16/03/18

CHARLA: EVA CALDAS RUIBAL

O martes 13 de marzo, dentro das actividades programadas no noso cole na semana "Do 8 ao 18" de marzo, o alumnado de 5º e 6º de primaria recibimos a visita de Eva Caldas Ruibal, Inspectora de Seguridade Marítima na Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, e nai de Nahuel e Gabriel, que tamén son alumnos do noso colexio.

Ao alumnado de 5º tocounos estrearnos como reporteir@s e a nosa compañeira África Lede Zarco redactou así esta interesante charla.


"Eva Caldas Ruibal ten 39 anos. Cando era unha nena, ía ao colexio a Santa María de Xeve. Hoxe aínda existe o edificio, pero agora é unha biblioteca pública.

A ela gustáballe moito xogar ao fútbol e os nenos deixábanlle xogar. Pero cando tiña 13 anos organizouse un torneo de fútbol na súa parroquia. Ela quería xogar nese torneo e para poder facelo tivo que formar un grupo de fútbol feminino.


O seu padriño sempre lle contaba historias de barcos e ese mundo gustáballe tanto que, chegado o momento de ir á universidade, decidiu estudar na Escola Superior de Marina Civil na Universidade da Coruña entre os anos 1996 e 2001. Este era un mundo de homes e na súa clase eran 60 chicos e só 8 chicas.


Cando terminou na facultade, traballou dous anos e o seguinte ano, no mes de febreiro, deixou de traballar e comezou a estudar porque había oposicións para subinspectora. A primeira vez que se presentou suspendeu, pero uns meses despois volveuno tentar e aprobou. Tivo moita sorte porque, das 7 prazas que había en toda España, ela conseguiu unha. Fíxose Subinspectora de Seguridade Marítima e tivo que ir traballar a Bilbao.

Como todos os señores que traballaban alí tiñan uns 50 anos e ela só tiña 25, non lle deixaban saír a inspeccionar os barcos e durante meses tivo que traballar detrás dunha mesa. Cando empezaron a sacala ao mar, foi cando descubriron que ela era moi boa nese traballo, e cando lle fixeron a cea de despedida porque se trasladaba á Capitanía Marítima de Vilagarcía, o seu xefe pediulle desculpas por deixala a un lado tan só por ser muller.

Hoxe en día é Inspectora de Seguridade Marítima na Capitanía de Vilagarcía de Arousa e fai inspeccións a barcos moi grandes como petroleiros, barcos de peixe, etc.


E cando unha embarcación se afunde, o barco envía unha mensaxe aos ordenadores onde ela traballa e os traballadores do barco lanzan unha sinal que bota un fume laranxa para que o helicóptero e as embarcacións de rescate saiban onde está o barco".


MOITAS GRAZAS EVA POR VIR CONTARNOS COUSAS TAN INTERESANTES!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS