Amosando publicacións coa etiqueta ARTE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTE. Amosar todas as publicacións

23/11/23

EXPOSICIÓN DE "PICASSO PROTAGONISTA"

O xoves 23 de novembro, o alumnado de 5º e 6º gozou dunha marabillosa exposición que tiña como protagonista a vida e obra de Picasso vista desde a óptica de diferentes artistas.

Complementaron a exposición cun obradoiro no que recrearon, de formas moi variadas, o que para el@s son as guerras. Fixeron as ilustracións tan realistas que ata lle puxeron son co Scratux!


E como non podía ser doutro xeito, fixemos unha paradiña no parque a repoñer forzas!

Aprendimos moitísimo e pasámolo xenial! 😊

31/10/23

SAMAÍN NO 3º CICLO

Un ano máis volve a data máis terrorífica do ano e os/as maiores do cole preparámonos para a ocasión! Ademais de sacar o noso mellor disfrace, decoramos as aulas e os corredores coas personaxes máis coñecidas do Samaín: bruxas, pantasmas, esqueletos, vampiros... 

Aquí vos deixamos unha pequena mostra das nosas creacións. Animádesvos a velas?

🎃 Pasámolo de medo! 🎃

08/03/23

8M: DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No marco da conmemoración do Día Internacional da Muller, alumnado de 6º de Primaria decidiu escribir cartas de cariño, ánimo e agradecemento a unha muller de grande importancia na súa vida (avoas, nais, curmás, tías, amigas...). Cada carta vai acompañada dun artístico agasallo creado polas mozas e mozos con arxila e decorado con témperas.

FELIZ DÍA DA MULLER!!!


28/11/22

"QUE NINGUÉN CORTE NUNCA AS TÚAS ÁS"

Baixo o lema "Que ninguén corte nunca as túas ás", o alumnado de 5º e 6º de Primaria desenvolveu nas aulas unha serie de actividades no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: lecturas temáticas, audicións musicais, reflexións orais e por escrito, debates, murais con nubes de palabras e mensaxes de ánimo e apoio para as vítimas das violencias machistas, que tamén rotularon nunhas fermosas plumas que, ben xuntiñas, conformaron unhas grandes ás que serviron para facer uns vistosos photocalls.

Ademais, no propio día da conmemoración, estas mozas e mozos luciron unhas camisetas súper orixinais decoradas para a ocasión con pinturas violetas e lemas personalizados, cos que reivindicaron o máis absoluto rexeitamento a todas as formas da violencia machista, coa esperanza de que esta eiva social desapareza da faz da terra dunha vez por todas.


NUNCA MÁIS!!!

BASTA XA!!!

19/05/22

FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Para conmemorar o Día das Letras Galegas, o alumnado de 5º de Primaria investigou sobre a vida e obra de Florencio Delgado Gurriarán. Co resultado das súas pescudas, crearon un fermoso mural en forma de bandeira de Galicia, composto por imaxes do autor homenaxeado que conteñen títulos ou versos dos seus poemas.


"Galicia é infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a Terra. 
(...) 
Polo mundo espallados
van os netos dos celtas.
(...)
Os recantos do Mundo...
Todo é terra galega!"

12/02/22

ECOSISTEMAS

O alumnado de 6º curso estivo investigando e recollendo información sobre que é un ecosistema, os seus compoñentes, os diferentes tipos de ecosistemas e, tamén, cales son os principais problemas que lles afectan e como protexelos.

Cos datos recollidos nesa investigación, fixemos un pequeno traballo para despois expoñelo na aula diante das compañeiras e compañeiros.

Decidimos, ademais, poñer mans á obra e crear, con caixas e outros materiais, os diferentes tipos de ecosistemas.


Para completar o noso traballo, participamos no proxecto "PLANTANDO ÁRBORES CON PINCEIS" que une cultura, sostenibilidade e coidado do medio ambiente.

Este proxecto trata de fomentar o coidado do entorno e o respecto ao medio natural a través da arte.

Así que, utilizando pinturas fotocatalíticas que non só non contaminan senón que, ademais, absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, as alumnas e alumnos de 6º fixemos un bonito mural nunha parede exterior do centro escolar, que quedará como recordo do noso paso polo colexio.




COIDAR O NOSO ECOSISTEMA É TAREFA DE TODO O MUNDO!


06/02/22

CHOIVA DE PAZ

No marco da conmemoración do Día da Paz, alumnado de 5º de Primaria investigou, reflexionou, escribiu sobre o tema e creou vistosos e refrescantes murais de nubes con pingas de auga, que recollen os desexos de paz destas mozas e mozos para todo o mundo.


"Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño"

(Mahatma Gandhi)

18/12/21

UN POBO TÍPICO DO NADAL

Dentro do proxecto "As familias contan", nas titorías de 6º curso solicitamos a colaboración das familias e do alumnado para decorar o corredor das nosas aulas neste tempo de Nadal.

Propuxémoslles que construísen diversas casas ou outros obxectos decorativos típicos dunha vila nestas datas navideñas.

A única condición que debían cumprir era que estivesen realizados con cartóns de leite baleiros. 

A resposta e participación das familias e alumnado foi masiva. Sirvan estas fotos para mostrarvos as magníficas aportacións que recibimos.







Moitísimas grazas, alumnado e familias de 6º curso,

 pola vosa creatividade e colaboración!!!

Bo Nadal e Felices Festas!!!

10/06/21

A LIÑA DO TEMPO!

Neste último trismestre o alumnado de 6º curso estivo creando unha liña do tempo xigante, dentro da área de ALFIN, que recolle a Historia de España dende a Prehistoria ata a época actual.

Ao mesmo tempo, tamén creanron cadansúa liña, pero desta vez enmarcada na época que lle tocaba estudar en Ciencias Sociais, que se corresponde coa Idade Contemporánea.

Como podedes ver no vídeo, quedaron xeniais!

  E a vós, en que época vos gustaría vivir?   


                                      

26/05/21

De que cor é un lapis cor carne?

A mellor forma de combater a discriminación, a intolerancia e o racismo é facer coñecer e comprender ao noso alumnado que a diversidade é unha riqueza esencial para a convivencia. 

Estes días, na aula de 6º curso, estivemos vendo, en Valores e na Hora de ler, temas relacionados  co racismo para logo crear este fermoso recanto.  Esperamos que vos guste.

#STOPRACISMO



22/05/21

O MUNDO ESCRÍBESE CON X DE XELA

O alumnado de 5º de Primaria fixo un bonito percorrido pola vida e obra de Xela Arias Castaño. Se hai unha letra que nos abre as portas ao seu universo esa é o X, tan grande como o que ten o seu nome, Xela, e tantas e tantas outras palabras fermosas na nosa lingua nai como as que aquí vedes recollidas.

Vas poñer

as pedras sobre as pedras e sobre as pedras

un nome amado

(Xela Arias: Tigres como cabalos, 1990)


03/05/21

PLANTÁMOSLLE CARA AO ACOSO ESCOLAR!

      Co gallo do Día Internacional contra o Acoso Escolar (2 de maio), as mozas e os mozos de 5º de Primaria fan público o seu rexeitamento total a este problema escolar. 

Por un mundo mellor!








23/04/21

Muíños de vento

Hoxe, 23 de abril, celébrase o Día Internacional Do Libro. Esta data representa un día simbólico para a literatura xa que un 23 de abril de 1616 faleceron grandes escritores, entre eles Miguel de Cervantes.

Por iso, o alumnado de 5º e 6º de Primaria estivo coñecendo datos curiosos sobre a súa vida e principal obra. Logo, cos datos recollidos, crearon uns fermosos muíños de ventos.

Sabiades que, despois da Biblia, Don Quijote de la Mancha, é o libro máis lido da historia? Ou que Miguel de Cervantes foi escravo durante 5 anos en Argel?

Esperamos que estes datos vos soprendan tanto como a nós. 

                                            FELIZ DÍA DO LIBRO!





21/03/21

"SOMOS ARTISTAS"

O alumnado de 6º curso emprendeu unha viaxe a través da Historia da Arte cos pintores máis recoñecidos e as súas obras máis emblemáticas.

Primeiro, estiveron buscando información biográfica e artística sobre ditos personaxes: elexiron imaxes, debuxaron e recrearon algúns dos seus cadros.

Finalmente, recolleron a información para presentala de diversos e vistosos modos.

                                Así quedaron os seus traballos!  













VISITAS