17/11/16

EXPOSICIÓN "GALICIA - CABO VERDE: UNHA IRMANDADE"

     Onte, 16 de novembro, Día Internacional para a Tolerancia, os rapaces e rapazas de 5º e 6º fomos ao Concello.


     Tiñamos moita curiosidade por ver a exposición Galicia - Cabo Verde: Unha irmandade, froito da viaxe que fixo o fotógrafo Rober Amado (Ferrol, 1985) no ano 2013.


     Cabo Verde é un arquipélago situado na costa atlántica de África, en fronte de Dakar (capital do Senegal), formado por dez illas e oito illotes.

     Abraldes, o alcalde, explicounos que é un país onde hai moitísima pobreza e enfermidades e que nós debémonos sentir moi afortunad@s pois, aínda que temos as nosas necesidades, claro, outr@s están a pasalo moi pero que moi mal. 


     Por iso, continuou dicindo Abraldes, o Concello de Barro forma parte, dende hai uns meses, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de impulsar unha cultura de Dereitos Humanos, promovendo actividades como esta exposición e o concerto, no Pazo da Crega, do grupo Batuko Tabanka, formado por doce mulleres caboverdianas que viven dende hai anos en Burela (Lugo).


     Como xa traballaramos algo de fotografía (tipos de planos, ángulo das imaxes, xéneros fotográficos) percorremos a exposición co caderno e boli na man, anotando as características das fotos que máis chamaban a nosa atención así como as emocións que espertaban en nós. 


     Impresionáronnos todas as fotos pero destacaríamos as seguintes:


     A foto dos crebacabezas porque, ao fin e ao cabo, a tod@s nos gustan; a da auga, porque é moi significativa nun país onde a auga potable é un ben máis prezado que o ouro; a d@s nen@s na escola polo seu interese en aprender; a da nena diante da parede deteriorada, pola súa beleza; a do can, porque a tod@s nos deu moita pena a súa historia; a da vexetación exuberante, pola estrañeza de nos atopar tanto verde nun país tan seco; e a foto familiar, pola felicidade que irradiaban nai, pai e fillo a pesar dos seus pesares.

     A visita gustounos moito pois nos fixo pensar, como dicía Abraldes, no afortunad@s que somos de vivir onde vivimos e, tamén, abriunos os ollos a unha realidade na que nen@s coma nós non teñen auga, nin comida, nin xoguetes, nin libros e andan mal vestidos ou con roupa que ten mil lavados.

     Si, a visita gustounos moito porque aprendemos a valorar o que temos e o que somos, a sentirmos inmensamente agradecid@s e a sentir compaixón pola xente que non ten a calidade de vida que merece por ser quen é, nin máis nin menos que seres humanos coma nós.

  

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS