08/02/18

TEATRO E ROTEIRO POR PONTEVEDRA

O mércores 31 de xaneiro, as alumnas e os alumnos de 5º e 6º de Primaria achegámonos ata Pontevedra para asistir a unha divertida comedia musical en inglés titulada ´Zapping´ de Blue Mango Theatre.



A obra gustounos moito. Fíxonos pensar sobre as consecuencias das decisións que tomamos na vida e de que, se erramos, temos que aprender dos erros xa que non somos Eli, a protagonista, que tiña o poder de rebobinar o tempo.

Como nas clases estivemos traballando o libro Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas, persoaxes creados por Pepe Carreiro, decidimos aproveitar a saída para facer un roteiro por algunhas das prazas máis emblemáticas da cidade.

O autobús deixounos nas inmediacións da praza de abastos, situada na beira do río Lérez.

Dirixímonos logo ata a Praza da Pedreira, así chamada polas actividades de cantería que se desenvolvían neste lugar, onde destaca o Pazo de Mugartegui.

Moi preto está a Praza de Méndez Núñez, co impoñente caserón onde viviu e morreu o almirante que lle dá nome.  Posteriormente, nese edificio organizaríanse encontros de escritores nos que participaban, entre outros, o vilanovense Valle-Inclán, con quen fixemos unha foto.


Despois, paseamos pola Praza de Curros Enríquez. Debe o seu nome ao grandísimo poeta ourensán do Rexurdimento. Alí atopamos unha escultura dun importante político galego: Alexandre Bóveda.

Chamounos, tamén, a atención unha fonte de ferro fundido construída no século XIX.

A pouca distancia está a céntrica Praza de España, presidida polo Pazo Municipal.


Camiñando pola rúa Michelena chegamos á Praza da Peregrina, onde destaca a igrexa da Peregrina, de singular planta en forma de cuncha de vieira. 

Fronte dela está a escultura do famoso loro Ravachol, símbolo do entroido de Pontevedra.

A continuación, baixamos ata a Praza da Ferraría, da que se fala nunha cantiga popular: 

"Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa. / A fonte da Ferraría, / e San Bartolomeu na praza."

Nunha das súas marxes está a Praza da Estrela, onde miramos o antigo pazo dos Barbeito, máis coñecido como Casa das Caras polas figuras que adornan o edificio.


Na Praza da Ferrería repousamos un pouquiño e merendamos moi, pero que moi ben.


Con enerxías renovadas, encamiñamos os nosos pasos ata a sede de Afundación para gozar coa obra teatral´Zapping´ de Blue Mango Theatre, unha divertidísima comedia en inglés sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos na vida.


Pasámolo xenial !



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS