O venres 12 de decembro @s compañeir@s de 5º e 6º tivemos o privilexio de celebrar na biblioteca do colexio un encontro co artista de Barro Manuel Ruibal, máis coñecido como Manolo Ruibal. É a segunda vez que visita o colexio; a primeira foi, nada máis e nada menos, que hai 15 anos. ¡Mi madriña! Aínda non nacera ningún d@s alumn@s do centro, e as profes tiñan que ser moi novas . . .
Nun primeiro momento, partindo das imaxes proxectadas no seu Dvd Pura Pintura 1963/2000, explicounos en primeira persoa retazos da súa vida:
- A casa de Monllo onde se criou.
- Os seus baños na Barosa, que aínda goza deles cando pode.
- A antiga cárcere de Pontevedra onde naceu, pois a súa nai traía de Pontevedra aceite, azucre. . . e levaba patacas, ovos . . . Pero iso estaba prohibido daquela e multárona: Chamábanlle estraperlo. Tiña que pagar 3000 pesetas ou pasar 100 días en cadea. Alí naceu o artista.
- Os grupos de velliñas a carboncillo, que representaban os grupos de mulleres que se forman nos mercados para comprar e vender.
- A escola onde estudou: Un mestre para todos os nenos e só nenos.
- O cine de Carballal.
- Un autorretrato seu de cando tiña 20 ou 21 anos. Empezou a pintar con 12 anos, pero soamente conserva obras dende os 20 anos para acá. Como tocoulle vivir unha infancia de escasez, pintaba co que tiña a man: papel de estraza no que envolvían os alimentos nas tendas e co carbón da lareira que afiaba coidadosamente.
- O almanaque que veu de neno na farmacia de Porráns con imaxes de cadros de Van Gogh, Cezanne, Monet . . . A todo color ! Quedou impresionadísimo, pois naquela altura no colexio os libros eran en blanco e negro.
- A estación de A Portela, onde colleu o tren para Madrid con 17 anos. Alí visitou moitas veces o Museo do Prado. Cando se lle acabaron os cartos, pasou dous meses durmindo na rúa, pero non voltou porque quería cumprir o seu soño de ser pintor. E tivo sorte porque o porteiro do Museo do Prado deixáballe pasar gratis.
- Coa súa nai: Manolo Ruibal tiña meses e ela, que se chamaba Preciosa, 25 anos. Está enterrada en Barro.
- Exposicións con cadros de todas as épocas. Un deles está na entrada do IES de Barro.
Logo contestou dun xeito amable e moi cercano a todas as preguntas que lle fixemos:
- Fixeches retratos?
Si, a xente de cerca de aquí, alá nos primeiros tempos.
- Botas de menos Barro e os tempos de antes?
Os tempos de antes eran máis duros: os rapaces ían coas vacas, axudaban no campo . . . e a Barro veño moito.
- Estás traballando nalgunha obra nova?
Si, aínda traballei onte ata as 7 da mañá.
- Cando empezaches coas pedras?
Eu, antes, facía esculturas, pero poucas. Un día vin un palista levantando unha pedra enorme (como de 12 m de alto e 1,5 ou 2 m de ancho) e, ao vela, dixen: "Vou pintar esa pedra".
- Fixeches moitas exposicións fóra de España?
Si, moitas. Ao comezo non quería facer ata ver que a miña obra valía. Expusen en New York, Bos Aires, Lisboa . . .
- En que te inspiras para as esculturas de pedra?
Vendo pedras moi grandes ás que quería trasladar a pintura. Máis que esculturas son pinturas en pedra.
- Apoioute alguén na túa carreira?
Pois si. . . sempre hai alguén. . . Unha das persoas que me apoiou foi a sobriña de Amor Ruibal, do que leva o nome este colexio.
- De que cadro estás máis satisfeito?
Boa pregunta. De varios, pero non podo dicir neste momento ningún en exclusiva.
- Que fixo despegar a túa carreira?
O feito de que en Madrid, nunha exposición colectiva, a un crítico gustoulle moito a miña obra.
- Por que cambias de estilo?
Os artistas, se teñen imaxinación, van cambiando. É un proceso evolutivo. Os que non cambian, non sei como non se aburren.
- Que materiais utilizas para pintar?
Óleo, acuarela, pastel, tinta china . . . e agora tamén témpera. Para o aire libre hai que utilizar outro tipo de materiais para que as pezas non se deterioren.
- Que queres expresar coa túa arte?
O que se me vaia ocurrindo. Este cadro, por exemplo, son chemineas de Queens; chemineas moi moi altas de ladrillo. Gustáronme e pinteinas. Se vexo por exemplo unha galiña que está poñendo un ovo e me gusta, pois píntoa.
- Que che inspiraron os pintores franceses?
Eu era moi novo e moi clásico, e daquela impresionáronme moito. Con 23 anos fun a París en auto-stop e procurei aprender todo canto puiden.
- Que che impresionou de Matisse?
O color. Impresionoume moito o color.
- Como é ser famoso?
Eu non son famoso. Sono na miña casa á hora de comer. Din na casa: "Aí ven Manolo".
- Cantas obras fixeches?
En total, cadros, uns 2000 e pico; esculturas, sobre 100; e debuxos . . . Buf ! ! !
Pero vexo que vós tamén facedes moitas obras. Que cousas máis bonitas! (GRAZAS)
- E esa idea de esculturas monumentais, cando empezou?
Despois de visitar New York, e ao ver aquela pedra tan grande aquí, en Caldas. Ocorréuseme pintala. Xa fixera antes escultura en bronce, pero pequenas.
- Pensa publicar algún libro de poesía?
Si. Teño 3 de poesía, 1 de aforismos e 1 de contos. Algún día publicareinos.
- Que cadro che resultou máis difícil?
Debeu ser un co que botei 11 días, creo.
- Por que ao comezo usaba tonos azuis e negros?
Pois non sei, quizais por sensibilidade. O marrón, por exemplo, non me gusta. O amarelo, si. Aínda que todos son bonitos.
- Rompiches moito?
Si ! ! ! Moito, moito. O que non che gusta, haino que romper.
- En cantos museos hai cadros teus?
Hai en Uruguay, Venezuela, Lisboa, Madrid, Pontevedra . . . En 8 ou 10 ou 12 . . .
- Houbo alguén que non che deixaba pintar?
A miña nai non quería, pero facíao polo meu ben. Ela pensaba que sendo pintor morrería coa fame. E o meu mestre dicía que había que estudar moito e facerse un home de proveito para o día de mañá. Pensábase entón que o máis importante eran as matemáticas, pero a mi dábanseme fatal.
- Tes algunha filla pintora?
Non. Unha é mestra, outra maquetadora e outra economista. A esa si que lle gustan as matemáticas.
Ao final do encontro, Manolo Ruibal aceptou a invitación das profesoras e debuxounos un pato "ruibalesco". Fíxoo coa man esquerda, porque é ambidestro. Quedamos abraiados ! Debuxouno nun plis plas !
Moitísimas grazas pola túa visita ! Desexamos que sigas creando máis e máis obras.
FELICES FESTAS E FELIZ ANINOVO !
"El dibujo creó el perfil del mundo" (MANUEL RUIBAL)
Ningún comentario:
Publicar un comentario