30/03/15

SALÓN DO LIBRO E CONCERTO DIDÁCTICO

     O xoves 19 de marzo @s chic@s de 5º e 6º chegamos ao colexio moi content@s porque iamos a Pontevedra a visitar o Salón do Libro e asistir a un concerto de Odaiko Percussion Group.
    A viaxe en bus, tanto a ida como a volta, fíxose curtiña e nós gozámola ollando a paisaxe, conversando c@s amig@s, rindo e facendo das nosas.
      A primeira parada foi no Pazo da Cultura.


    Alí recibiunos cun sorriso Paula, que tiña a misión de guiarnos polas instalacións do Salón do Libro que, nesta edición, levaba o título "Da ciencia á ficción".


    Para empezar, detivémonos diante dunhas maquetas xigantes da creadora Rosana Largo Rodríguez, baseadas nos contos clásicos de "Pinocho", "Alicia no País das Marabillas", "As viaxes de Gulliver", "Carapuchiña Vermella", "O Mago de Oz"  e "Os tres porquiños".






    Paula preguntounos a relación de cada un destes contos coa ciencia e nós, que somos moi agud@s, contestabamos mirando de reollo para os cartaces. 


     Ela ría e, ademais de completar as explicacións, pulsaba uns botóns e mirabamos abraiados cómo crecía o nariz de Pinocho, cómo se iluminaba o bosque no que tiña que adentrarse Carapuchiña ou cómo subía e subía un globo aerostático. ¡Chulísimo!
    Logo fomos ver a exposición dos traballos que fixeron @s alumn@s dos colexios participantes. ¡Que bonitos! ¡Canta imaxinación! ¡Canta creatividade!
     A continuación, entramos nunha sala que contiña un cubo xigante.


    Paula falounos da luz branca e do seu descubridor, Isaac Newton, quen chegou a deducir que as cores do arco da vella son cores puras mentres que a luz branca é a mezcla de todas elas. Nós, mirando ao través dos caleidoscopios que nos achegou a nosa guía, deleitámonos co mundo de cores que xiraba e xiraba diante dos nosos ollos.
     Nun Salón que vai da ciencia á ficción non pode faltar a ciencia-ficción e, por suposto, as naves espaciais. Acomodados nun novo espazo, Paula preguntou se recordabamos títulos de películas onde saían naves espaciais e contestamos: "Star Trek", "Star Wars" e "Viaxe ao futuro".


     Nunha parede había dous mandos que, supostamente, correspondíanse con dúas naves. A nosa guía rifou e Lucía e Elena foron as encargadas de dirixir as manobras que tod@s @s demais, como bos integrantes dun equipo, tiñamos que facer para acadar con éxito a nosa misión. 


    Na seguinte sala xogamos a descubrir algunhas das constelacións máis coñecidas como a Osa Maior, a Osa Menor, Casiopea ou Orión.


     No momento en que Paula estaba narrando unha historia sobre Orión e a deusa Artemisa, revolucionámonos porque apareceu Orbil, a mascota do Salón do Libro. Abrazou ás "profas" e tod@s queriamos tocar a súa pelaxe. ¡Que suave e agarimoso . . . !


     Para finalizar, a nosa guía propuxo que inventaramos, por grupos, unha historia para contala logo @s nos@s compañeir@s. E temos que dicir que saíron unhas historias a mar de inspiradoras. ¡Claro! Nese ambiente . . . 
     Despois dos aplausos, Paula despediuse e nós agradecímoslle a súa atención e simpatía. ¡Foi unha guía marabillosa!
     Dende o Pazo da Cultura atravesamos o recinto feiral, pasamos por diante dunha escultura adicada a Rosalía de Castro, cruzamos unha ponte sobre o río Lérez e adentrámonos no casco histórico de Pontevedra pola rúa Serra dirixíndonos cara a Ferrería. Alí fixemos unha paradiña para encher o bandullo. Tiñamos a necesidade de renovar as nosas enerxías para o espectáculo musical que nos agardaba.
     Faltaban dez minutos para as doce cando chegamos á sede de Afundación. ¡Puntuais coma cravos! E o teatro encheuse rapidamente. 


     Como nós xa fixeramos por equipos uns traballos de investigación sobre Odaiko Percussion Group, tiñamos especial curiosidade por velos en vivo e directo. E a verdade e que non defraudaron, non. Demostraron ser uns músicos boísimos tocando instrumentos de percusión moi variados, tanto convencionais como inventados por eles: o caixón, a caixa chinesa, a marimba, o vibráfono, o bombo, a caixa, un bidón, tubos, tuberías, caldeiros ou os seus propios zocos. E todo todiño todo presentado con moito sentido do humor, animando ao público a cantar, a bailar e acompañar con palmas as melodías que tocaban, algunhas clásicas (Johann Sebastian Bach) e outras do folclore tradicional.
   









    ¡Foi espectacular! ¡Unha auténtica gozada! 
    E así, coas pilas cargadas e moitas ideas bulindo polas nosas cabeciñas, deixamos Pontevedra e voltamos a Barro, falando sen parar.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS