Amosando publicacións coa etiqueta CONCELLO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CONCELLO. Amosar todas as publicacións

11/12/25

CHARLA DE CONDUTAS ADITIVAS

O alumnado de 6º asistiu a varias sesións ao Programa de Prevención de Condutas Aditivas que se imparten de forma conxunta nos Concellos de Barro, Cuntis, Campo Lameiro. Moraña e Portas.

Nela recordamos conceptos como autoestima e autocepto, pero tamén aprendemos a previr condutas de risco relacionadas co consumo de tabaco e substancias daniñas, así como do uso das TRIC. 



😀 Grazas Julia por todo o que nos ensiñaches! 😀

10/06/23

BARRO E OS 3R

Co obxectivo triple de coñecer a nosa contorna, coidar do medio ambiente e practicar sendeirismo, o alumnado de 6º de Primaria desenvolveu, ao longo do curso, diversas tarefas relacionadas coa regra dos 3R, participou nas Patrullas Verdes, realizou traballos de investigación e de campo para recoller datos sobre diversos aspectos culturais e científicos da contorna, e percorreron un pequeno tramo do Camiño de Santiago, con recollida de refugallos incluída.

Moitísimos Parabéns!!!



21/04/22

O APAIXONANTE MUNDO DA APICULTURA

O alumnado de 6º de Primaria asistiu hoxe a unha charla informativa sobre o apaixonante mundo da apicultura, celebrada no Salón de Actos do Concello de Barro.

O acto comezou cunha cálida benvida do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que presentou ao alumnado a campaña divulgativa que está a desenvolver o Concello en colaboración coa Asociación de Apicultores de Barro. O obxectivo da campaña é dobre: por un lado, sensibilizar sobre a importancia das abellas para os ecosistemas a través da polinización e, por outro, concienciar contra os efectos prexudiciais da vespa velutina, que tanto dano fai á biodiversidade.

O noso ex alumno, Esteban Jamardo, que estivo acompañado por Manolo Outón, integrantes ambos da Asociación, levou ao noso alumnado a gozar dunha viaxe fantástica polo mundo das abellas. 

Dun xeito ben ameno e didáctico, explicou o funcionamento dunha colmea, a incrible organización das abellas, a súa linguaxe secreta, a función da raíña e das obreiras, o sorprendente sistema de orientación e comunicación destes insectos sociais, a recolección do pole e do néctar, a produción do mel e da cera, os equipos de protección para apicultura, e moitas curiosidades máis que as mozas e mozos seguiron con moito interese e atención.


Logo de responder a todas as inquedanzas e preguntas do alumnado, Esteban meteuse de cheo na exposición dos perigos e ameazas que entrañan as vespas velutinas e como e cando facer o trampeo máis eficaz das raíñas para mitigar o problema. Provisto do material preciso, o noso ponente demostrou maneiras rápidas de facer trampas, que as mozas e mozos aprenderon rápìdo, co compromiso de poñelas en espazos estratéxicos do patio escolar, así como nas súas hortas e xardíns.

Un encontro fascinante!!!

Moitísimas grazas!!!


27/03/21

Obradoiro prevención.

O alumnado de 6º participou nun interesante programa de Entrenamento en Habilidades Sociais e nun obradoiro de Prevención dos riscos e mitos do alcol e tabaco, promovidos polo Concello e impartidos pola psicóloga Julia Búa.

Esperamos que esta información recibida lles sirva para tomar conciencia das consecuencias que estas drogas poden causar nas súas vidas.

Moitísimas grazas a Julia por facer estes obradoiros tan interesantes!



09/12/19

A FLORA DO MEU CONCELLO

Con motivo da primeira parte do proxecto que estamos a desenvolver na aula de 5º de Primaria investigamos, coa axuda das nosas familias, sobre as plantas que podemos atopar no noso Concello. Sabiades que unha das árbores que máis atopamos nas parroquias de Barro é o carballo? Ou que preto do cole temos unha árbore que se chama liquidámbar e que as súas follas cambian de verde a amarelo e de amarelo a vermello? Estas curiosidades e moitas máis poderedes atopalas no libro que fixemos e que deixamos na Biblioteca á vosa disposición.


Moitísimas grazas a todas as persoas que colaborastes!!!


05/11/19

DESDE BARRO PARA O MUNDO

Na aula de 5º de Primaria comezamos o curso coa idea de ser as mellores embaixadoras e embaixadores do noso concello creando un novo programa: `Desde Barro para o mundo´.

Neste primeiro trimestre, imos investigar sobre os espazos naturais máis fermosos do concello de Barro, así como o coñecemento e coidado dos seres que habitan neles, entre outras moitas cousas. Animádesvos a colaborar? Estade atentas e atentos ao blog!

Aquí vos deixamos unha das primeiras actividades que consistía en buscar ditos e frases feitas referidas ao outono barrés. Vistes canto sabemos?



12/06/19

SOMOS A VELUTIPOLI!!

Durante este curso escolar, o alumnado de 6º recibimos unhas charlas por parte de José Sanmartín, coordinador do grupo Stop Velutina Umia, para concienciarnos sobre como podemos loitar contra a vespa velutina.


Vendo o noso compromiso e interese, fomos agasallados cunhas libretas onde poder anotar as trampas que puxeramos, a súa localización e o número de vespas velutinas que ían caendo nelas.


E formamos a patrulla escolar contra a vespa velutina.


Durante os meses de abril, maio e xuño, cada quince días entregabamos ás voluntarias da Asociación, Mª Carmen Magariños e Sofía Solla, unhas táboas co reconto das velutinas que caíran nas nosas trampas.

O numero de raíñas atrapadas foi de 259.

Incluso escollemos un nome para a patrulla, "A VelutiPoli", e fixemos un logo que foi estampado nunhas camisetas coas que nos agasallaron o martes 11 de xuño no Concello de Barro, xunto cun diploma polo noso compromiso con esta iniciativa de defensa do Medio Ambiente.




MOITÍSIMAS GRAZAS!!


Así o contan nas seguintes reportaxes que apareceron no xornal.





21/05/19

VISITA DE ANTÓN CASTRO


No marco da conmemoración das Letras Galegas e o programa "Dándolle á lingua", promovido polo noso Concello co obxectivo de dinamizar o uso oral da nosa lingua, celebrouse onte no noso centro o obradoiro "Cantar historias, contar historias", impartido por Antón Castro.



O histórico compoñente de Fuxan os Ventos fixo as ledicias do alumnado de 5º e 6º de Primaria, que participou gozosamente dos contos, historias, xogos, teatro e cancións que Antón acompañou con culleres, cuncas, vasos, cartaces, expresión corporal... e a súa fermosa zanfona.



Unha marabilla!

Moitísimas Grazas!!!


14/03/19

STOP VELUTINA

As alumnas e alumnos de 6º de Primaria recibimos onte a visita de integrantes da Asociación Stop Velutina Umia, que se encargan de informar da problemática da Vespa velutina e de retirar niños en Barro e arredores. José Sanmartín, tenente de alcalde do Concello e coordinador da Asociación, xunto as voluntarias Mª Carmen Magariños (nai de Lucas, un alumno do noso centro) e Sofía Solla, falaron das características principais da velutina, da súa procedencia, do ciclo anual, da formación de niños (primarios e secundarios), da ameaza que representa e do trampeo necesario, con receitas para facer un líquido caseiro atraínte. As trampas son fundamentais para atrapar ás velutinas e evitar que fagan os niños secundarios.


O principal problema desta especie invasora é que se reproduce moitísimo en pouco tempo e mata a outros insectos para alimentar as larvas, o que afecta á polinización e aos cultivos. Ademais, hai persoas alérxicas que poden chegar a morrer polas súas picaduras. Por iso é moi importante loitar contra o avance desta praga. E nós imos colaborar. É fácil. Soamente temos que facer as trampas que nos explicaron e anotar nas libretas que nos regalaron datos coma o lugar onde puxemos as trampas ou o número de velutinas que caeron, pasados 12 ou 15 días. Temos que fixármonos tamén se caeron nas trampas outros insectos coma, por exemplo, bolboretas, e, se podemos, liberalos. No caso de atopar velutinas, avisaremos rapidamente á Asociación.

Así faremos!!!

Moitísimas grazas!!!




18/11/18

TERCEIRA SESIÓN DOS TALLERES DE HABILIDADES SOCIAIS E PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

CHEGOU A HORA DOS COMBINADOS DE FROITAS!!

A pasada semana o alumnado de 6º divertímonos moito na última sesión do taller de habilidades sociais e prevención de drogodependencias impartido por Julia Búa.
Elaboramos diferentes combinados con froitas de tempada, auga, zume e sirope.


Encantounos! Estaban boísimos e ademais son moi sans!!


08/11/18

SEGUNDA SESIÓN DOS TALLERES DE HABILIDADES SOCIAIS E PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

Onte, 7 de novembro, os chicos e chicas de 6° de Primaria tivemos a segunda sesión dos talleres de habilidades sociais e prevención de drogodependencias que Julia Búa está a desenvolver co alumnado do noso colexio.

Comezamos a sesión como náufragos escollendo tres obxectos que nos axudarían a sobrevivir nesa illa na que agora nos atopamos.


A continuación, traballamos en grupos e descubrimos como outras persoas inflúen nas decisións que tomamos. 



Por iso é tan importante defender as nosas crenzas e valores ante a presión grupal e buscar entre todos e todas a mellor solución aos nosos problemas.



Tamén falamos sobre as drogas e, en concreto, sobre o tabaco e os efectos nocivos, tanto inmediatos como á larga, que pode ter na nosa saúde. 


Estas sesións están resultando tan interesantes que estamos desexando que chegue a próxima. 

Que nos terá preparado Julia para a vindeira semana?? 

06/11/18

TALLER DE HABILIDADES SOCIAIS E PREVENCIÓN DE DROGODEPENDENCIAS

Hoxe, 6 de novembro, o alumnado de 6° de Primaria recibiu a Julia Búa, técnica en prevención de drogodependencias, que durante varias sesións vai desenvolver connosco un taller de habilidades sociais e prevención de drogodependencias.


Comezamos cubrindo nun cadrado aspectos positivos de cada un de nós, que nos serviron para presentarnos a Julia e para dármonos conta que, ás veces, é máis sinxelo dicir cousas positivas d@s nos@s amig@s ca de nós mesm@s.


A continuación falamos das habilidades sociais e dos tres tipos básicos de comportamento (pasivo, activo e agresivo).
Julia demostrounos dun xeito práctico como, en ocasións, algo tan sinxelo como pedir un bolígrafo a un compañeiro ou compañeira pode facernos sentir ben ou mal dependendo da contestación que recibamos, e relacionando esta situación cos tres estilos de comunicación.


Para rematar esta primeira sesión introdutoria, presentounos unha situación dun naufraxio e tivemos que escoller tres obxectos que nos axudarían nesa illa que agora nos atopamos.



Estamos desexando que volva mañá...

Foi moi interesante!!


18/10/18

DA AUGA EN CALMA Á AUGA EN MOVEMENTO

A primeira saída deste curso foi unha camiñada, inicialmente prevista para ir dende O Pontillón, en Berducido, ata Barosa, en Barro. Comezámola o venres 28 de setembro, un día anubrado e con néboa no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria comezamos o percorrido acompañado por titoras e mestras; e guiado polo noso alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, bo camiñante e coñecedor das rutas do Concello.



O máis sorprendente nesta primeira xornada foi o espectáculo que ofrecían as arañeiras decorando a vexetación de branco, axudadas pola bruma. Cando iamos polo monte Acibal, non puidemos desfrutar das vistas por mor deste fenómeno meteorolóxico pero pasámolo moi ben cando paramos a merendar e descansar na “Pedra do Home”. Tan e tan ben estivemos alí que non tivemos tempo dabondo para chegar ao noso destino e o autobús tivo que ir recollernos a Mane.


Así que para completala, fixemos a segunda parte o mércores 10 de outubro, un día fresco e solleiro no que cubrimos a pé o traxecto entre Mane e Barosa.
Este día vimos a primeira escola do Concello, restaurada para converterse en Centro Social, logo paramos na explanada da igrexa de San Breixo e, dende alí, contemplamos unhas vistas extraordinarias de todo o municipio ata o veciño Concello de Portas. Tamén descubrimos un edificio chamado “A Fábrica” que era onde se lle practicaba a autopsia aos falecidos en circunstancias estrañas. 

Axiña chegamos a Barosa, onde paramos a merendar e a xogar nunha zona recreativa ben bonita aínda que moi fresca e sombría porque queda nun val arrodeado dun gran arboredo. 


Logo, agardamos que chegasen os membros de Protección Civil xogando nuns columbios. Ao chegaren axudáronnos a cruzar a estrada N-550 para iniciar unha parte do Camiño de Santiago en sentido inverso. Este foi o momento máis emocionante da excursión porque non paramos de atoparnos con peregrinos chegados de todo o mundo e que estaban a facer a súa ruta diaria. Todos nos falaban con agarimo e ledicia e ningún deixaba de saudarnos: había coreanos, xaponeses, estadounidenses, canadenses,  alemáns, australianos, rusos, portugueses e tamén españois…


Uns portugueses de Barcelos agasalláronnos cun galo típico da súa vila, uns vendedores ambulantes invitáronnos a lambetadas e unha veciña, que vendimaba, ofreceunos un ácimo de uvas riquísimas.

Como son as cousas…Volvemos con moitas ganas  de facer o Camiño de Santiago!.  

Moitísimas grazas ao Sr. Alcalde, por dedicarnos parte do seu tempo.

O alumnado de 5ºB

No Blog de MIMI atoparedes máis información e un vídeo resumo desta saída:

VISITAS