O alumnado de 6º de Primaria asistiu hoxe a unha charla informativa sobre o apaixonante mundo da apicultura, celebrada no Salón de Actos do Concello de Barro.
O acto comezou cunha cálida benvida do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que presentou ao alumnado a campaña divulgativa que está a desenvolver o Concello en colaboración coa Asociación de Apicultores de Barro. O obxectivo da campaña é dobre: por un lado, sensibilizar sobre a importancia das abellas para os ecosistemas a través da polinización e, por outro, concienciar contra os efectos prexudiciais da vespa velutina, que tanto dano fai á biodiversidade.
O noso ex alumno, Esteban Jamardo, que estivo acompañado por Manolo Outón, integrantes ambos da Asociación, levou ao noso alumnado a gozar dunha viaxe fantástica polo mundo das abellas.
Dun xeito ben ameno e didáctico, explicou o funcionamento dunha colmea, a incrible organización das abellas, a súa linguaxe secreta, a función da raíña e das obreiras, o sorprendente sistema de orientación e comunicación destes insectos sociais, a recolección do pole e do néctar, a produción do mel e da cera, os equipos de protección para apicultura, e moitas curiosidades máis que as mozas e mozos seguiron con moito interese e atención.
Logo de responder a todas as inquedanzas e preguntas do alumnado, Esteban meteuse de cheo na exposición dos perigos e ameazas que entrañan as vespas velutinas e como e cando facer o trampeo máis eficaz das raíñas para mitigar o problema. Provisto do material preciso, o noso ponente demostrou maneiras rápidas de facer trampas, que as mozas e mozos aprenderon rápìdo, co compromiso de poñelas en espazos estratéxicos do patio escolar, así como nas súas hortas e xardíns.
Un encontro fascinante!!!
Moitísimas grazas!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario