás nosas preguntas. Interesábanos todo; moi especialmente, tiñamos curiosidade por saber cómo se dicían en xaponés os nosos nomes.
Manuel, o noso compañeiro de 6º, preguntou cómo se escribía can e cabalo e ela aproveitou para debuxalos. Con que facilidade e coidado o fixo ! Que bonito debuxo ! Nel escribiu unha dedicatoria para todos nós. Tamén asinou no libro de visitas da Biblioteca.
E leunas en voz alta en xaponés !
Podedes escoitala no precioso vídeo que está no blogue da `biblio´ onde atoparedes un resumo da nosa compañeira de 5º, Sarai Romai Manso, que recolle moi ben as ideas principais do encontro:
Nós cremos que, ademais de moito talento, Carmen Pazos Magariños é unha chica moi valente e emprendedora que loita por facer realidade os seus soños. Agora ten en mente un proxecto de intercambio entre estudantes de Belas Artes de Pontevedra e Kioto. Oxalá se faga realidade ! Tamén sabemos que pronto vai facer unha exposición cunha mostra da súa pintura. Gustaríanos moitísimo vela.
MOITÍSIMAS GRAZAS, CARMEN, POLA TÚA VISITA ! ! !
FELIZ VIAXE ! !
MOITA SORTE ! ! !
Ningún comentario:
Publicar un comentario