Amosando publicacións coa etiqueta REFLEXIÓNS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta REFLEXIÓNS. Amosar todas as publicacións

28/11/22

"QUE NINGUÉN CORTE NUNCA AS TÚAS ÁS"

Baixo o lema "Que ninguén corte nunca as túas ás", o alumnado de 5º e 6º de Primaria desenvolveu nas aulas unha serie de actividades no marco da conmemoración do 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres: lecturas temáticas, audicións musicais, reflexións orais e por escrito, debates, murais con nubes de palabras e mensaxes de ánimo e apoio para as vítimas das violencias machistas, que tamén rotularon nunhas fermosas plumas que, ben xuntiñas, conformaron unhas grandes ás que serviron para facer uns vistosos photocalls.

Ademais, no propio día da conmemoración, estas mozas e mozos luciron unhas camisetas súper orixinais decoradas para a ocasión con pinturas violetas e lemas personalizados, cos que reivindicaron o máis absoluto rexeitamento a todas as formas da violencia machista, coa esperanza de que esta eiva social desapareza da faz da terra dunha vez por todas.


NUNCA MÁIS!!!

BASTA XA!!!

08/04/22

UNHA FELIZ VIAXE POLA VIDA

O sábado 2 de Abril celebrouse o Día Mundial da Concienciación sobre o Trastorno do Espectro Autista (TEA). Con tal motivo, o alumnado de 5º A dedicou a semana a investigar sobre o TEA e os sistemas aumentativos e alternativos de comunicación como os pictogramas, utilizando diversos recursos que atoparon na rede (ARASAAC e Pictotraductor). Como produto final do seu traballo, elaboraron o seu horario de aula utilizando pictogramas e crearon uns preciosos acrósticos con mensaxes moi amorosas e desexosas de que todas as persoas poidan gozar neste mundo dunha 

FELIZ VIAXE POLA VIDA! ! !



19/02/22

NON HAI FRONTEIRAS PARA O AMOR

O alumnado de 5º de Primaria festexou o 14 de febreiro con palabras cheíñas de amor, coas que crearon unhas fermosas postais, froito das súas investigacións e reflexións sobre o amor, a igualdade, a inclusión. 

Tras todo este arduo traballo, chegaron á conclusión de que o amor e o respeto van collidos da man.


06/02/22

CHOIVA DE PAZ

No marco da conmemoración do Día da Paz, alumnado de 5º de Primaria investigou, reflexionou, escribiu sobre o tema e creou vistosos e refrescantes murais de nubes con pingas de auga, que recollen os desexos de paz destas mozas e mozos para todo o mundo.


"Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño"

(Mahatma Gandhi)

26/05/21

De que cor é un lapis cor carne?

A mellor forma de combater a discriminación, a intolerancia e o racismo é facer coñecer e comprender ao noso alumnado que a diversidade é unha riqueza esencial para a convivencia. 

Estes días, na aula de 6º curso, estivemos vendo, en Valores e na Hora de ler, temas relacionados  co racismo para logo crear este fermoso recanto.  Esperamos que vos guste.

#STOPRACISMO



19/10/20

19 de outubro.

Como cada 19 de outubro, conmemoramos o Día Mundial do Cancro de Mama co fin de sensibilizar sobre esta enfermidade, promovendo a detención temperá da mesma, que afecta maiormente ás mulleres.  

O alumnado de 6º quixo apoiar a todas esas guerreiras que loitaron, loitan e loitarán contra esta enfermidade mediante estes fermosos debuxos.

#SacaPeitoPorElas. 







01/07/20

BARRO A TRAVÉS DO TEMPO

Durante este trimestre tan atípico, en 5º de Primaria investigamos sobre a historia do Concello de Barro e descubrimos cousas moi moi interesantes!

Esperamos que aprendades tanto coma nós!!!



Moitísimas grazas a todas as persoas que fixestes posible este vídeo!!!

FELIZ VERÁN ! ! !

11/05/20

POESÍA "LOITANDO CONTRA O COROAVIRUS"

Neste tempo de confinamento, dúbidas, aplausos nas ventás e aulas virtuais, o alumnado de sexto curso participou na elaboración dunha poesía na que cada quen aportou o seu gran de area.

Esperamos que vos guste!
#euquedonacasa

21/04/20

POEMAS DESDE A FIESTRA

Os poemas son unha das mellores formas para reflectir o que sentimos. Por iso, o alumnado de 5º decidiu empregalos para expresar o que a coroavirus lles fai sentir.

Esperamos que vos gusten!!!


#euquedonacasa

18/03/20

A IMPORTANCIA DE LAVAR BEN AS MANS

Hai uns días, cando empezabamos a escoitar iso do coronavirus, na clase de quinto decidimos facer un pequeno experimento sobre se era importante ou non lavar as mans. Cada un dos equipos tivo varias opcións: lavar as mans co xabón que temos na casa ou co que leva alcol, poñer as mans no chan, pasar as mans pola mesa... Despois disto, puxemos os dediños nunhas placas de laboratorio que tiñan unha xelatina e apuntamos o que metemos dentro.


Diariamente fomos apuntando se aparecía algo ou non.


O resultado final foi este!!!




Chegamos á conclusión que o xabón do cole (o mesmo que temos na casa) é o máis efectivo para a loita contra os microorganismos como os virus e as bacterias.

Así que todas e todos a lavar as mans con frecuencia!!!


21/12/19

O MELLOR AGASALLO DA MIÑA VIDA

Con motivo do Nadal, na aula de 5º de Primaria reflexionamos acerca do mellor agasallo que recibimos na nosa vida. Tras ler as nosas producións moi emocionados e emocionadas, concluímos que os mellores agasallos non son as cousas materiais e, de selo, é porque alguén especial (os nosos avós ou avoas, as nosas nais ou pais, mesmo veciños e veciñas da nosa parroquia) nolos fixeron.




Grazas a todas e todos por compartir algo tan especial!


BO NADAL!

25/11/19

O MACHISMO NAS CANCIÓNS

Hoxe, ademais das actividades polo 25N programadas no cole, na aula de 5º de Primaria traballamos o machismo a través das cancións. Observamos que hai algunhas que incitan a condutas en contra das mulleres como a violencia ou a submisión.




Ao final, rachamos todas elas por non estármonos de acordo!!!



12/03/19

# VIOLENCIA ZERO

Alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Amor Ruibal e alumnado do IES de Barro asistimos onte, na Nave da Música do Concello, a unha actividade do programa Mulleres en Acción. Violencia Zero da Deputación de Pontevedra.

  


Primeiro, vimos un vídeo con diferentes intervencións educativas relacionadas coa violencia contra as mulleres, que son o 52% da poboación.


Logo, mozas e mozos do público saímos ao escenario para ler en alto datos do Ministerio do Interior sobre a violencia machista e as agresións sexuais rexistradas no 2018 e no que levamos do 2019. Impactounos terriblemente!!!


Foi moi interesante o momento en que Teresa Búa e Antón escolleron a rapaces e rapazas para lles pór saias. Deunos a risa pero tamén nos fixo pensar que, ao igual que as mulleres levan pantalóns, por que os homes non poden levar saia?


A performance gustounos moito porque nela estabeleceuse a diferenza entre a realidade, tal e como a vivimos, e o ideal, como nos gustaría vivir. Todas e todos temos os mesmos dereitos na teoría, pero na práctica, non. Nós, as mozas e mozos, somos, como ben dixo o alcalde, o futuro e queremos vivilo con igualdade, liberdade e respeto.


Conseguirémolo ! ! !

Pontevedra Viva recolleu así a noticia:



VISITAS