18/03/17

VISITA Á EXPOSICIÓN "IMAXES NO TEMPO"

     Hoxe en día vivimos rodead@s de todo tipo de comodidades, inmers@s na era das comunicacións e na cultura dixital con dereitos a recibir coidados médicos, educación gratuíta, vivenda, vacacións e outros servizos sociais complementarios. Pero non sempre foi así.
     Houbo un tempo en España, en Galicia, en Barro no que todo era ben distinto. Na primeira metade do século XX os graves conflitos sociais e políticos desembocaron nunha cruenta Guerra Civil á que sucederon anos de posguerra e bloqueo internacional que castigaron gravemente á poboación.
     Sofía, María e Maruja viviron a súa infancia naquela época e quixeron compartir con nós parte dos seus recordos.
     O encontro aconteceu o mércores 15 de marzo no Salón de Actos da Biblioteca Pública, no marco da conmemoración do Día Internacional da Muller (8 de marzo) e co motivo da 1ª Exposición de "Imaxes no Tempo" promovida polo Concello. Actuou de mestra de cerimonias Pili, a encargada da OMIX.


     Sofía é de San Amaro, un lugar da parroquia da Portela. É unha muller que fala de tal xeito que dá gusto escoitala.
      Aos 12 anos tivo que deixar a escola e poñerse a coser na súa casa. Eran tempos de pobreza e había que traballar para comer. A súa nai ensinoulle a ler e escribir con libros vellos e xornais e a súa tía, malia que lle faltaban uns dedos que queimara, aprendeulle a coser. Cosía de todo: pantalóns, camisas, abrigos, vestidos, gorros . . . Unha vida dura, onde non había cartos nin centros comerciais nin tendas para mercar a roupa. Todo se facía a man. Cosía durante todo o día e, na época das vodas e dos enterros, tamén pola noite baixo a luz do candil pois aínda non chegara a luz eléctrica ás casas. Ademais, para gañar cartos, adoitaba cortarlle o pelo ás rapazas e facerlle nas orellas os buratos para que puidesen levar pendentes.
     Como non había coches nin buses, tiñan que ir a pé a todas partes, ben fora á escola ou a urxencias médicas en Pontevedra. Polo seu traballo, facía a diario 3 km coa máquina de coser ao lombo.
     Un día, cando regresaba de noite da escola, percorrendo soa o escuro camiño xunto a vía do tren, apareceulle un home que quería ser o seu mozo. Ela asustouse e botou a correr e correr ata chegar á primeira casa que atopou e resgardouse nela. Dende aquela, xa non marchaba soa das casas; sempre ía acompañada.
     Casou pronto e, na procura dunha vida mellor, emigrou aos 18 anos a Venezuela pero, ao pouco tempo regresou, pois os roubos e a violencia que alí atopou sucedíanse día tras día.
     
     María é da parroquia de Perdecanai. Ten un falar moi doce e amable.
    Contounos que ela acudiu á escola por vez primeira con 6 anos, aínda que a idade mínima, por aquel entón, era de 7 anos. A súa mestra viña todos os días en tren dende Pontevedra.
     Foi á escola ata os 13 anos. Nos recreos, @s nen@s non merendaban nada pois nada tiñan pero ela era unha afortunada pois o seu pai e a súa nai, que eran taberneir@s, lle daban os anacos de pan de trigo que lles sobraba.
     Tivo a súa primeira boneca (mercada) aos 6 anos. Duroulle pouco xa que era de cartón e un día deixouna fóra da casa, púxose a chover e, á mañá seguinte, atopouna estragada. María chorou, chorou e chorou.
     Naquel tempo, cando chovía, a xente adoitaba protexerse con sacos ou chaquetas vellas. Os paraugas que había eran todos negros pero María, con 12 anos, tivo o seu primeiro paraugas de cor, a raias, grazas a un regalo que lle fixera o seu irmán. Tan encantada quedou con el que desexaba que chovera para poder usalo.
     Casou aos 21 anos. Cando o carteiro da vila xubilou, ofreceuse para o posto e nel estivo dende 1974 ata 2008. Agora xa vai para 9 anos que está xubilada.

     Maruja é da parroquia da Portela pero criouse no lugar de San Amaro. Ten un falar moi risoño e simpático.
     Maruja ía á mesma escola que Sofía. A María coñecérona máis tarde pois daquela había pouca comunicación entre as parroquias. Tampouco tiñan teléfono nin televisión.
     Contou Maruja que adoitaba xogar con outr@s nen@s nun claro dun bosque. Un día sentíronse observad@s e decatáronse de que era . . . un lobo ! Ela, co medo que tiña no corpo, creu ver unha enorme vaca. Tod@s rimos coa anécdota.


     Sofía, María e Maruja falaron tamén de que na súa infancia non tiñan lapis, gomas nin afialapis. Na escola había mesas de madeira con buratos para os tinteiros. Facían os ditados con plumas que mollaban nos tinteiros e facían as contas nunhas pizarras pequenas cuns xices que lle chamaban pizarríns.
     Como non había cartos para mercar xoguetes, facíanos co que tiñan a man. Por exemplo, cos carozos das mazarocas de millo construían castelos e facían bonecas coas súas trenzas e todo. É toda unha mostra de imaxinación e creatividade. Con moi pouco, pasábano de marabilla. Eran felices.
     Outros xogos populares da época eran as cartas e as "leiriñas" (o tres en raia), ao que xogaban con sementes ou pedras para marcar as liñas.
   Nesa época a calefacción das casas adoitaba proceder da propia calor dos animais que vivían na planta baixa da vivenda. E, a diferenza de hoxe en día, nin nenas, nin mozas, nin mulleres levaban pantalóns. Ademais, como non había electricidade nin lavadoras, as mulleres lavaban a roupa no río ou nas pozas. E ir ao médico por un arrefriado, unha gripe, un golpe ou calquera doenza común era impensable. Curábanse na casa con repouso, sendo habitual o uso da árnica, unha planta medicinal que alivia a dor, baixa as inflamacións e evita as infeccións.
     
     Logo da charla Sofía, María e Maruja acompañáronnos pola exposición fotográfica. 



     Nela aparecían elas cando eran máis noviñas e tamén outras persoas retratadas en diferentes situacións da vida cotiá: nos labores do campo, no muíño, facendo augardente, en festas ou en cerimonias relixiosas (Primeira Comuñón, vodas, procesións . . . ). Chamounos moitísimo a atención a foto da construción do noso colexio.


     Estas imaxes teñen moitísimo valor histórico porque, a diferenza do que sucede actualmente, que xeramos miles e miles de fotos cada día, daquela ninguén tiña medios para facelas agás fotógrafos profesionais como Reinaldo Constenla (1918-1982), un veciño de Barro que soubo retratar moi ben a historia do concello e da súa veciñanza entre os anos 40 e 70 do século pasado. 

     A visita foi para nós unha auténtica lección de Historia que nos leva a valorar e respectar a nosa herdanza cultural con todo o que supuxo de traballo e sacrificio, pero tamén de ledicia e felicidade, así como a ter conciencia da calidade de vida da que gozamos na actualidade e saber agradecela, esforzándonos ao máximo nas nosas tarefas e tentando ser, cada día, un pouquiño mellores.


MOITÍSIMAS GRAZAS, SOFÍA ! 
MOITÍSIMAS GRAZAS, MARÍA !
MOITÍSIMAS GRAZAS, MARUJA !

     E, MOITÍSIMAS GRAZAS ao Concello pola iniciativa !

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS