Amosando publicacións coa etiqueta OBRADOIROS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta OBRADOIROS. Amosar todas as publicacións

06/06/23

OBRADOIRO DE INSTRUMENTOS MUSICAIS

Unha das fantásticas actividades que o alumnado de 6º de Primaria desenvolveu, no marco do PDI Inventos, foi o obradoiro de instrumentos musicais. Logo de investigar sobre diferentes instrumentos e as súas familias, o alumnado púxose mans á obra e, con moito enxeño e materiais de reciclaxe, creou os seus propios instrumentos musicais. De cada un deles elaborou a súa ficha correspondente (nome, familia a que pertence, materiais empregados) e deu un pequeno e delicioso concerto.

Todos os instrumentos soaban de marabilla!!!

MOITÍSIMOS PARABÉNS, ARTISTAS!!!


27/03/21

Obradoiro prevención.

O alumnado de 6º participou nun interesante programa de Entrenamento en Habilidades Sociais e nun obradoiro de Prevención dos riscos e mitos do alcol e tabaco, promovidos polo Concello e impartidos pola psicóloga Julia Búa.

Esperamos que esta información recibida lles sirva para tomar conciencia das consecuencias que estas drogas poden causar nas súas vidas.

Moitísimas grazas a Julia por facer estes obradoiros tan interesantes!



21/02/20

EXPERIMENTO DE CIENCIAS

Esta semana a profe Pachú veu visitarnos ás aulas de 6º para ensinarnos un experimento de Ciencias.

Contounos que era quen de colocar unha mesa apoiada sobre cilindros de cartón.


E non só iso... Coa mesa en equilibrio, fomos subindo a ela de un en un.


Chegamos a subir 9 alumnos e alumnas de 6º e tamén o profe Miguel... e os cilindros (que eran uns trinta) soportaron o noso peso.


Quedamos marabillados!!

Moitas grazas profe Pachú por compartir con nós as túas experiencias!

16/06/18

AS MANS DE BARRO

O pasado luns 4 de xuño, o alumnado de 5º e 6º do CEIP Amor Ruibal visitamos no edificio do Concello a exposición de cerámica "As mans de Barro" do noso veciño Celso García Alonso que moi amablemente explicou como chegou a ser cacharreiro. 


O alumno de 5º de Primaria, Martín Pérez García, que ademais é sobriño de Celso, desvela interesantes detalles da relación do seu tío co mundo da olería tradicional:

"Meu tío é cacharreiro. Dende pequeno, sempre lle gustaron as cousas antigas e os cacharros.


Un día do ano 2000, na Festa do Viño de Amandi en Sober (Lugo) coñeceu ao cacharreiro José Rodríguez (máis coñecido como José O Ventura) de Vilanova-Sober. Impresionáronlle as súas pezas polas súas características, especialmente os boleiros e os xerros. Dende entón, comezou unha relación de amizade con el, mercoulle varias pezas e visitábao varias veces ao ano.

José ofreceulle a posibilidade de ensinarlle, pero meu tío desistiu porque lle parecía moi difícil aprender. Ademais, o de cocer as pezas no forno de leña resultáballe moi misterioso.
Despois duns anos de amizade, o señor Ventura enfermou e faleceu.

Tralo falecemento del, coñeceu a Agapito González, tamén cacharreiro de Gundivós (unha parroquia do concello de Sober) co que segue mantendo unha relación de amizade.

O señor Agapito ofreceuse a ensinarlle as técnicas da olería tradicional. Meu tío, de primeiras, tampouco quixo aprender. Pero cando escoitou que o señor Agapito aprendera esas técnicas de maior e que, ao principio, tampouco fora doado para el, meu tío aceptou o ofrecemento.

Con el aprendeu as técnicas de selección do barro, o amasado, o tratamento, a preparación e fabricación das pezas no torno baixo, a colocación das pezas no forno e a técnica de cocedura das mesmas no forno de leña.


As primeiras pezas que fixo meu tío só foron uns asadores e logo un xerro, que lle deu moito traballo e quedou un pouco mal feito. Pero, co tempo e a práctica, as pezas foron mellorando moito e hoxe en día fai boleiros, botixos, escurrecubas, chocolateiras, meleiros, porróns, floreiros,.. e ata sacaleites!


O forno que ten na súa casa para cocer as pezas tamén o fixo el con material refractario e cachotaría ordinaria, e o barro que emprega para cocer as pezas vaino coller el directamente ás barreiras de Gundivós, Perdecanai, o Cerquido, Guillarei e Niñodaguia".


Na Sala de Exposicións do Concello, situada no segundo andar, tivemos a ocasión de ver diferentes pezas que Celso fabrica coas súas creativas mans. Explicounos detalles moi interesantes sobre elas e, logo, ensinounos un vídeo que resume todo este proceso de fabricación da olería tradicional.



DESFRUTAMOS E APRENDEMOS MOITO !!

MOITÍSIMAS GRAZAS, CELSO !!

Podedes obter máis información no blog da Biblioteca:

https://oblogdemimi.blogspot.com/2018/06/as-mans-de-barro.html



06/03/18

MELLOR PREVIR QUE CURAR

      O día 27 de febreiro con Julia Búa Núñez, técnica en prevención de drogodependencias e coa cofinanciación da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, fixemos actividades sobre a prevención de malos hábitos como son as drogas: tabaco e alcol.

Vimos un vídeo sobre o malo que é fumar e que pode provocar enfermidades, como o cancro de pulmón.


O día 28 de febreiro, para rematar o obradoiro, fomos ao comedor e falamos sobre o alcol.

    Falamos sobre as bebidas malas e boas para o corpo. Logo fixemos cócteles sen alcol e invitamos ao alcalde e ao director a probar  os nosos cócteles. Un pracer Julia!!!    

                                             Alumnado de 6º.


                                                                             

18/01/18

CEIDA: ENSINÁNDONOS A FACER COMPOST

   Hoxe, 18 de xaneiro, Luz Gómez (enxeñeira forestal), de Horta Agrelo en Bueu, en colaboración co CEIDA e a Deputación Provincial de Pontevedra, dentro do programa "Revitaliza" de compostaxe, veu darnos un interesante obradoiro.

 Achegámonos ao patio do cole onde Luz tiña alí preparado un composteiro para montar e os ingredientes para facer compost, que anotamos no noso caderno para non perder a receita:

                                                RECEITA PARA FACER                                                                                    COMPOST:


-1ª capa de restos leñosos grosos.
-2ª capa de restos verdes (herbas, hortalizas,...) e orgánicos (sobras da comida).
-3ª capa de estruturante (ramiñas, cortizas,...).

 
Fíxonos a comparación de que facer compost é como facer a masa dun pastel: fai falta auga e remexer semanalmente os ingredientes para que chegue á temperatura de 40 graos centígrados aproximadamente.
  
   Se non se fai ben o proceso, poden xurdir problemas como: dá mal cheiro e énchese de mosquitos, porque precisa máis estruturante; que está moi seco, pois botamos auga na mestura e remexemos; que ten moita auga, fai frío de máis e non van os bichos amasar, polo que non fermenta, pois engadimos unha capa extra de estruturante.
   A masa ten que estar no seu punto: nin moi húmida, nin moi seca. Así obteremos o noso propio compost para a vindeira plantación.

COMPOST
   E así é o compost, o mellor abono e o máis natural, para que a nosa horta sexa saudable e de primeira calidade.                      
   Animádevos a compostar nas vosas casas!!


                                                   Alumnado de 5º e 6º


05/02/17

OBRADOIRO TRANSFORMA: VÍDEO DA 1ª SESIÓN

     No seguinte enlace podedes acceder ao vídeo - resumo da 1ª xornada dos obradoiros TRANSFORMA II que Sheila García Prado está a impartir no noso centro para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria da que falamos en entradas anteriores:



UN PRACER, SHEILA ! ! !

03/02/17

SAÍDA TEATRO "FREAKY"

     O día 25 de xaneiro as chicas e os chicos de 5º e 6º fixemos unha saída a Pontevedra: A un obradoiro no Café Moderno e a unha obra de teatro na Sede Afundación titulada Freaky, da compañía Blue Mango Theatre, e que era en inglés.

     O obradoiro foi moi divertido. Alí recibíronnos Águeda e Patricia, coas que participamos en varias actividades repartid@s en dous grupos: 5º con Águeda e 6º con Patricia. Na que chaman a sala "Noble" fixemos unhas esculturas en bloques de esponxa, deses que empregamos para facer centros de flores; saíron emoticonos, unha balea, un peixe . . . Todas as esculturas quedaron moi ben !

     Noutra actividade aprendemos sobre a obra escultórica de Francisco Leiro, que é de Cambados, onde traballa, inda que tamén ten un estudio en Madrid e outro en Nova York. Seu pai era canteiro e seu avó, ebanista, de onde lle ven a súa paixón pola arte. Tamén lle gustan as historias da nosa terra galega.

     Despois entregáronnos unha ficha para cubrir e buscar a escultura que estaba na foto, falamos dela e buscamos diferenzas e parecidos con outras que non eran de Leiro. As esculturas eran moi grandes: unha dun Fauno, outra, de tres persoas e outra, dunhas mulleres recollendo chapapote, que fai referencia á catástrofe do Prestige (2002).

     Ao saír do Café Moderno, fomos merendar á Praza dos Músicos, e de alí a ver a obra de teatro en inglés, titulada Freaky, que trataba de dúas nenas e un neno que foran a un campamento de verán. Alí facían moitas actividades. Unha das nenas críase mellor ca os outros e chamáballe freaky ao neno, burlábase del . . . Pero nun concurso de baile, el resultou ser o gañador porque era o que mellor bailaba. Ao final, fixeron as paces e foron amig@s.

     Ao rematar a función, collemos o autobús para regresar ao cole. 

     Foi un gran día !



02/02/17

ESPECIES DE ESPAZOS: TRANSFORMA

      O pasado venres, 27 de xaneiro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistimos na Biblioteca do noso centro a un encontro coa arquitecta Sheila García Prado, con quen estiveramos no primeiro trimestre cando fomos visitar a exposición ESPECIES DE ESPAZOS no centro cívico Alcalde Castor Castro, sede do antigo Concello.


     Para refrescar ideas, Sheila amosou algunhas fotografías da antiga escola de Agudelo: localización, planos (planta, interior) e labores de recuperación e acondicionamento do lugar. Polo de agora, só se usa como centro electoral (para votar cando hai eleccións) ou para reunións da Comunidade de Montes. O obxectivo é transformar o edificio nun centro social. 


     Entón, Sheila propuxo un xogo moi divertido: "Centro social ou outra cousa?". Consistía en ver distintas imaxes de edificacións e tratar de adiviñar se eran centros cívicos ou vivendas, bibliotecas, museos . . . Entre risas e máis dunha sorpresa, puidemos coñecer os centros sociais de Xeve, Lérez (o antigo teleclub), Salcedo, Teo, A Coruña (chamado Ágora), Cuntis, Oleiros e moitos máis. Outras imaxes correspondían a vivendas, algunhas delas espectaculares como unha de EEUU que está tan integrada na natureza que polo seu salón atravesaba . . . unha fervenza ! Non imaxinabamos ningún de nós que puidera existir no mundo algo así. Alucinante !


     Logo, visionamos diferentes espazos e Sheila preguntou para que poderían servir. E contestabamos cousas como: para ler, estudar, xogar ás cartas ou ó parchís, bailar, facer teatro . . . Porque, claro, cada cousa é para o que é; ou sexa, @s arquitect@s pensan ben o uso e función das obras que constrúen: Non é o mesmo un colexio ca unha vivenda familiar; o espazo tense que axustar ás necesidades da xente. Ademais, é importante ter en conta os factores ambientais do lugar, como dixo Sheila cando nos amosou unha foto dos tellados das casas que hai en Cabeza de Manzaneda onde vai moito frío e neva, polo que eses tellados son picudos para que a neve esvare e non se veñan abaixo polo seu peso. Que ben pensado está !


     E falando de pensar ben e de necesidades que xurden en calquera edificación, unha delas é a de mobiliario. Como nós estamos desenvolvendo este curso o proxecto "BARRRO" pois apostamos por Reducir, Reutilizar e Reciclar, Sheila ensinounos uns mobles ben bonitos feitos coa técnica de cartón encolado e laminado: taburetes, cadeiras, mesas, sofás, lámpadas, colgadoiros . . . ata unha casiña para gatos ! 


     Explicounos que o moble é máis resistente se colocamos as láminas de cartón en vertical máis ca na horizontal. Outra ventaxa do cartón fronte á madeira é que leva menos tempo e, por suposto, é máis barato. Ademais, é un material moi fácil de manexar: O ideal para nós.


     Pero, antes que nada, temos que pensar ben que é o que queremos facer, para quen vai ser e como vai ser. E, para que o entenderamos ben, Sheila pediu voluntari@s e colleu asentos diferentes en deseño e tamaño para que os probaran ata que cada quen atopaba o que mellor se axustaba ao seu corpo. 


     Foi unha charla súper guai: Aprendemos unha chea de cousas e pasámolo pipa. Estamos desexando xa poñermos mans á obra e facer para o centro social de Agudelo algo que sexa tan útil como bonito. 

  MOITÍSIMAS GRAZAS, SHEILA, E ATA A PRÓXIMA ! ! ! 

30/10/16

VOLUNTARIADO NO MES DA BIBLIOTECA

     Ao longo do mes de outubro @s chic@s de 5º e 6º principiamos o noso voluntariado na Biblioteca do colexio cun gran espírito colaborador e de axuda mutua, mergullándonos en actividades como:
  •   Funcionamento do autoempréstito.
  •  Colocación de documentos.
  •  Supervisión de andeis.
  • Organización de obradoiros: Monstruosos marcapáxinas, maquillaxes terroríficos e contacontos de medo.


     Máis información, no blog da Biblioteca:

      



VISITAS