O pasado venres, 24 de marzo, @s alumn@s de 5º e 6º asistimos en Pontevedra a unha xornada organizada polo equipo didáctico do Museo en colaboración coa Deputación Provincial polo que, nesta ocasión, a viaxe saíu completamente gratis. Que sorte !
Primeiro tiñamos que ir ao Sexto Edificio do Museo pero, como chegamos cedo, antes de entrar paseamos polas rúas adxacentes. Así puidemos facer unhas fotografías en lugares típicos pontevedreses como son a praza da Leña e a rúa dos arcos de San Bartolomeu, e incluso visitar a igrexa de San Bartolomeu, iso si, moi, pero que moi caladiñ@s.
Logo dirixímonos á entrada do Sexto Edificio do Museo onde agardaban Jose, Noelia e Carmen para nos acompañar nunha interesante ruta histórica.
Cantos anos dura a Prehistoria ? Que acontecemento importante marca o paso da Prehistoria á Historia ? Que período de tempo abarca a Historia Antiga ? E a Idade Media? E a Idade Moderna ? E a Contemporánea ? Cales son as principais características da Idade Media ? Estas e outras cuestións abordámolas na sala 1 da primeira planta, que alberga tesouros da Prehistoria e da Antigüidade.
A continuación, e dun xeito ben simpático por certo, reflexionamos sobre o concepto de Arte para centrar de seguido a nosa atención nas laudas gremiais a partires de dúas obras artísticas presentes na sala: A lauda de Suero Gómez de Soutomaior, cabaleiro con espada falecido na guerra, e a lauda do gremio dos carniceiros, co coitelo e machete característicos.
Como non chovía, Jose comentou que iamos continuar a nosa lección de arte medieval nas Ruínas de San Domingos, onde se atopan os restos do antigo convento dominico da cidade, o máis destacado exemplo de arquitectura mendicante galega.
Quedamos encantad@s coa proposta. Así podiamos estirar as pernas e pasear pola rúa Pasantería, a praza da Ferrería e a rúa Michelena ata chegar ao noso destino.
Alí sentámonos na ábsida principal e atendemos á historia do lugar moi ben explicada por Jose, quen falou das características arquitectónicas principais: planta de cruz, bóvedas nervadas de canón, cinco ábsidas (a grande no medio e dous máis pequenas a ambos lados) ou o arco de medio punto.
Marabillámonos ao saber que foi igrexa, convento, hospicio, cárcere, escola infantil, cuartel e teatro. Mi madriña ! Mesmo co paso do tempo, a mediados do século XIX, aproveitaron as súas pedras para pavimentar as rúas de Pontevedra. Mágoa ! Menos mal que un grupo de persoas estudosas que formaban a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra decidiron usar as ruínas para as súas reunións e reivindicar o seu importante valor. Así, en 1895, lograron que fora declarado Monumento Nacional, converténdose no primeiro Monumento Nacional da provincia de Pontevedra.
Admiramos outras laudas gremiais, tumbas de persoeiros importantes como Paio Gómez de Soutomaior ou Frei Domingo de Liñares e tamén escudos de importantes familias como a de Tristán de Montenegro, cos seus emblemas propios. Ata aprendemos que os apelidos rematados en -ez significan "fill@ de". Por exemplo: Fernández significa fill@ de Fernando; Domínguez, de Domingo; Sánchez, de Sancho; Martínez, de Martín . . .
Cantísimas cousas aprendemos ! ! !
Despedímonos de Jose, Noelia e Carmen, non sin antes agradecer o tempo que compartiron con nós, e saímos disparad@s coma foguetes cara á Alameda para merendar.
Con enerxías renovadas, entusiasmámonos cando as mestras preguntaron se queriamos ir xogar ao Parque das Palmeiras. Pasámolo bomba percorrendo circuítos e, sobre todo, columpiándonos nun columpio xigantesco onde cabían ata media ducia de persoas.
Que ben o pasamos ! ! !
Unha saída redonda ! ! !
Ningún comentario:
Publicar un comentario