Amosando publicacións coa etiqueta GALEGO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta GALEGO. Amosar todas as publicacións

31/10/23

SAMAÍN NO 3º CICLO

Un ano máis volve a data máis terrorífica do ano e os/as maiores do cole preparámonos para a ocasión! Ademais de sacar o noso mellor disfrace, decoramos as aulas e os corredores coas personaxes máis coñecidas do Samaín: bruxas, pantasmas, esqueletos, vampiros... 

Aquí vos deixamos unha pequena mostra das nosas creacións. Animádesvos a velas?

🎃 Pasámolo de medo! 🎃

24/02/21

Rosalía de Castro!

Para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, que se celebra o 24 de febreiro, o alumnado de 6º curso fíxolle unha pequena homenaxe. Para iso, decorou o colexio co poema "Nasín cando as prantas nasen", poema recollido na súa importante obra Cantares Gallegos, e  debuxou e pintou unhas fermosas siluetas da poetisa. 

Parabéns a estes rapaces e rapazas polo seu  entusiasmo, o seu formidable traballo en grupo  e polos seus marabilllosos resultados!

 Feliz Día de Rosalía! 






 

29/05/18

ANAGNÓRISE


Temazo da Banda da Loba inspirado no "Anagnórise" de María Victoria Moreno!

Unha anécdota: O videoclip inclúe retrincos no mesmiño estudo de gravación onde o grupo musical A Gallofa do IES e CEIP Amor Ruibal de Barro gravou a finais do curso pasado a súa canción "Reciclar é xenial". Unha experiencia, sen dúbida, inesquecíbel!



Pecha a porta con coidado Moi amodo mira a un lado E descobre na equipaxe O comezo dunha viaxe
Recoñécese sen nome Sinte o medo de estar lonxe A vertixe de que é ela Quen decide o que aceleran Imos xuntas viaxar  Cara un lugar. . . sen mar Imos xuntas viaxar Cara un lugar Vese dona de si mesma Sinte as cordas que se tensan No solpor cos sentimentos O perigo é un momento O perigo é un momento Imos xuntas viaxar Anagnórise Coñecer Descubrir quen es  Non existen etiquetas Van sen nome cara a meta Vendo dende a escuridade Unha luz de ambigüidades Ailalalala Anagnóriseeeeee Coñecer Descubrir quen es.


29/03/18

CREAMOS POESÍA

Con motivo do Día da Poesía, o alumnado de 6º decidimos crear os nosos propios poemas e plasmalos nun libriño.
Aquí vos deixamos a nosa obra esperando que vos guste.


12/07/17

ENTREGA DO IX PREMIO MIMI A MIGALLAS

     María Campos e Carlos Yuste, de MIGALLAS teatro, recibiron con moitísima ilusión o IX Premio MIMI nun acto protagonizado a mar de ben polo alumnado de 5º curso de Primaria, onde non faltaron risos, bailes nin, por suposto, cancións.


Un día inesquecíbel !

       Se premedes no enlace seguinte, atoparedes no blog da nosa Biblioteca un vídeo chulísimo do evento:



18/05/17

CHEA DE VIDA

Mil nen@s cantan en Navantia "CHEA DE VIDA" de Pachi García, 
con Guadi Galego e Guille Fernández, 
dirixid@s por Ramón Bermejo.

FERMOSA INICIATIVA !

PRECIOSO RESULTADO !

10/01/17

A NOSA BIBLIOTECA NA REVISTA EDUGA

     Acaba de saír publicado o número 72 de EDUGA, a Revista Galega de Ensino. Nela se recollen nove experiencias moi interesantes desenvolvidas nas Bibliotecas escolares galegas. A profe Mª Carmen, que é a coordinadora da nosa Biblioteca,  escribiu a que leva por título "Voluntariado na biblioteca escolar". 

     Se premedes no seguinte enlace podedes acceder a todos os artigos mencionados, en especial, o referido ao noso centro:



MOITÍSIMOS PARABÉNS, TEACHER CARMEN !!!

MOITÍSIMOS PARABÉNS, VOLUNTARI@S !!!


17/11/16

EXPOSICIÓN "GALICIA - CABO VERDE: UNHA IRMANDADE"

     Onte, 16 de novembro, Día Internacional para a Tolerancia, os rapaces e rapazas de 5º e 6º fomos ao Concello.


     Tiñamos moita curiosidade por ver a exposición Galicia - Cabo Verde: Unha irmandade, froito da viaxe que fixo o fotógrafo Rober Amado (Ferrol, 1985) no ano 2013.


     Cabo Verde é un arquipélago situado na costa atlántica de África, en fronte de Dakar (capital do Senegal), formado por dez illas e oito illotes.

     Abraldes, o alcalde, explicounos que é un país onde hai moitísima pobreza e enfermidades e que nós debémonos sentir moi afortunad@s pois, aínda que temos as nosas necesidades, claro, outr@s están a pasalo moi pero que moi mal. 


     Por iso, continuou dicindo Abraldes, o Concello de Barro forma parte, dende hai uns meses, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade co obxectivo de impulsar unha cultura de Dereitos Humanos, promovendo actividades como esta exposición e o concerto, no Pazo da Crega, do grupo Batuko Tabanka, formado por doce mulleres caboverdianas que viven dende hai anos en Burela (Lugo).


     Como xa traballaramos algo de fotografía (tipos de planos, ángulo das imaxes, xéneros fotográficos) percorremos a exposición co caderno e boli na man, anotando as características das fotos que máis chamaban a nosa atención así como as emocións que espertaban en nós. 


     Impresionáronnos todas as fotos pero destacaríamos as seguintes:


     A foto dos crebacabezas porque, ao fin e ao cabo, a tod@s nos gustan; a da auga, porque é moi significativa nun país onde a auga potable é un ben máis prezado que o ouro; a d@s nen@s na escola polo seu interese en aprender; a da nena diante da parede deteriorada, pola súa beleza; a do can, porque a tod@s nos deu moita pena a súa historia; a da vexetación exuberante, pola estrañeza de nos atopar tanto verde nun país tan seco; e a foto familiar, pola felicidade que irradiaban nai, pai e fillo a pesar dos seus pesares.

     A visita gustounos moito pois nos fixo pensar, como dicía Abraldes, no afortunad@s que somos de vivir onde vivimos e, tamén, abriunos os ollos a unha realidade na que nen@s coma nós non teñen auga, nin comida, nin xoguetes, nin libros e andan mal vestidos ou con roupa que ten mil lavados.

     Si, a visita gustounos moito porque aprendemos a valorar o que temos e o que somos, a sentirmos inmensamente agradecid@s e a sentir compaixón pola xente que non ten a calidade de vida que merece por ser quen é, nin máis nin menos que seres humanos coma nós.

  

10/06/16

VISITA GUIADA POR MARCELLE

     Eran as dúas da tarde cando nos despedimos de Antón e de Fran e subimos ao bus con rumbo ao Parque da Natureza de Marcelle. Chegamos en dez minutos.
     Na entrada do parque agardaban @s monitor@s. O primeiro que fixeron foi distribuírnos en tres grupos: dous de 12 e un de 13. En cada grupo ía unha mestra e o guía correspondente e tiña o seu nome propio:
  • O grupo dos RENOS, no que ía a profe Pilar e a monitora Genma.
  • O grupo das AVESTRUCES, coa profe Mª Carmen e Nico, o monitor.
  • O grupo dos CANGUROS, coa profe Claudia e o monitor Marcos (Topanga para @s amig@s: significa "montaña elevada").


     Estabamos tod@s afamad@s, así que ocupamos axiña as mesas que nos indicaron e devoramos a saborosa comida que prepararan as nosas nais.


     Logo deixamos as nosas mochilas nun carriño que semellaba aos que usan os xogadores de golf e principiamos a nosa visita traspasando triunfais a porta de África dándonos a benvida unhas avestruces de patas longas e potentes para correr veloces. Por certo, entre nós fixemos un xogo de cortexo entre machos e femias imitando ás avestruces e rimos mogollón.


     Uns ánades reais nadaban tranquilamente no río.


    Vimos uns animais impoñentes, os bisontes americanos, tamén chamados búfalos americanos.


     Atravesamos un tronco xigante cun burato no centro, que lle chaman "O cu de África".


    Divertíronnos uns monos capuchinos que facían moitas filigranas e estaban rodeados de auga para non fuxir. Na mesma parcela tamén había lémures que durmían e semellaban unhas bólas peludas. Que curioso !
     Tamén divisamos un babuíno que parecía que tiña moita vergoña.
    Os guías contaron que o zoo colabora con asociacións de recuperación de animais. Por exemplo, as moniñas foron rescatadas dun laboratorio onde lle daban pastillas para non ter bebés (anticonceptivos) e agora están estériles, cáeselles o pelo e perderon moita visión.
     Polo que respecta aos macacos, ao parecer os líderes son os que teñen o cu e o nariz máis vermellos. Que cousas !


     A parella de porcos espiños estaba durmindo a sesta dun modo ben pavero: cabeza contra cu. Podemos pensar que é unha mala idea pero non: é un sistema para vixiar aos depredadores.
     O armadillo estaba acurrucadiño nun recuncho. Nalgúns países comen a súa carne e logo coa coiraza fan charangos, que son instrumentos musicais de corda punteada.
    O lince boreal é precioso e impresionounos moito apostado como estaba no alto dunha árbore.
     Como o raposo é un animal nocturno, case non se deixaba ver, agochado na entrada do seu cubil.


     A medida que avanzabamos polo parque, atopabamos unha chea de obras artísticas en madeira e pedra: portas, árbores, guaridas dos animais, miradoiros, troncos e pedras que semellan bechos ou setas xigantescas. . . Auténticas preciosidades !


     Observamos grandes tartarugas tomando o sol, xinetas e cebras que nos sorprenderon porque descubrimos que as súas raias non son negras senón de cor marrón escuro. Non te deitarás sen saber algunha cousa máis. . .
     Os xabarís estaban tomando o sol, cheos de lama pero tan contentos. "E ti de quen vés sendo?" preguntámoslles a cada un. "Sodes da familia do Xabarín Club ?" E rimos a gargalladas. Ademais, un deles non paraba de roncar. 


     Gozamos dándolle de comer ás cabras ananas, a pesares de que unha compañeira picouse con ortigas ao coller a herba. Pero onde hai veleno, está o antídoto e atopamos enseguida unhas follas de menta para aliviar o picor.


     Alucinamos co capibara, que é o roedor máis grande do mundo, e o falabella, que é o cabalo máis pequeno do mundo. Tamén vimos burros africanos.


     Os suricatas escavan galerías subterráneas para protexerse e teñen unha cara e un porte moi simpático.


     Os nosos guías contaron que un wapiti tirara a outro polos aires cara ao cerrado dos bisontes e tivérono que trasladar a Cabárceno; a cambio, enviaron para Marcelle tres canguros. Aprendemos, ademais, que podemos saber os anos que teñen os wapitis contando o número de puntas das súas cornas. Por certo, sabedes a diferenza entre cornos e cornas? Os cornos son de óso e, cando rompen, non volven saír. En cambio, as cornas pérdense no outono para volver saír a finais da primavera ou do verán. Por exemplo, os cervos, wapitis e renos (os de Papá Noel) teñen cornas; os gamos, cornos. 
     Na reserva (da que logo falaremos máis) vimos unha corna de wapiti mordida e o monitor contou que era porque as femias embarazadas morden as cornas que lles caeron aos machos para obter así o calcio que precisan para o embrión. Que sabia é a nai natureza !


     Wapitis, gacelas, alces, gamos, axis, renos e sitatungas paséanse polo parque a pracer.


     Os osos semellaban seres humanos. No foso vimos tres osas: unha nai, a súa filla e unha tía, irmá da nai. Cando a tía xogaba coa sobriña, a nai viña e separábaas enfurecida porque ten moitos celos. Vaia vaia ! Inda por riba, o macho, enorme, vivía illado porque é moi agresivo. E logo falan nos contos do abrazo amoroso dos osos . . .  


     Algo co que nos sorprenderon @s monitor@s foi co tiro con arco: ENCANTOUNOS.


     O que lle chaman "A reserva" é un bosque autóctono habitado por animais en liberdade coma os emúes, os muflóns (unha compañeira chamáballes "mofletóns" e riamos a máis non poder) ou os wallabies (parecidos aos canguros pero máis pequenos).


    Atrevémonos a darlles de comer aos emúes poñendo os grans nas nosas mans, coas palmas estendidas. Un deles, chamado Poio, era tan manso que ata podiamos tocalo. Foi súper emocionante !


    E atopamos un ovo de emú ! Dixéronnos que podía equivaler a, nada máis e nada menos, dúas ducias de ovos de galiña. 


     Un cartel avisa da perigosidade de dous lobos irmáns  que viven en Marcelle: Pica e Rasca. Os guías dirixiron un xogo con eles: Tiñamos que patear forte no chan, agocharmos e ouvear. Os lobos respondían ouveando tamén. Foi moi interesante.


     Dende unhas pólas, non nos quitaban ollo uns mouchos e unhas aguias: Estaban recuperándose dunhas feridas. Unha vez recuperadas, liberaríannas.


     Aprendemos que os dromedarios poden chegar a beber 150 litros en 15 minutos. Que esponxas !


     Ao remate da visita, dous grupos tiveron tempo de xogar na herba a un xogo parecido a "Unha castaniña por detrás".


     E como non queriamos voltar coas mans baleiras, mercamos na tenda algún pequeno agasallo.
     Antes de subir ao bus fixemos unha foto de gran grupo c@s guías que, temos que dicir, si ou si, foron excelentes.


     Xa no autobús, as mestras preguntaron se queriamos regresar directamente a Barro ou parar un cuarto de hora a merendar na área de servizo de Guitiriz. Xa imaxinades o que contestamos, non?
     Recuperados os folgos, emprendemos a viaxe que nos levaría de volta coas nosas familias entre xogos, cancións, conversacións e a peli de Los Minions que puxo o condutor.
     Voltamos cans@s pero felices e cheos de enerxía.

     PASÁMOLO DE MARABILLA ! ! !


04/06/16

ENTREGA DO VIII PREMIO MIMI A PÁRAMO PICTURES

     O pasado venres, 30 de maio, @s chic@s de 5º subímonos ao escenario do Salón da Biblioteca do Concello para conducir o acto da entrega do VIII Premio MIMI. 


     Celia e Dani, con moita valentía, non dubidaron en coller o micrófono para facer a presentación:


     O primeiro que fixemos foi cantar e bailar o Rap da lingua de Migallas cunha coreografía creada por nós.


     Logo de recordar @s premiad@s en categorías anteriores, chegou a hora de que Daniel Moreiras e Iván Capón, de Páramo Pictures, recollesen o seu merecido premio. María Portero non puido vir pero estivo igualmente con nós nas súas cancións.

   Diego foi o encargado de entregar a fermosa talla de madeira realizada polo artista local de proxección internacional, Fran Rodríguez Remiseiro, baseada no debuxo da ex alumna Aroa Outón.


    Para celebralo, que mellor que cantar con eles esas letras tan cheas de humor e retranca. 
     Pero antes de empezar, invitamos a subir ao escenario a Brais, un neno de Infantil, que se converteu rapidamente nun fan incondicional e aprendeu axiña as súas cancións. Que pasada !


     A primeiriña que interpretamos foi Préndeme o boi que nos "chifla" a tod@s.


     Logo rendémoslle homenaxe a Vou estalar, por ser a primeira parodia musical coa que se deron a coñecer.


     O público, formado por todo o alumnado e profesorado do centro, estaba totalmente entregado; o Salón de Actos vibraba enteiro de tanta enerxía concentrada que alí había. Tamén contamos cunha representación do IES de Barro, xa que foron eles os que propuxeron a súa candidatura.



    Como o público coreaba con forza, OUTRA!! OUTRA!! OUTRA!!, agasalláronnos coa Bertolina
        Foi todo un espectáculo ! 
   A pesares de que tiñan unha apertada axenda, non dubidaron en someterse a unha intensiva sesión fotográfica con todos e cada un dos cursos. Por suposto, non podiamos faltar nós nin @s compañeir@s de 6º, que tanto nos animaron:



      Foi un día que quedará gravado para sempre na nosa memoria e no noso corazón.

      SODES GRANDES !

      MOITOS PARABÉNS E MOITAS GRAZAS !


     Se premedes no enlace do blogue da nosa Biblioteca poderedes ver un vídeo e máis imaxes do evento. Disfrutádeo !




    

VISITAS