Amosando publicacións coa etiqueta ATLETISMO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ATLETISMO. Amosar todas as publicacións

30/03/23

ATLETISMO NO CGTD

Hoxe, as nenas e nenos de 5º de Primaria fomos a Pontevedra para participar nunha xornada de atletismo en pista, organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia no marco do Programa XOGADE, nas instalacións do CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva).

As probas nas que participamos foron: lanzamentos de vórtex e peso, saltos de lonxitude, velocidade 60 metros lisos, fondo 500 metros e relevos.

Gustounos moitísimo a experiencia de practicar atletismo en pistas profesionais, de probar as nosas potencialidades, de animar ás compañeiras e compañeiros e, sobre todo, de gozar con deportividade o momento.

PASÁMOLO XENIAL!!!



23/11/21

CAMPO A TRAVÉS 2021

Compartimos hoxe uns vídeos da fantástica participación do noso alumnado de 5º e 6º de Primaria no Campionato Zonal de Campo a través no entorno da Azucreira de Portas con casi 700 participantes de centros de Barro, Caldas de Reis, Cambados e Moraña.

A actividade estivo organizada pola Xunta de Galicia a través do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte.

Moitísimas grazas!!!

Moitísimos Parabéns a todo o alumnado polo seu esforzo, 

afán de superación e deportividade!!!


04/12/19

CAMPIONATO ZONAL DE CAMPO A TRAVÉS

Onte, 3 de decembro, as alumnas e alumnos de 5º e 6º de Primaria participamos, con alumnado doutros centros educativos da comarca, nun campionato zonal de `Campo a través´ na zona da Azucreira de Portas.


A xornada estivo organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra e a Agrupación Deportiva Escolar Terras do Ulla-Umia, no marco do programa XOGADE da Xunta de Galicia.


Participamos con grande entusiasmo e ilusión e os esforzos víronse recompensados. A nosa compañeira Alba Barreiro Gómez, de 6º A, chegou de primeira na categoría infantil feminina, o que lle valeu unha medalla de ouro. Esta é a segunda vez que Alba logra o ouro, xa que tamén quedou de primeira o curso pasado. Amais, Manuel García Alonso, de 5º A, conseguiu unha medalla de prata ao quedar en 2ª posición, Daniela Romay Manso, tamén de 5º A, acadou a 4ª posición e Héctor Rodríguez Ayude, de 6º B, quedou en 10ª posición, polo que recibiron os diplomas correspondentes nas súas respectivas categorías.


Moitísimos Parabéns!!!

Alumnado de 5º e 6º de Primaria.


Ola! Son Alba, unha alumna de 6º A, á que lle pareceu moi divertida a carreira.
Ao chegármonos ao circuíto, deume a sensación de que era enorme. Pensei que sería moi difícil gañar. Fomos deixar as mochilas no edificio da Azucreira de Portas, ao lado da torre, e puxémonos a quentar. A miña clase, bueno, as nenas da miña clase eramos as primeiras en correr xunto coas dos outros colexios.
Cando chamaron para poñérmonos na liña de saída, descubrimos que as rapazas dos outros colexios eran moi altas. Ao daren a saída, todas comezamos a correr. Eu tiña o dorsal 511, mais nada máis saír, caeume e non sabía onde estaba.
Ao principio, apertei e corrín rápido para meterme no grupo de cabeceira, que pronto alcancei. Logo baixei un pouco o ritmo e púxenme a adiantar ás que puiden para sacar algo de vantaxe.
Conseguín adiantar á que ía de cuarta, logo, á terceira, logo, á segunda e, por último, á primeira. Nese momento só pensaba en correr para sacar a maior vantaxe posible. Cando volvín a cabeza, decateime de que a segunda xa quedara moi atrás. Así, puiden continuar a carreira con tranquilidade, inda que pisara un charco de lama e mollara todo o pé pois levaba tenis de tea.
Bueno, volvendo á carreira, direi que cando cheguei á meta un señor estaba suxeitando o meu dorsal que me caera e felicitoume por quedar de primeira. Todo o mundo me dicía: Moi ben!!! E déronme moitas apertas.
Foi súper fantástico e marabilloso! Inda non mo creo!

Alba Barreiro Gómez. 6ºA

04/04/19

ATLETISMO EN PONTEVEDRA

Hoxe, as alumnas e alumnos de 5º de Primaria, participamos en Pontevedra nunha xornada de atletismo en pista organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia nas instalacións do CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva).

As modalidades atléticas nas que participamos foron:
  • Velocidade 60 metros lisos.
  • Fondo 500 metros
  • Relevos 4x60
  • Salto de lonxitude
  • Lanzamento de peso
  • Lanzamento de vórtex
Case todas as compañeiras e compañeiros puidemos facer dúas destas probas e, a pesar de non contar coas condicións meteorolóxicas ideais, a participación pódese calificar de excelente e, o que é mellor:

Pasámolo xenial ! ! !



13/02/19

CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS

O sábado 2 de febreiro, a nosa compañeira de 5º A, Alba Barreiro Gómez, participou con éxito no Campionato Provincial de `Campo a través´ en Chenlo (Porriño), xa que quedou clasificada no Campionato zonal celebrado en Portas o pasado mes de decembro.

A actividade estivo organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia en colaboración coa Agrupación Deportiva Xoga DXT Escolar en Vigo, a Federación Galega de Atletismo e a Entidade Local Menor de Chenlo.

Alba, inscrita na categoría Alevín feminino, disputou a proba xunto a outras 110 atletas, a maioría pertencentes a Asociacións e Clubs deportivos. Non é o caso de Alba, porque ela non practica atletismo, senón fútbol. Co dorsal 27, a nosa compañeira fixo unha carreira impresionante. Chegou en sétimo lugar, cun tempo de 4:17 minutos, e clasificouse para a proba final: O Campionato Galego de `Campo a través´, que terá lugar este sábado 16 no Complexo Deportivo de Monterrei (Pereiro de Aguiar - Ourense).

Nós queremos felicitar publicamente a Alba. Ademais de ser unha boa persoa e excelente compañeira, está demostrando ser unha deportista de gran nivel, e queremos desexarlle moitísima sorte na proba do sábado.

Moitísimos Parabéns, Alba!!!

Estamos contigo!!!

Cando vin o circuíto de Chenlo, quedei sorprendidísima. Estaba no medio do monte! Nada que ver co circuíto de Portas. Marcado con cinta branca, atravesaba uns piñeiros, pero a liña de saída estaba nun chan, no que había dúas porterías.


Sentíame un pouco nerviosa no medio dun montonazo de clubs coma o Celta, e un pouco asustada polo pistoletazo de saída. Pero, nada máis escoitalo, botei a correr, adiantei a varias rapazas e conseguín meterme no pelotón de cabeza. Mantiven un bo ritmo ata o final. Pouco antes de chegar á liña de meta, apertei máis forte. Tamén o fixo outra rapaza que viña detrás. Case empatamos. Pero non. Eu cheguei de sétima e ela, de oitava. Non nos deron ningunha medalla (só recibiron as tres primeiras) pero eu alegreime moito do meu resultado: Estaba clasificada para o Campionato de Galicia de Campo a través!!!



Alba Barreiro Gómez. 5ºA

16/12/18

CAMPIONATO ZONAL DE CAMPO A TRAVÉS

O mércores 12 de decembro, o alumnado de 5º e 6º de Primaria participamos, con alumnado doutros centros educativos da comarca, nun campionato de `Campo a través´ na zona da Azucreira de Portas.


A xornada estivo organizada polo Servizo Provincial de Deporte de Pontevedra e a Agrupación Deportiva Escolar Terras do Ulla-Umia, no marco do programa XOGADE da Xunta de Galicia.


Participamos con grande entusiasmo, esforzo e ilusión. Alegrounos moitísimo saber que a nosa compañeira, Alba Barreiro Gómez, de 5º A, na categoría alevín feminina, chegou de primeira, o que lle valeu unha medalla de ouro.


Amais, Héctor Rodríguez Ayude, de 5º B, e Pablo Fernández Piñeiro, de 6º A, conseguiron diploma nas súas respectivas categorías.


Non houbo máis premios para o noso colexio pero tanto ten porque para nós o máis importante é participar con ganas e deportividade, na procura de dar o mellor e desfrutar a tope.

Foi unha experiencia súper divertida e súper emocionante!!!

Alumnado de 5º e 6º de Primaria.


A carreira foi incrible! Con tanta xente, parecía imposible gañar.
Nun principio, tiña a vaga sensación de estar soñando. Ademais, doíame a barriga polos nervios. Por sorte, a dor pronto pasou.
Cando comezamos a correr, estabamos todas en piña mais, logo, algunhas empezamos a adiantar. Nun momento da carreira, eu coloqueime no terceiro posto. Logo, adiantei á que ía de segunda. Había un montón de nenas! Conseguín adiantar a que ía de primeira e ela, á súa vez, adiantoume a min. Volvín adiantala e cheguei á meta. Non mo podía crer! Cando me decatei, xa estaban a chegar as miñas compañeiras. Por desgraza, non se clasificaron. Conteilles o meu e, despois, fomos beber. Vimos a chegada dos alevíns masculinos e falamos con eles.
Gustoume moito participar. A herba mollada, o aire limpo, o circuíto marcado por tramos con cinta que, segundo o miraras, parecía que estaba enleado... Encantoume!!!

Alba Barreiro Gómez. 5ºA


15/05/18

PARTICIPAMOS NO PROGRAMA "XOGADE"

O xoves 10 de maio, as alumnas e alumnos de 5º participamos nunha xornada de atletismo en pista organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
A actividade enmárcase no programa Xogade para coñecer as diferentes especialidades atléticas e fomentar o espírito deportivo saudábel.
Tivo lugar en Pontevedra, no CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva).

  

As probas foron as seguintes: 60 m lisos, 500 m lisos, saltos de lonxitude, lanzamentos de vórtex e peso (2 kg) e relevos (4x60 m).
Participamos con dous equipos e a maioría de nós puidemos realizar dúas probas. Foi unha pasada !
Ademais, tivemos a oportunidade de competir con outras nenas e nenos de Poio, Xeve, Salcedo e Marín nun ambiente de compañeirismo e deportividade.


De volta ás aulas, comentamos a nosa experiencia e escribimos as nosas opinións, que colgamos no ximnasio.



PASÁMOLO XENIAL !

28/05/17

II XORNADA DE ATLETISMO EN PISTA

     O xoves 25 de maio, @s alumn@s de 5º de Primaria fomos de novo a Pontevedra para facer outra xornada de atletismo en pista. Desta volta para participar na fase provincial, xa que na anterior competición quedamos en 2º lugar, o que nos serviu para volver a competir contra outros 16 colexios.


     Participamos nas mesmas probas: Velocidade 60 metros lisos, fondo 500 metros, relevos, salto de lonxitude e lanzamentos de vórtex e peso. Non quedamos primeiros, pero tampouco últimos. Competimos moi ben en todas as probas e acadamos moi bos resultados. 


    Tralo esforzo realizado déronnos froita e auga e, ao rematar a competición, entregáronnos medallas para tod@s e unha copa para o colexio. Volvemos moi content@s, cantando e celebrando a nosa boa actuación.


FOI UN DÍA INCRIBLE ! ! !

08/05/17

XORNADA DE ATLETISMO EN PISTA

     O pasado xoves, 4 de maio, @s alumn@s de 5º fomos a Pontevedra para participar, xunto a nen@s doutros colexios, nunha xornada de atletismo en pista organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia nas instalacións do CGTD (Centro Galego de Tecnificación Deportiva).


     As probas nas que participamos foron: velocidade 60 metros lisos, fondo 500 metros, relevos, salto de lonxitude e lanzamentos de vórtex e peso. 


     En case todas as probas, algúns de nós clasificámonos nos primeiros postos. Pero isto non é o máis importante. Máis que gañar ou perder, o verdadeiramente importante é o feito mesmo de participar, de animar @s demais, de esforzarmos, de probar as nosas potencialidades e de gozar intensamente do momento. E a verdade é que pasámolo XENIAL.


FOI UNHA SAÍDA INCRIBLE ! ! !

QUEREMOS REPETIR ! ! !

VISITAS