Amosando publicacións coa etiqueta VELUTINA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta VELUTINA. Amosar todas as publicacións

12/06/19

SOMOS A VELUTIPOLI!!

Durante este curso escolar, o alumnado de 6º recibimos unhas charlas por parte de José Sanmartín, coordinador do grupo Stop Velutina Umia, para concienciarnos sobre como podemos loitar contra a vespa velutina.


Vendo o noso compromiso e interese, fomos agasallados cunhas libretas onde poder anotar as trampas que puxeramos, a súa localización e o número de vespas velutinas que ían caendo nelas.


E formamos a patrulla escolar contra a vespa velutina.


Durante os meses de abril, maio e xuño, cada quince días entregabamos ás voluntarias da Asociación, Mª Carmen Magariños e Sofía Solla, unhas táboas co reconto das velutinas que caíran nas nosas trampas.

O numero de raíñas atrapadas foi de 259.

Incluso escollemos un nome para a patrulla, "A VelutiPoli", e fixemos un logo que foi estampado nunhas camisetas coas que nos agasallaron o martes 11 de xuño no Concello de Barro, xunto cun diploma polo noso compromiso con esta iniciativa de defensa do Medio Ambiente.




MOITÍSIMAS GRAZAS!!


Así o contan nas seguintes reportaxes que apareceron no xornal.





14/03/19

STOP VELUTINA

As alumnas e alumnos de 6º de Primaria recibimos onte a visita de integrantes da Asociación Stop Velutina Umia, que se encargan de informar da problemática da Vespa velutina e de retirar niños en Barro e arredores. José Sanmartín, tenente de alcalde do Concello e coordinador da Asociación, xunto as voluntarias Mª Carmen Magariños (nai de Lucas, un alumno do noso centro) e Sofía Solla, falaron das características principais da velutina, da súa procedencia, do ciclo anual, da formación de niños (primarios e secundarios), da ameaza que representa e do trampeo necesario, con receitas para facer un líquido caseiro atraínte. As trampas son fundamentais para atrapar ás velutinas e evitar que fagan os niños secundarios.


O principal problema desta especie invasora é que se reproduce moitísimo en pouco tempo e mata a outros insectos para alimentar as larvas, o que afecta á polinización e aos cultivos. Ademais, hai persoas alérxicas que poden chegar a morrer polas súas picaduras. Por iso é moi importante loitar contra o avance desta praga. E nós imos colaborar. É fácil. Soamente temos que facer as trampas que nos explicaron e anotar nas libretas que nos regalaron datos coma o lugar onde puxemos as trampas ou o número de velutinas que caeron, pasados 12 ou 15 días. Temos que fixármonos tamén se caeron nas trampas outros insectos coma, por exemplo, bolboretas, e, se podemos, liberalos. No caso de atopar velutinas, avisaremos rapidamente á Asociación.

Así faremos!!!

Moitísimas grazas!!!




30/10/17

CHARLA SOBRE A VESPA VELUTINA

    O día 11 de Outubro, a segunda e terceira hora, viñeron ás clases de 5º e 6º de primaria José Sanmartín, o tenente-alcalde do Concello, e Manolo Outón, tesoreiro da Asociación Stop Velutina Umia (A.S.V.U.)
   Contáronnos que a Vespa Velutina mata ás outras abellas e é unha especie invasora; eles están quitando os niños de Barro.
   Manolo trouxo o seu traxe de apicultor e ensinounos a distinguir as velutinas das outras vespas, que teñen o abdome máis claro.
   Explicáronnos tamén en que época fan as vespas raíñas os niños primarios, como fan despois o niño grande e como os retiran das árbores.
   O día 18 viñeron Esteban Jamardo (presidente da Asociacion Stop Velutina Umia (A.S.V.U.) e José Sanmartín; ensináronos alguhnas trampas: 3 delas caseiras e 1 comprada. Así se fan:
   Paso 1: Con 2 botellas de 1l, collemos unha delas e cortámola por arriba.
  Paso 2: Collemos a parte de arriba da botella cortada e a metemos do revés dentro da parte de abaixo.
   Tamén fixemos outro tipo de trampa cunha botella de 5l.
   Antes de marchar déronnos unha ficha para cubrir a receita dunha poción máxica para botala na trampa e atrapar as vespas velutinas.
   Con elas fixeron un concurso e os gañadores e gañadoras levaron uns diplomas.
   O venres 27 de outubro, déronnos os diplomas polas pócimas ao mellor nome, á mellor elaboración e á mellor poción.

Candela Figueiro e Aarón Corredoira.















24/01/17

A VESPA VELUTINA E OUTROS INSECTOS

     A investigación que levamos a cabo @s alumn@s de 5º e 6º sobre os insectos veuse enriquecida coas revistas e exemplares que trouxeron á clase Iago e Rubén, procedentes da súa colección particular.



     Cada un de nós, consultando distintas fontes, tiñamos que elaborar unha presentación dun insecto indicando: nome común, nome científico, clasificación, características, hábitat, alimentación e outras observacións.


    Como non podía ser doutro xeito, saíu a colación o tema da vespa asiática ou vespa velutina que tantos problemas está ocasionando. Comentamos o que sabiamos ao través dos nosos familiares e buscamos información na Internet. Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde do noso Concello, ofreceu a posibilidade de ver niños de vespa velutina pois sabía dun veciño, Manolo Cancela (pai de dúas ex alumnas), que tiña dous. E José Sanmartín, o tenente de alcalde, falou cunhas persoas expertas para que viñeran ao colexio a darmos unha charla informativa.


     Así foi como o pasado martes, 17 de xaneiro, coñecemos a Francisco Costa (Kiko), concelleiro de Medio Ambiente de Vilaboa, e a Sara Ferreiro, técnica de Medio Ambiente do mesmo Concello. Viñan con dous niños (un pequeno e outro grande seccionado transversalmente) e dous exemplares de vespa velutina moribundas que, metidas nun tarro, puidemos observar detidamente.

    Cando entramos na Biblioteca quedamos patidifus@s ao ver os catro niños de vespa velutina: Impresionantes !


  Sara utilizou unha presentación para explicarmos as principais características do insecto asiático e a súa distribución xeográfica, facendo fincapé no ciclo vital así como a ameaza que representa debido a que mata a outros insectos como formigas, pulgóns, bolboretas ou abellas para alimentar ás larvas. E non é que esta vespa sexa máis agresiva cas que temos aquí; de feito, é menos agresiva, pero o problema radica en que se reproduce moito en pouco tempo, o que a converte nunha auténtica praga, nociva para a biodiversidade autóctona. É un exemplo máis que nos ofrece a natureza de que a unión fai a forza.


     Kiko comentou que esta especie invasora chegou a Francia no ano 2005 a bordo dun barco mercante cargado de madeira. De aí pasou ao norte de España chegando a Lugo no ano 2012, espallándose rapidamente por toda a nosa comunidade, especialmente pola costa.

     A vespa velutina fai dous tipos de niños con madeira mastigada: Primarios (nos tellados, azoteas . . .) e secundarios (frecuentemente nas árbores). As raíñas poñen os ovos nos niños primarios e de aí saen as obreiras que constrúen os niños secundarios. 

     Kiko falounos da evolución da praga no seu Concello (Vilaboa) e dos distintos métodos que probaron para a súa eliminación, con máis ou menos acertos: a man, con pértigas, con disparos de escopeta ou con drons. Dado que é unha especie diúrna, as operacións convén realizalas de noite.


     Entón Sara ensinounos dous vídeos co último método que utilizaron en Vilaboa para chegar aos niños que están nas árbores a máis de 30 m de altura: Escalando. Ás veces, os escaladores (enfundados en pesados traxes e coa cabeza ben protexida) fumigan os niños e outras veces, os retiran, como o niño máis grande que trouxeron, que estaba nun eucalipto a uns 40 m do solo. Logo proceden a conxelalos para que non sobreviva ningunha vespa. 

     Hai trampas que tamén están demostrando ser efectivas. Kiko fixo unha diante de nós cortando unha botella de auga pola metade e encaixando as dúas pezas invertendo a superior, agás un anaco que eliminou para deixar un espazo libre no fondo para encher coa apócema máxica atraínte da vespa. Esta apócema consiste nunha mezcla de cervexa negra con alcol (que non lle gusta ás abellas pero si á vespa velutina), un vaso de viño e unha cullerada sopeira de azucre ou mel. O malo é que tamén atrae a outros insectos necesarios para a polinización.


     O tema resultounos tan fascinante que, ao final, fixémoslles unha chea de comentarios e de preguntas que contestaron, de moita gana, unha por unha, tomando nós nota de todo nos nosos cadernos.

     Estivemos súper atent@s e concentrad@s. E iso que a charla durou hora e media ! E porque soou o timbre para o recreo (que é un tempo sagrado para nós) que senón . . .


    Antes de despedirmos, Sanmartín recordounos a importancia de distinguir ben as abellas e avespas nosas da vespa velutina e, como xa coñecemos como son os seus niños, avisar ás nosas familias se vemos algún e chamar ao teléfono da Xunta, o 012.


     Unha charla do máis interesante ! Unha experiencia xenial !

Aprendemos moitísimo !

      GRAZAS MIL ! ! !

     Máis información no blog da nosa biblio na que poderedes acceder tamén á presentación íntegra que utilizaron Kiko e Sara e que nola deixaron como agasallo:



VISITAS