O 13 de decembro @s alumn@s de 5º e 6º recibimos unha bonita lección de:
- Iniciativa e espírito emprendedor.
- Traballo colaborativo.
- Expresión artística.
- Fotografía.
- Arquitectura.
- Aproveitamento dos recursos naturais, materiais e persoais.
- Respecto ao medio ambiente.
- Reducir, Reciclar, Reutilizar.
- Responsabilidade para a conservación e mellora do noso patrimonio natural, histórico e cultural.
Alí agardábanos Sheila García Prado para nos presentar o proxecto "ESPECIES DE ESPAZOS" centrado na recuperación da antiga escola de Agudelo que ardeu hai moitos anos e está situada xunto a igrexa.
Sheila explicounos que lle chamaban "A escola da cruz pequena" porque na contorna había moitas cruces pero a máis pequena de todas era a que estaba xusto ao lado da escola.
Das paredes da sala do Centro Cívico penduraban unha chea de fotografías nas que puidemos observar detidamente o antes e o despois, logo do "lavado de cara" e adecentamento que fixeron Sheila e o equipo de persoas que traballaron arreo nunha fin de semana. Vaia cambio !
Chamounos moitísimo a atención a transformación que sufriron as paredes da escola que, en apenas dous días, pasaron de estar ennegrecidas polo incendio a ofrecer un aspecto espectacular coas cores das estacións do ano: o branco do inverno, os verdes da primavera, os marróns e vermellos do outono, e os amarelos e laranxas do verán.
Logo atendemos con moito interese a un vídeo que puxo Sheila sobre o traballo desenvolvido. Nel aparecían unhas palabras clave cheas de significado:
- "Transforma": Reutilización e reciclaxe de materiais de refugallo (pneumáticos, palés, taboleiros . . . ) para facer mesas, bancos, maceteiros . . .
- "Máis verde": Plantación de especies autóctonas (como castiñeiros) nos arredores da antiga escola para crear un agradable espazo de encontro entre a veciñanza.
- "As cores do rural": Simbolizadas no mural da parede con triángulos multicolores.
- "Metendo a man na terra": Sobre o desenvolvemento do medio rural.
Sheila contestou, logo, a todas as nosas preguntas. Así soubemos, por exemplo, que os cartos necesarios para levar a cabo o proxecto conseguíronos grazas á participación no programa "Iniciativa Xove" da Xunta de Galicia. Iso si que é darlle un bo uso ao diñeiro: Transformar un espazo feo e inútil nun espazo bonito e cheo de vida e posibilidades onde a xente poida reunirse e gozar con moitas actividades.
Sheila é arquitecta e coñece a un montón de arquitect@s comprometid@s cos 3 erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) e tiña preparada unha presentación audiovisual para que nós os coñeceramos:
- CURRO CLARET: Deseñador industrial catalán que reutiliza, por exemplo, madeira para facer taburetes, estantes . . .
- PATRICIA URQUIOLA: Arquitecta e deseñadora española que deseña cadeiras e outros obxectos con cartón e madeira laminada.
- K-LO TALLER DE ECODESEÑO: Estudio no que traballan distintos profesionais comprometidos co deseño sostible. Destacan as súas lámpadas de cartón ás que lles aplican un tratamento especial de acabado.
- BASURAMA: Colectivo cultural que, como a súa palabra indica, utiliza desperdicios e produtos de refugallo para facer as súas obras.
- SHIGERU BAN: Arquitecto xaponés que fai casas a partir de tubos de cartón cun tratamento especial que os fai resistentes á auga e ás variacións de temperatura, de xeito que poden aguantar ata dez anos. Incrible pero certo !
- MICHAEL REYNOLDS: Deseña e constrúe casas con materiais naturais e reciclados.
Ao despedirmos, Sheila aínda tivo o detalle de nos agasallar a tod@s e cada un de nós cunha foto relacionada co proxecto.
De volta nas aulas, unha chea de ideas rebulían nas nosas cabeciñas.
Canto aprendemos e que ben o pasamos !
MOITÍSIMAS GRAZAS ! ! !
Máis información no blog da nosa Biblioteca :
Ningún comentario:
Publicar un comentario