02/02/17

ESPECIES DE ESPAZOS: TRANSFORMA

      O pasado venres, 27 de xaneiro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistimos na Biblioteca do noso centro a un encontro coa arquitecta Sheila García Prado, con quen estiveramos no primeiro trimestre cando fomos visitar a exposición ESPECIES DE ESPAZOS no centro cívico Alcalde Castor Castro, sede do antigo Concello.


     Para refrescar ideas, Sheila amosou algunhas fotografías da antiga escola de Agudelo: localización, planos (planta, interior) e labores de recuperación e acondicionamento do lugar. Polo de agora, só se usa como centro electoral (para votar cando hai eleccións) ou para reunións da Comunidade de Montes. O obxectivo é transformar o edificio nun centro social. 


     Entón, Sheila propuxo un xogo moi divertido: "Centro social ou outra cousa?". Consistía en ver distintas imaxes de edificacións e tratar de adiviñar se eran centros cívicos ou vivendas, bibliotecas, museos . . . Entre risas e máis dunha sorpresa, puidemos coñecer os centros sociais de Xeve, Lérez (o antigo teleclub), Salcedo, Teo, A Coruña (chamado Ágora), Cuntis, Oleiros e moitos máis. Outras imaxes correspondían a vivendas, algunhas delas espectaculares como unha de EEUU que está tan integrada na natureza que polo seu salón atravesaba . . . unha fervenza ! Non imaxinabamos ningún de nós que puidera existir no mundo algo así. Alucinante !


     Logo, visionamos diferentes espazos e Sheila preguntou para que poderían servir. E contestabamos cousas como: para ler, estudar, xogar ás cartas ou ó parchís, bailar, facer teatro . . . Porque, claro, cada cousa é para o que é; ou sexa, @s arquitect@s pensan ben o uso e función das obras que constrúen: Non é o mesmo un colexio ca unha vivenda familiar; o espazo tense que axustar ás necesidades da xente. Ademais, é importante ter en conta os factores ambientais do lugar, como dixo Sheila cando nos amosou unha foto dos tellados das casas que hai en Cabeza de Manzaneda onde vai moito frío e neva, polo que eses tellados son picudos para que a neve esvare e non se veñan abaixo polo seu peso. Que ben pensado está !


     E falando de pensar ben e de necesidades que xurden en calquera edificación, unha delas é a de mobiliario. Como nós estamos desenvolvendo este curso o proxecto "BARRRO" pois apostamos por Reducir, Reutilizar e Reciclar, Sheila ensinounos uns mobles ben bonitos feitos coa técnica de cartón encolado e laminado: taburetes, cadeiras, mesas, sofás, lámpadas, colgadoiros . . . ata unha casiña para gatos ! 


     Explicounos que o moble é máis resistente se colocamos as láminas de cartón en vertical máis ca na horizontal. Outra ventaxa do cartón fronte á madeira é que leva menos tempo e, por suposto, é máis barato. Ademais, é un material moi fácil de manexar: O ideal para nós.


     Pero, antes que nada, temos que pensar ben que é o que queremos facer, para quen vai ser e como vai ser. E, para que o entenderamos ben, Sheila pediu voluntari@s e colleu asentos diferentes en deseño e tamaño para que os probaran ata que cada quen atopaba o que mellor se axustaba ao seu corpo. 


     Foi unha charla súper guai: Aprendemos unha chea de cousas e pasámolo pipa. Estamos desexando xa poñermos mans á obra e facer para o centro social de Agudelo algo que sexa tan útil como bonito. 

  MOITÍSIMAS GRAZAS, SHEILA, E ATA A PRÓXIMA ! ! ! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS