Dende novo foi polo mundo estreando países e sabe de grandes cidades, de pequenas vilas e tamén sabe moito da aldea: trafegos, romarías, brinquedos dos rapazolos . . .
Sabe, fundamentalmente, de palabras, material do que calquera de nós pode dispoñer porque tod@s temos que contar. Como di un dos seus personaxes: "aquí non hai moitas novas, pero postos a contar, aparecen".
Debemos ser xeneros@s e compartir vivencias, desexos, emocións . . . Gañarlle á adolescencia na que estamos entrando a batalla contra a vergonza de amosarmos como somos.
Contar para valorar o que temos cerca e non desprezar o de lonxe, para entender que non somos máis ca ninguén pero tampouco menos. Para entendermos. "Escribir nun caderno é como baleirar o corazón" di Balbino. Temos que contar e que saber escoitar. E no noso colexio, o día 8 de abril, tivemos a sorte de que un bo home que sabe moito achegouse a nós para contar e para escoitar.
¡ ¡ ¡ GRAZAS SR. NEIRA VILAS ! ! !
(Esta carta de agradecemento foille entregada ao noso querido escritor. Ademais, amosámoslle o libro "AMIGOS" con textos e ilustracións nosas inspiradas nas lecturas de O espantallo amigo e A Marela Tarabela. Tanto lle gustou que quixo levalo para a biblioteca da súa Fundación. Non imaxinamos lugar mellor. É unha honra para tod@s nós.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario