Amosando publicacións coa etiqueta ARQUITECTURA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARQUITECTURA. Amosar todas as publicacións

08/02/18

TEATRO E ROTEIRO POR PONTEVEDRA

O mércores 31 de xaneiro, as alumnas e os alumnos de 5º e 6º de Primaria achegámonos ata Pontevedra para asistir a unha divertida comedia musical en inglés titulada ´Zapping´ de Blue Mango Theatre.



A obra gustounos moito. Fíxonos pensar sobre as consecuencias das decisións que tomamos na vida e de que, se erramos, temos que aprender dos erros xa que non somos Eli, a protagonista, que tiña o poder de rebobinar o tempo.

Como nas clases estivemos traballando o libro Excursión pola zona vella de Pontevedra cos Bolechas, persoaxes creados por Pepe Carreiro, decidimos aproveitar a saída para facer un roteiro por algunhas das prazas máis emblemáticas da cidade.

O autobús deixounos nas inmediacións da praza de abastos, situada na beira do río Lérez.

Dirixímonos logo ata a Praza da Pedreira, así chamada polas actividades de cantería que se desenvolvían neste lugar, onde destaca o Pazo de Mugartegui.

Moi preto está a Praza de Méndez Núñez, co impoñente caserón onde viviu e morreu o almirante que lle dá nome.  Posteriormente, nese edificio organizaríanse encontros de escritores nos que participaban, entre outros, o vilanovense Valle-Inclán, con quen fixemos unha foto.


Despois, paseamos pola Praza de Curros Enríquez. Debe o seu nome ao grandísimo poeta ourensán do Rexurdimento. Alí atopamos unha escultura dun importante político galego: Alexandre Bóveda.

Chamounos, tamén, a atención unha fonte de ferro fundido construída no século XIX.

A pouca distancia está a céntrica Praza de España, presidida polo Pazo Municipal.


Camiñando pola rúa Michelena chegamos á Praza da Peregrina, onde destaca a igrexa da Peregrina, de singular planta en forma de cuncha de vieira. 

Fronte dela está a escultura do famoso loro Ravachol, símbolo do entroido de Pontevedra.

A continuación, baixamos ata a Praza da Ferraría, da que se fala nunha cantiga popular: 

"Pontevedra é boa vila / dá de beber a quen pasa. / A fonte da Ferraría, / e San Bartolomeu na praza."

Nunha das súas marxes está a Praza da Estrela, onde miramos o antigo pazo dos Barbeito, máis coñecido como Casa das Caras polas figuras que adornan o edificio.


Na Praza da Ferrería repousamos un pouquiño e merendamos moi, pero que moi ben.


Con enerxías renovadas, encamiñamos os nosos pasos ata a sede de Afundación para gozar coa obra teatral´Zapping´ de Blue Mango Theatre, unha divertidísima comedia en inglés sobre as consecuencias derivadas das eleccións que facemos na vida.


Pasámolo xenial !



23/06/17

SAÍDA FIN DE CURSO A PANXÓN, BAIONA E A GUARDA

      O día 15 de xuño, o alumnado de 5º e 6º gozou dunha saída de fin de curso espectacular.

     En primeiro lugar, realizamos o roteiro literario Carlos Casares polo paseo marítimo de Panxón.


   Alí se erixe un monolito de homenaxe ao autor e hai un itinerario composto por dez laxes gravadas con títulos dalgunhas das súas obras literarias máis coñecidas como A galiña azul.



     De volta ao bus, camiñamos polo agradable paseo que une a praia de Panxón coa praia América, separadas polo Río Muíños.


      En cinco minutos chegamos a Baiona.


     Dende a muralla do parador, situada na península de Monte Boi, tamén coñecida como de Monterreal, contemplamos as illas Estelas e as Cíes, así como as praias Cuncheira, Santa Marta ou Ribeira en Baiona, e praia América e Panxón en Nigrán.



    Baiona foi o primeiro porto europeo que recibiu a nova do Descubrimento de América. No ano 1493, a Carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou nestas augas. Co motivo do V Centenario do Descubrimento, no ano 1993, construíuse unha réplica da embarcación na que fixemos unha visita guiada.




     Para o xantar, eliximos a área recreativa Chan da Lagoa, no monte da Groba, rodead@s de cabalos pastando tranquilamente.

    Ao acabarmos de comer, algúns e algunhas de nós, fixemos unha "barrida", consistente en limpar a zoa recollendo os plásticos que alí atopamos.

     Logo, achegámonos ata a Virxe da Roca, monumental obra en granito construída polo arquitecto Antonio Palacios. A cara e as mans, nas que sostén un barco-miradoiro, son de mármore branco, obra de Ángel García.


     De seguido, collemos rumbo á Guarda, para visitar o castro de Santa Tegra, que ten máis de 2.000 anos de antigüidade. Nunha das dúas casas reconstruídas, agardaba Manuel, o noso guía, quen nos explicaría polo miúdo as características das diferentes construcións do castro e a vida cotiá das persoas que o habitaron.




     Na cima do monte, entramos no MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Tegra), onde se exhiben pezas da época castrense e, incluso, de épocas anteriores como o paleolítico, o neolítico e a idade de bronce.


     Despedímonos de Manuel, merendamos e mercamos algúns recordos para as nosas familias e para nós.

PASÁMOLO  XENIAL ! ! !


27/03/17

VISITA DE SHEILA GARCÍA PRADO

     Para conmemorar o Día Internacional da Muller, participamos no xogo de pistas 8M proposto dende a Biblioteca do noso centro. Ao longo dunha semana, investigamos sobre a vida e obra de mulleres relevantes no campo das Artes como:


     Como broche de ouro, o venres 17 de marzo, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tiñamos programado na nosa Biblioteca un encontro cunha muller moi cercana a nós. Tratábase de Sheila García Prado, que xa coñeciamos polo seu proxecto ESPECIES DE ESPAZOS. Nesta ocasión, viña falar do que ela chama "Unha viaxe cara a arquitectura".


     Traía consigo unha presentación audiovisual para que entendésemos mellor o que nos quería transmitir. Nós iamos tomando nota de todo para non esquecer nada.


     O primeiro do que nos falou foi do valor que ten para ela unha viaxe:

     "O valor dunha viaxe está xusto na diferenza entre o que se 
     espera e o que se atopa; e canta máis diferenza hai entre os 
     dous, máis significado adquire a viaxe.

     Canto máis diferentes nos volvemos respecto a cando 
     partimos, máis pegada deixou a viaxe en nós."

     Pois ben, a súa viaxe oficial de estudos deu comezo no noso colexio nos anos noventa do século pasado. Daquela, o colexio era ben distinto. Puidémolo comprobar cos nosos propios ollos nas fotografías que ensinou: as aulas, os patios, o mobiliario . . . Mesmo o edificio actual do Concello non existía. Entre risas, contou que ao lado da entrada principal había unha enorme pedra pola que subían @s pícar@s e que, precisamente por iso, un bo día desapareceu. Quen a pillara . . . !

     Sheila ía comentando unha a unha todas as fotos: De cando tiña cinco anos, c@s compañeir@s disfrazad@s de indi@s nun entroido e, de chin@s noutro, no ximnasio, nas clases, nun festival na Biblioteca Pública cun micrófono na man . . . Non perdemos detalle.


     Ao rematar no instituto, Sheila, apoiada en todo momento pola súa familia, dirixiu os seus pasos ata a Coruña para estudar Arquitectura na E.T.S.A.


     Un día, decidiu presentarse a un concurso cunha fotografía moi orixinal e creativa tomada dende Monte Alto. E gañou unha viaxe Interraíl por Europa !


     Canto máis ía aprendendo Sheila, máis interese sentía por ser "Arquitecta de familia", unha especialidade creada polo arxentino Roberto Livingston, quen a define con estas palabras:

"Alguén capaz de poñer en marcha un pensamento e aforrar diñeiro
(...) facer un diagnóstico e escoitar para facer menos obra, non máis.

@s arquitect@s deben servir como actores do cambio social,
traballar para a xente mellorando o seu hábitat.

A maior recompensa é encontrarte cun cliente anos despois e que
che diga: Grazas."


     No quinto curso de carreira foi de Erasmus a Torino (Turín), unha cidade situada ao norte de Italia, bañada polo río Po e rodeada polos Alpes. Foi para ela unha experiencia incrible !
    Torino é unha cidade con case 20 km de soportais, creados no século XVII para evitar a incomodidade de pasear baixo a chuvia ou o sol. Enriba dun deses soportais, na Vía Po, tiña Sheila a súa vivenda. Dende alí, acudía cada día á Facultade de Arquitectura, situada nun auténtico castelo: O Castello del Valentino. Que sorte !


     Ensinounos Sheila, tamén, o seu recuncho favorito: A Porta Palatina, unha das antigas portas de acceso á cidade.


     Durante todo o tempo que pasou en Torino,  Sheila era perfectamente consciente da magnífica oportunidade que a vida lle ofrecía e aproveitou para aprender todo o que puido e gozar desa etapa de aprendizaxe.

     De volta á Coruña, fixo un fermoso proxecto de Fin de carreira.


     Posteriormente, estivo un ano como colaboradora no Concello de Portas. Pero a súa paixón viaxeira levouna, coma se dunha pomba mensaxeira se tratase, novamente a Italia. Nesta ocasión, ao Sur do país, a Palermo, capital de Sicilia, a maior illa do Mar Mediterráneo.
   Alí a xente fala siciliano, que é moi distinto que o italiano, pero @s compañeir@s de Sheila falaban con ela en italiano e así entendíanse ben.
    Sheila amosounos unhas bonitas fotos de Palermo: Do porto, da igrexa de Santa María de Spasimo (co seu característico teito ao descuberto), das súas rúas estreitas e empinadas e do Castello della Zisa, actualmente convertido en museo.


     A viaxe virou, logo, ao continente africano, en concreto a Togo, na costa occidental de África, bañada polo Océano Atlántico. As imaxes que vimos reflectían a construción dunhas letrinas, que son retretes colectivos con varios compartimentos. Os ladrillos utilizados tiñan a particularidade de estar numerados; así, en caso de seren roubados, sería doado identificar perfectamente o que faltaba.


     Ademais, Sheila trouxo con ela, algunhas das ferramentas habituais d@s arquitect@s: planos, escalímetro, regra, tubo porta planos, casco, metro láser (aparato doado de manexar que serve para determinar con precisión distancias sen contacto e que Sheila tamén utilizou como punteiro), libros, un plano antigo das estradas de Pontevedra que recibiu como agasallo . . . Ata a súa primeira maqueta ! Preciosa !


   Ao final, Sheila contestou incansable a todas as nosas preguntas. Soubemos, por exemplo, que é unha afeccionada a todos os deportes. Entón, como non podía ser doutro xeito, @s futboler@s preguntáronlle de que equipo era e contestou que se debatía entre o Celta e o Dépor

     Antes de despedirmos, fixemos un xogo moi divertido: Alguén de nós dicíalle ao ouvido unha frase, ela repetíaa en alto e nós tiñamos que traducila ao galego. Adiviñamos practicamente todo. Claro que nisto non hai truco de maxia. O que sucede é que o galego, o español, o italiano e outras linguas (chamadas romances ou románicas), proceden dunha mesma lingua nai, o latín, o que fai que compartan estruturas gramaticais e vocabulario.

     Agora Sheila soamente ten en mente unha cousa: Traballar para poñer os seus coñecementos ao servizo dos demais, aportando o seu gran de area na construción dun mundo mellor. Ah ! E seguir viaxando e aprendendo todo o que poida.


UN INCONTRO MOLTO INTERESSANTE ! ! ! 

GRACIE MILLE, SHEILA, E BUONA FORTUNA ! ! !

     
Non deixedes de ver o vídeo - resumo da súa visita no blog da nosa Biblioteca:



05/02/17

OBRADOIRO TRANSFORMA: VÍDEO DA 1ª SESIÓN

     No seguinte enlace podedes acceder ao vídeo - resumo da 1ª xornada dos obradoiros TRANSFORMA II que Sheila García Prado está a impartir no noso centro para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria da que falamos en entradas anteriores:



UN PRACER, SHEILA ! ! !

02/02/17

ESPECIES DE ESPAZOS: TRANSFORMA

      O pasado venres, 27 de xaneiro, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º asistimos na Biblioteca do noso centro a un encontro coa arquitecta Sheila García Prado, con quen estiveramos no primeiro trimestre cando fomos visitar a exposición ESPECIES DE ESPAZOS no centro cívico Alcalde Castor Castro, sede do antigo Concello.


     Para refrescar ideas, Sheila amosou algunhas fotografías da antiga escola de Agudelo: localización, planos (planta, interior) e labores de recuperación e acondicionamento do lugar. Polo de agora, só se usa como centro electoral (para votar cando hai eleccións) ou para reunións da Comunidade de Montes. O obxectivo é transformar o edificio nun centro social. 


     Entón, Sheila propuxo un xogo moi divertido: "Centro social ou outra cousa?". Consistía en ver distintas imaxes de edificacións e tratar de adiviñar se eran centros cívicos ou vivendas, bibliotecas, museos . . . Entre risas e máis dunha sorpresa, puidemos coñecer os centros sociais de Xeve, Lérez (o antigo teleclub), Salcedo, Teo, A Coruña (chamado Ágora), Cuntis, Oleiros e moitos máis. Outras imaxes correspondían a vivendas, algunhas delas espectaculares como unha de EEUU que está tan integrada na natureza que polo seu salón atravesaba . . . unha fervenza ! Non imaxinabamos ningún de nós que puidera existir no mundo algo así. Alucinante !


     Logo, visionamos diferentes espazos e Sheila preguntou para que poderían servir. E contestabamos cousas como: para ler, estudar, xogar ás cartas ou ó parchís, bailar, facer teatro . . . Porque, claro, cada cousa é para o que é; ou sexa, @s arquitect@s pensan ben o uso e función das obras que constrúen: Non é o mesmo un colexio ca unha vivenda familiar; o espazo tense que axustar ás necesidades da xente. Ademais, é importante ter en conta os factores ambientais do lugar, como dixo Sheila cando nos amosou unha foto dos tellados das casas que hai en Cabeza de Manzaneda onde vai moito frío e neva, polo que eses tellados son picudos para que a neve esvare e non se veñan abaixo polo seu peso. Que ben pensado está !


     E falando de pensar ben e de necesidades que xurden en calquera edificación, unha delas é a de mobiliario. Como nós estamos desenvolvendo este curso o proxecto "BARRRO" pois apostamos por Reducir, Reutilizar e Reciclar, Sheila ensinounos uns mobles ben bonitos feitos coa técnica de cartón encolado e laminado: taburetes, cadeiras, mesas, sofás, lámpadas, colgadoiros . . . ata unha casiña para gatos ! 


     Explicounos que o moble é máis resistente se colocamos as láminas de cartón en vertical máis ca na horizontal. Outra ventaxa do cartón fronte á madeira é que leva menos tempo e, por suposto, é máis barato. Ademais, é un material moi fácil de manexar: O ideal para nós.


     Pero, antes que nada, temos que pensar ben que é o que queremos facer, para quen vai ser e como vai ser. E, para que o entenderamos ben, Sheila pediu voluntari@s e colleu asentos diferentes en deseño e tamaño para que os probaran ata que cada quen atopaba o que mellor se axustaba ao seu corpo. 


     Foi unha charla súper guai: Aprendemos unha chea de cousas e pasámolo pipa. Estamos desexando xa poñermos mans á obra e facer para o centro social de Agudelo algo que sexa tan útil como bonito. 

  MOITÍSIMAS GRAZAS, SHEILA, E ATA A PRÓXIMA ! ! ! 

20/12/16

"ESPECIES DE ESPAZOS"

     O 13 de decembro @s alumn@s de 5º e 6º recibimos unha bonita lección de:
  • Iniciativa e espírito emprendedor.
  • Traballo colaborativo.
  • Expresión artística.
  • Fotografía.
  • Arquitectura.
  • Aproveitamento dos recursos naturais, materiais e persoais.
  • Respecto ao medio ambiente.
  • Reducir, Reciclar, Reutilizar.
  • Responsabilidade para a conservación e mellora do noso patrimonio natural, histórico e cultural.
     Acompañad@s polas mestras Susana, Pilar e Claudia achegámonos ata o Centro Cívico, situado no edificio do antigo Concello.

    Alí agardábanos Sheila García Prado para nos presentar o proxecto "ESPECIES DE ESPAZOS" centrado na recuperación da antiga escola de Agudelo que ardeu hai moitos anos e está situada xunto a igrexa.


     Sheila explicounos que lle chamaban "A escola da cruz pequena" porque na contorna había moitas cruces pero a máis pequena de todas era a que estaba xusto ao lado da escola.

   Das paredes da sala do Centro Cívico penduraban unha chea de fotografías nas que puidemos observar detidamente o antes e o despois, logo do "lavado de cara" e adecentamento que fixeron Sheila e o equipo de persoas que traballaron arreo nunha fin de semana. Vaia cambio ! 


    Chamounos moitísimo a atención a transformación que sufriron as paredes da escola que, en apenas dous días, pasaron de estar ennegrecidas polo incendio a ofrecer un aspecto espectacular coas cores das estacións do ano: o branco do inverno, os verdes da primavera, os marróns e vermellos do outono, e os amarelos e laranxas do verán.

     Logo atendemos con moito interese a un vídeo que puxo Sheila sobre o traballo desenvolvido. Nel aparecían unhas palabras clave cheas de significado:
  • "Transforma": Reutilización e reciclaxe de materiais de refugallo (pneumáticos, palés, taboleiros . . . ) para facer mesas, bancos, maceteiros . . . 
  • "Máis verde": Plantación de especies autóctonas (como castiñeiros) nos arredores da antiga escola para crear un agradable espazo de encontro entre a veciñanza.
  • "As cores do rural": Simbolizadas no mural da parede con triángulos multicolores.
  • "Metendo a man na terra": Sobre o desenvolvemento do medio rural.

     Sheila contestou, logo, a todas as nosas preguntas. Así soubemos, por exemplo, que os cartos necesarios para levar a cabo o proxecto conseguíronos grazas á participación no programa "Iniciativa Xove" da Xunta de Galicia. Iso si que é darlle un bo uso ao diñeiro: Transformar un espazo feo e inútil nun espazo bonito e cheo de vida e posibilidades onde a xente poida reunirse e gozar con moitas actividades.

     Sheila é arquitecta e coñece a un montón de arquitect@s comprometid@s cos 3 erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) e tiña preparada unha presentación audiovisual para que nós os coñeceramos:
  • CURRO CLARET: Deseñador industrial catalán que reutiliza, por exemplo, madeira para facer taburetes, estantes . . . 
  • PATRICIA URQUIOLA: Arquitecta e deseñadora española que deseña cadeiras e outros obxectos con cartón e madeira laminada.
  • K-LO TALLER DE ECODESEÑO: Estudio no que traballan distintos profesionais comprometidos co deseño sostible. Destacan as súas lámpadas de cartón ás que lles aplican un tratamento especial de acabado.
  • BASURAMA: Colectivo cultural que, como a súa palabra indica, utiliza desperdicios e produtos de refugallo para facer as súas obras.
  • SHIGERU BAN: Arquitecto xaponés que fai casas a partir de tubos de cartón cun tratamento especial que os fai resistentes á auga e ás variacións de temperatura, de xeito que poden aguantar ata dez anos. Incrible pero certo !
  • MICHAEL REYNOLDS: Deseña e constrúe casas con materiais naturais e reciclados.
     Quedamos marabillad@s ! ! !

     Ao despedirmos, Sheila aínda tivo o detalle de nos agasallar a tod@s e cada un de nós cunha foto  relacionada co proxecto.

     De volta nas aulas, unha chea de ideas rebulían nas nosas cabeciñas.

     Canto aprendemos e que ben o pasamos !


 MOITÍSIMAS GRAZAS ! ! ! 

   
Máis información no blog da nosa Biblioteca :



VISITAS