25/02/17

MUSEOS CIENTÍFICOS DA CORUÑA

     O pasado luns, 20 de febreiro, os chicos e chicas de 5º e 6º curso de Primaria fixemos unha emocionante saída á Coruña para visitar os museos científicos.
     Polo camiño, ben sentadiñ@s no bus, falamos, cantamos e admiramos a fermosa paisaxe que se nos puña por diante.
     Nada máis chegar, merendamos no aparcadoiro do Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peixes con preciosas vistas ao Océano Atlántico. 
     Logo entramos no Acuario e coñecimos a Mari Carmen, quen nos guiaría amablemente polos fascinantes mundos mariños.
     Diante dun estanque, explicounos que a razón pola que os peixes van xuntos en bancos é para protexerse dos depredadores. Así fan, por exemplo, os besugos que estabamos mirando, así chamados na súa idade adulta; cando son pequenos reciben o nome de panchos. 
     Soubemos que os peixes non ven moi ben. Sin embargo algúns, coma o rodaballo, desenvolven un sistema visual moi refinado para adaptarse á escasez de luz dos fondos mariños, sufrindo unha metamorfose que os converte en pez planos con ollos unicamente no seu lado esquerdo. 


     A continuación topamos cunha vaca coa palabra "ACUICULTURA" no seu lombo como símbolo do primeiro animal terrestre criado en granxas, estabelecendo así unha relación coas piscifactorías, xa que son as granxas dos peixes.


     Dende alí, adentrámonos nunha sala onde vimos orellas de mar, anguías, algas e tilapias, que teñen a curiosidade de incubar os ovos nas súas bocas como medida defensiva fronte aos depredadores. A natureza sábeas todas !


   Ante un tanque de auga, interesámonos sobre a granxa mariña do futuro, onde se reproduciría un ciclo vital moi eficiente e nada contaminante con pepinos de mar (equinodermos que se alimentan de refugallos) e algas e anémonas que toman o dióxido de carbono da auga e desprenden o osíxeno que precisan os peixes para respirar. Que ben aproveitadiño todo ! Reutilización total !


    Unha chea de pangas alevíns nadaban nun estanque próximo. Mari Carmen informou de que a súa cría está prohibida en España pois é un peixe de baixa calidade nutritiva e contén moito mercurio, bacterias e pesticidas debido a que viven en medios altamente contaminantes. De procedencia asiática, maioritariamente de Vietnam, comercialízase en forma de filetes.


     No medio da sala Maremagnum hai un tanque cilíndrico con animais mariños que parecen plantas: Gorgonias, plumeiros de mar, corais, esponxas... Un dato que sorprendeu moitísimo é que son os que máis comida consumen diariamente no Acuario, consistente nunha especie de papas elaboradas con mexillóns, gambas e anchoas sen espiña ben trituradiño todo. Seica é toda unha exquisitez para estes animais que semellan plantas.


     Preto de alí vimos ovos de tiburón. Un deles estaba baleiro pois a cría, recén nacida, saíra hai uns días e estaba quietiña no fondo do estanque. 


    Sentad@s nunhas gradas, aguzamos vista e oído para seguir as explicacións sobre os diferentes ecosistemas mariños galegos dende a plataforma continental ata o acantilado. Vimos morenas, polbos, raias, congrios, bogavantes, estrelas de mar, mexillóns . . . ata o pecio dun barco rescatado dun naufraxio para gusto e pracer dos habitantes deste estanque. 
    Os polbos teñen tres corazóns, son de auténtica sangue azul e o que parece a cabeza, en realidade é o seu corpo. Cambia de cor segundo o seu estado anímico: vermello, cando están enfadados, e máis pálido, cando están tranquilos. Ou sexa, coma nós !
     Aprendemos tamén que polbos, congrios e bogavantes cómense uns aos outros: Ao polbo encántalle o bogavante, o bogavante devece polo apetitoso congrio, e o congrio é un aficionado nato ás pulpadas.
   Nun estanque apreciábanse perfectamente as cordas das bateas do cultivo de mexillóns e enterámonos de que China é o primeiro produtor mundial deste bivalvo e España, o segundo, indo Galicia á cabeza. 


     Baixando por unhas escaleiras accedimos á sala Nautilus, decorada ao estilo do gabinete do Capitán Nemo, protagonista da famosa novela de Julio Verne titulada Veinte mil leguas de viaje submarino. Nunha enorme piscina de máis de catro millóns de litros, nadan musolas (tiburóns pequenos), rodaballos, besugos, angelotes, mantas, meros e unha chea dos exemplares mariños máis grandes do Atlántico.


    Pero, sen dúbida, o atractivo máis grande é Gastón, un impoñente exemplar de tiburón touro. Non puidemos ver á súa compañeira, Hermosa, pois morreu hai tres anos. Mágoa !


    Nunha piscina exterior, gozamos do espectáculo que ofrecían @s coidador@s que, nese momento, ocupábanse de darlle de comer a dúas focas femias. Nese lugar hai nove femias e, nunha piscina anexa, catro machos. A razón de estar separad@s é puramente práctica: Non queren que se reproduzan.


     Antes de saír do Acuario, fixemos unha paradiña na tenda de recordos e, xustamente despois, unha foto coa emblemática Torre de Hércules  de fondo, único faro romano e máis antigo en funcionamento do mundo, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco no ano 2009. Un tesouro arquitectónico !


    Sentadiñ@s xa no autobús, chegamos en cinco minutos ao Domus, ao que accedimos subindo (nada máis e nada menos) que noventa escalóns. Dende logo, estamos en plena forma física !
  O primeiro de todo foi ver a película en 3D titulada "Pequenos xigantes" que aborda dúas historias á vez: A dun esquío que se prepara para pasar o inverno e a dun ratonciño saltón aventureiro que se mete en moitos líos pero sae airoso de todos eles. Non vos contamos máis por se queredes vela. A verdade é que paga a pena. O guion atrapa de seguido o interese d@s espectador@s, as imaxes son espectaculares, a banda sonora contribúe notablemente a crear unha atmosfera de intriga e tensión, e o recurso do 3D divirte tanto como fascina ao ofrecermos a ilusión de participar en incribles esceas rodadas en ecosistemas tan diferentes como son o bosque e o deserto. Altamente recomendable !
     Eran as dúas da tarde cando a peli rematou. Cunha fame negra baixamos ao comedor e demos boa conta da comida que levabamos, gozando dunha espléndida vista á enseada do Orzán.
  Coa barrigola cheíña, deixamos as mochilas ben gardadiñas e dispuxémonos a explorar as dúas plantas do museo. Pero antes inmortalizamos a nosa estadía diante da monumental estrutura da cadea de ADN feita con guías telefónicas. Impresionante !


     Como non podía ser doutro xeito, visitamos a nosa familia prehistórica.



     Logo tocamos, ulimos, miramos, escoitamos, exploramos, pensamos, xogamos . . . En fin . . . Divertímonos mogollón interactuando cunha chea de actividades sobre o corpo humano postas ao alcance da nosa man. Foi unha experiencia alucinante !
     




     Despedímonos das monitoras que tan ben nos acolleron e dirixímonos novamente ao autobús, non sin antes retratarmos na escalinata que hai ao pé da xigantesca escultura dun soldado romano, obra do artista colombiano Fernando Botero.


      Preto das catro da tarde eran cando chegamos á Casa das Ciencias


    O seu lema é "Prohibido non tocar". Dito e feito. Un montón de experiencias relacionadas co medio físico agardaban por nós: o movemento dos péndulos, a forza da propulsión do aire, a elaboración de impoñentes pompas de xabón, as forzas centrífuga e centrípeta, a formación de dunas e correntes mariñas, a vibración das cordas . . . Inclusive, unha incubadora cun poliño recén nacido. 
Ah! Que xeito tan divertido de aprender ciencia !




     E, por suposto, tiñamos moitísima curiosidade por acceder ao Planetario. Ás cinco da tarde puidemos entrar e acomodarmos nas súas butacas. O que veu a continuación foi espectacular pois asistimos por vez primeira a unha lección maxistral de astronomía que haberiamos de poñer en práctica esa mesma noita nas nosas casas. Aprendemos a localizar a estrela polar que marca o Norte no noso hemisferio e a distinguir constelacións doadas de contemplar dende Galicia coma a Osa Maior (o "carro" ou "cazo" ou "cucharón"), o cinto de Orión (coas "tres marías"), Casiopea (coa súa forma de W ou M, segundo se mire), o Touro, cos seus cornos e moscas arredor (as Pléyades) ou Sirio, a estrela máis brillante do ceo nocturno, pertencente á constelación chamada Can Maior, situada preto do ecuador terrestre.


     Tamén aprendemos a localizar, segundo a hora do día, os planetas que se divisan dende Galicia e que son: Venus, o máis brillante de todos ("un diamante colgado do ceo" foron as palabras da nosa guía), seguido de Marte (o planeta vermello) e Mercurio.
    Todo isto foi proxectado polo planetario dixital. Logo gozamos dunha exposición ao través do planetario analóxico. Se ben é certo que non dispón dos puntos cardinais nin dos planetas ofrece á vista, en compensación, unha maior cantidade de estrelas. Un espectáculo engaiolante !
   Por último, merendamos no Parque de Santa Margarida, xogamos un pouco ao "pilla-pilla" e falamos das nosas cousas.
     No autobús, de volta á Barro, xogamos ao "teléfono estropeado" e a "reto ou verdade", cantamos, rimos, falamos, contemplamos unha fermosa posta de sol coas nubes roibéns no horizonte e, cando nos decatamos, xa estabamos nas portas do noso colexio, puntuais coma cravos. Alí agardaban os nosos familiares. Tiñamos tantas cousas que contar. . . Tantas experiencias . . . Tantas emocións . . . 

     Foi a mellor excursión da nosa vida ! ! !

     Quedáronnos ganas de repetir ! ! ! 
     

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS