10/06/16

VISITA GUIADA POR MARCELLE

     Eran as dúas da tarde cando nos despedimos de Antón e de Fran e subimos ao bus con rumbo ao Parque da Natureza de Marcelle. Chegamos en dez minutos.
     Na entrada do parque agardaban @s monitor@s. O primeiro que fixeron foi distribuírnos en tres grupos: dous de 12 e un de 13. En cada grupo ía unha mestra e o guía correspondente e tiña o seu nome propio:
  • O grupo dos RENOS, no que ía a profe Pilar e a monitora Genma.
  • O grupo das AVESTRUCES, coa profe Mª Carmen e Nico, o monitor.
  • O grupo dos CANGUROS, coa profe Claudia e o monitor Marcos (Topanga para @s amig@s: significa "montaña elevada").


     Estabamos tod@s afamad@s, así que ocupamos axiña as mesas que nos indicaron e devoramos a saborosa comida que prepararan as nosas nais.


     Logo deixamos as nosas mochilas nun carriño que semellaba aos que usan os xogadores de golf e principiamos a nosa visita traspasando triunfais a porta de África dándonos a benvida unhas avestruces de patas longas e potentes para correr veloces. Por certo, entre nós fixemos un xogo de cortexo entre machos e femias imitando ás avestruces e rimos mogollón.


     Uns ánades reais nadaban tranquilamente no río.


    Vimos uns animais impoñentes, os bisontes americanos, tamén chamados búfalos americanos.


     Atravesamos un tronco xigante cun burato no centro, que lle chaman "O cu de África".


    Divertíronnos uns monos capuchinos que facían moitas filigranas e estaban rodeados de auga para non fuxir. Na mesma parcela tamén había lémures que durmían e semellaban unhas bólas peludas. Que curioso !
     Tamén divisamos un babuíno que parecía que tiña moita vergoña.
    Os guías contaron que o zoo colabora con asociacións de recuperación de animais. Por exemplo, as moniñas foron rescatadas dun laboratorio onde lle daban pastillas para non ter bebés (anticonceptivos) e agora están estériles, cáeselles o pelo e perderon moita visión.
     Polo que respecta aos macacos, ao parecer os líderes son os que teñen o cu e o nariz máis vermellos. Que cousas !


     A parella de porcos espiños estaba durmindo a sesta dun modo ben pavero: cabeza contra cu. Podemos pensar que é unha mala idea pero non: é un sistema para vixiar aos depredadores.
     O armadillo estaba acurrucadiño nun recuncho. Nalgúns países comen a súa carne e logo coa coiraza fan charangos, que son instrumentos musicais de corda punteada.
    O lince boreal é precioso e impresionounos moito apostado como estaba no alto dunha árbore.
     Como o raposo é un animal nocturno, case non se deixaba ver, agochado na entrada do seu cubil.


     A medida que avanzabamos polo parque, atopabamos unha chea de obras artísticas en madeira e pedra: portas, árbores, guaridas dos animais, miradoiros, troncos e pedras que semellan bechos ou setas xigantescas. . . Auténticas preciosidades !


     Observamos grandes tartarugas tomando o sol, xinetas e cebras que nos sorprenderon porque descubrimos que as súas raias non son negras senón de cor marrón escuro. Non te deitarás sen saber algunha cousa máis. . .
     Os xabarís estaban tomando o sol, cheos de lama pero tan contentos. "E ti de quen vés sendo?" preguntámoslles a cada un. "Sodes da familia do Xabarín Club ?" E rimos a gargalladas. Ademais, un deles non paraba de roncar. 


     Gozamos dándolle de comer ás cabras ananas, a pesares de que unha compañeira picouse con ortigas ao coller a herba. Pero onde hai veleno, está o antídoto e atopamos enseguida unhas follas de menta para aliviar o picor.


     Alucinamos co capibara, que é o roedor máis grande do mundo, e o falabella, que é o cabalo máis pequeno do mundo. Tamén vimos burros africanos.


     Os suricatas escavan galerías subterráneas para protexerse e teñen unha cara e un porte moi simpático.


     Os nosos guías contaron que un wapiti tirara a outro polos aires cara ao cerrado dos bisontes e tivérono que trasladar a Cabárceno; a cambio, enviaron para Marcelle tres canguros. Aprendemos, ademais, que podemos saber os anos que teñen os wapitis contando o número de puntas das súas cornas. Por certo, sabedes a diferenza entre cornos e cornas? Os cornos son de óso e, cando rompen, non volven saír. En cambio, as cornas pérdense no outono para volver saír a finais da primavera ou do verán. Por exemplo, os cervos, wapitis e renos (os de Papá Noel) teñen cornas; os gamos, cornos. 
     Na reserva (da que logo falaremos máis) vimos unha corna de wapiti mordida e o monitor contou que era porque as femias embarazadas morden as cornas que lles caeron aos machos para obter así o calcio que precisan para o embrión. Que sabia é a nai natureza !


     Wapitis, gacelas, alces, gamos, axis, renos e sitatungas paséanse polo parque a pracer.


     Os osos semellaban seres humanos. No foso vimos tres osas: unha nai, a súa filla e unha tía, irmá da nai. Cando a tía xogaba coa sobriña, a nai viña e separábaas enfurecida porque ten moitos celos. Vaia vaia ! Inda por riba, o macho, enorme, vivía illado porque é moi agresivo. E logo falan nos contos do abrazo amoroso dos osos . . .  


     Algo co que nos sorprenderon @s monitor@s foi co tiro con arco: ENCANTOUNOS.


     O que lle chaman "A reserva" é un bosque autóctono habitado por animais en liberdade coma os emúes, os muflóns (unha compañeira chamáballes "mofletóns" e riamos a máis non poder) ou os wallabies (parecidos aos canguros pero máis pequenos).


    Atrevémonos a darlles de comer aos emúes poñendo os grans nas nosas mans, coas palmas estendidas. Un deles, chamado Poio, era tan manso que ata podiamos tocalo. Foi súper emocionante !


    E atopamos un ovo de emú ! Dixéronnos que podía equivaler a, nada máis e nada menos, dúas ducias de ovos de galiña. 


     Un cartel avisa da perigosidade de dous lobos irmáns  que viven en Marcelle: Pica e Rasca. Os guías dirixiron un xogo con eles: Tiñamos que patear forte no chan, agocharmos e ouvear. Os lobos respondían ouveando tamén. Foi moi interesante.


     Dende unhas pólas, non nos quitaban ollo uns mouchos e unhas aguias: Estaban recuperándose dunhas feridas. Unha vez recuperadas, liberaríannas.


     Aprendemos que os dromedarios poden chegar a beber 150 litros en 15 minutos. Que esponxas !


     Ao remate da visita, dous grupos tiveron tempo de xogar na herba a un xogo parecido a "Unha castaniña por detrás".


     E como non queriamos voltar coas mans baleiras, mercamos na tenda algún pequeno agasallo.
     Antes de subir ao bus fixemos unha foto de gran grupo c@s guías que, temos que dicir, si ou si, foron excelentes.


     Xa no autobús, as mestras preguntaron se queriamos regresar directamente a Barro ou parar un cuarto de hora a merendar na área de servizo de Guitiriz. Xa imaxinades o que contestamos, non?
     Recuperados os folgos, emprendemos a viaxe que nos levaría de volta coas nosas familias entre xogos, cancións, conversacións e a peli de Los Minions que puxo o condutor.
     Voltamos cans@s pero felices e cheos de enerxía.

     PASÁMOLO DE MARABILLA ! ! !


Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS