Amosando publicacións coa etiqueta ARTE 16. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ARTE 16. Amosar todas as publicacións

23/06/17

SAÍDA FIN DE CURSO A PANXÓN, BAIONA E A GUARDA

      O día 15 de xuño, o alumnado de 5º e 6º gozou dunha saída de fin de curso espectacular.

     En primeiro lugar, realizamos o roteiro literario Carlos Casares polo paseo marítimo de Panxón.


   Alí se erixe un monolito de homenaxe ao autor e hai un itinerario composto por dez laxes gravadas con títulos dalgunhas das súas obras literarias máis coñecidas como A galiña azul.



     De volta ao bus, camiñamos polo agradable paseo que une a praia de Panxón coa praia América, separadas polo Río Muíños.


      En cinco minutos chegamos a Baiona.


     Dende a muralla do parador, situada na península de Monte Boi, tamén coñecida como de Monterreal, contemplamos as illas Estelas e as Cíes, así como as praias Cuncheira, Santa Marta ou Ribeira en Baiona, e praia América e Panxón en Nigrán.



    Baiona foi o primeiro porto europeo que recibiu a nova do Descubrimento de América. No ano 1493, a Carabela Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón, atracou nestas augas. Co motivo do V Centenario do Descubrimento, no ano 1993, construíuse unha réplica da embarcación na que fixemos unha visita guiada.




     Para o xantar, eliximos a área recreativa Chan da Lagoa, no monte da Groba, rodead@s de cabalos pastando tranquilamente.

    Ao acabarmos de comer, algúns e algunhas de nós, fixemos unha "barrida", consistente en limpar a zoa recollendo os plásticos que alí atopamos.

     Logo, achegámonos ata a Virxe da Roca, monumental obra en granito construída polo arquitecto Antonio Palacios. A cara e as mans, nas que sostén un barco-miradoiro, son de mármore branco, obra de Ángel García.


     De seguido, collemos rumbo á Guarda, para visitar o castro de Santa Tegra, que ten máis de 2.000 anos de antigüidade. Nunha das dúas casas reconstruídas, agardaba Manuel, o noso guía, quen nos explicaría polo miúdo as características das diferentes construcións do castro e a vida cotiá das persoas que o habitaron.




     Na cima do monte, entramos no MASAT (Museo Arqueolóxico de Santa Tegra), onde se exhiben pezas da época castrense e, incluso, de épocas anteriores como o paleolítico, o neolítico e a idade de bronce.


     Despedímonos de Manuel, merendamos e mercamos algúns recordos para as nosas familias e para nós.

PASÁMOLO  XENIAL ! ! !


21/06/17

GRAVACIÓN DE "RECICLAR É XENIAL" NO ESTUDIO EDISCO

     Hoxe, no Día Europeo da Música, compartimos con vós a ilusión do GRUPO A GALLOFA DO IES E CEIP DE BARRO, integrado por alumnado de 6º de Primaria e da ESO, que estivo onte no estudio EDISCO en A Estrada, gravando a súa canción "Reciclar é xenial", gañadora no certame SON DO UMIA 2017.

Sen dúbida, unha experiencia inesquecible!












16/06/17

CURTA "NÓS APOSTAMOS POR COMPOSTAR"

     No marco do proxecto BARRRO.COM, o alumnado de 6º de Primaria ideou e realizou a curta NÓS APOSTAMOS POR COMPOSTAR na que colabora persoal do comedor, alumnado e profesorado de distintos cursos de Educación Infantil e Primaria do colexio.

     Consta de dúas partes diferenciadas: 
  • A primeira aborda as cuestións básicas da compostaxe.
  • Na segunda pódese ver unha das patrullas verdes en acción.

15/06/17

PRESENTACIÓN DO PROXECTO BARRRO.COM

     O día 9 de xuño @s alumn@s de 6º presentamos na Nave da Música do Concello o proxecto BARRRO.COM que desenvolvemos ao longo do curso, centrado nos 3 ERRES (Reducir, Reciclar, Reutilizar) e na COMpostaxe. Este traballo enmárcase no PDI (Proxecto Documental Integrado) "BARRRO" que MIMI, a mascota da nosa Biblioteca, presentou na conmemoración do Día da Ciencia en Galego.



    Ao acto asistiu alumnado e profesorado do colexio e do IES, José Sanmartín (tenente de alcalde e concelleiro de Servizos e Obras), Quique Pintos (mestre composteiro de Barro), Manuel Fariña (apoio técnico) e familiares nosos.



      Este foi o power point que utilizamos na presentación:

     Como colofón do acto, o grupo musical "A GALLOFA DO IES E CEIP DE BARRO", integrado por chic@s do instituto máis nós, interpretou en vivo e directo a cantiga orixinal "Reciclar é xenial".



   Repartimos, tamén, folletos informativos sobre as cuestións básicas da compostaxe entre toda a comunidade educativa do Concello (colexio e IES). Podedes acceder á súa versión dixital neste mesmo blog, na entrada anterior.

     Por cortesía do Concello, instalouse no fondo da Nave da Música un posto do "Plan Revitaliza. Apúntate á Compostaxe" da Deputación Provincial de Pontevedra, e José Sanmartín e Quique Pintos agasallaron á saída cunhas bolsiñas de compost.



     Moitas foron as persoas e entidades que colaboraron con nós para desenvolver este proxecto. Reiteramos os nosos agradecementos a todas elas:
  • Concello de Barro, Deputación de Pontevedra, CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), Amigos da Terra, Urbaser, Voz Natura.
  • Alumnado e profesorado do IES e CEIP Amor Ruibal de Barro.
  • E, por suposto, ás nosas familias.
     

25/05/17

RESOLUCIÓN DO CONCURSO DE CARTEIS "BARRRO"

     Logo dunha longa e dificilísima deliberación, o xurado deu a coñecer a resolución do concurso de carteis do noso proxecto de centro "BARRRO".

     A nosa compañeira de 5º, ALBA VILLAR CRUGEIRAS, é a creadora do cartel gañador.

BRAVÍSIMO, ALBA ! 


     ALBA BESADA LOUZÁN e CELIA POMBO PINTOS, compañeiras de 6º, quedaron finalistas con este cartel:


BRAVÍSIMO, ALBA E CELIA ! 

     No blog da nosa Biblioteca podedes ver un vídeo con todos os carteis premiados: 


AUTÉNTICAS OBRAS DE ARTE !

PARABÉNS ! 

https://oblogdemimi.blogspot.com.es/2017/05/resolto-o-concurso-de-cartaces-barrro.html

MOITÍSIMAS GRAZAS A TOD@S POLA VOSA PARTICIPACIÓN ! ! !

SIGAMOS CREANDO ! ! !        SIGAMOS AVANZANDO ! ! !

23/05/17

CELEBRACIÓN DAS LETRAS GALEGAS NO IES DE BARRO

     O día 17 de maio é o Día das Letras Galegas, adicado este ano a Carlos Casares.
     No IES de Barro celebrouse o venres 19 e, ademais do alumnado do instituto, asistimos nós, @s alumn@s de 6º de Primaria.
     O festival arrancou cunha lectura de "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" seguida dunha representación de monicreques, lecturas de microtextos, proxeccións audiovisuais e entrega de agasallos. Paralelamente, un grupo de alumn@s ía debuxando caricaturas do autor homenaxeado. Ao final, o grupo "A Gallofa do IES e CEIP Amor Ruibal de Barro", integrado por chic@s do instituto máis nós, interpretamos a cantiga "Reciclar é xenial", creada en estreita colaboración.


     Unha experiencia sensacional ! 


10/05/17

TERRAS DO UMIA ENTREGA O PREMIO "LINGUMIA 2017" AO CANAL RÍAS BAIXAS

     Na Festa da Lingua celebrada en Portas, a Coordinadora Terras do Umia entregou o premio "LINGUMIA 2017" ao canal Rías Baixas polo seu compromiso coa lingua galega. 

     Ao través do seguinte enlace podedes acceder a unha reportaxe sobre esta noticia en particular e sobre a Festa en xeral, na que o alumnado do noso Concello ten un especial protagonismo:




ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO TERRAS DO UMIA

     En Barro estamos de NORABOA!

    O pasado venres, 5 de maio, alumnado do CEIP Amor Ruibal e do IES de Barro acudiu á Azucreira de Portas para participar na Festa da Lingua 2017 organizada por Terras do Umia (Coordinadora Comarcal de Dinamización da Lingua Galega dos Concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas). Alí recibiron premios nas súas respectivas categorías:
  • IRIA GARCÍA PAZ (categoría B1): Gañadora no apartado de Micropoemas.


  • LOAIRA SANTAMARÍA FERNÁNDEZ (categoría C2): Gañadora no apartado de Microrrelatos.

  • Grupo Musical "A GALLOFA DO IES E CEIP DE BARRO": Gañador no apartado de SONDOUMIA.

BRAVÍSIMO ! ! ! 

PARABÉNS A TOD@S ! ! ! 

     Máis información no blog da nosa Biblioteca:



SIGAMOS CREANDO ! ! !     SIGAMOS AVANZANDO ! ! !


05/05/17

CONCERTO FAMILIAR XXV ANIVERSARIO DA BANDA DE MÚSICA XUVENIL DE BARRO

     A Banda de Música Xuvenil de Barro celebra este ano o seu XXV Aniversario. Con tal motivo organizou unha chea de concertos impresionantes como o do pasado domingo, 30 de abril, na Nave da Música do noso Concello. Para nós foi moi especial pois tivemos o privilexio de cantar coa Banda "Caracol Mifasol" e "La Escala Sido" de Ferrer Ferran diante de familiares e amig@s. Ademais, tocaron tamén os nosos compañeiros Dani e Diego. 

     Foi súper emocionante ! ! !


     MOITÍSIMAS GRAZAS ! ! !

     MOITÍSIMOS PARABÉNS ! ! !

     LONGA VIDA Á BXB ! ! !

     Non vos perdades toda a información do evento, fotos e vídeo no blog da nosa Biblioteca:



05/04/17

SEXTO EDIFICIO DO MUSEO E RUÍNAS DE SAN DOMINGOS

     O pasado venres, 24 de marzo, @s alumn@s de 5º e 6º asistimos en Pontevedra a unha xornada organizada polo equipo didáctico do Museo en colaboración coa Deputación Provincial polo que, nesta ocasión, a viaxe saíu completamente gratis. Que sorte !

    Primeiro tiñamos que ir ao Sexto Edificio do Museo pero, como chegamos cedo, antes de entrar paseamos polas rúas adxacentes. Así puidemos facer unhas fotografías en lugares típicos pontevedreses como son a praza da Leña e a rúa dos arcos de San Bartolomeu, e incluso visitar a igrexa de San Bartolomeu, iso si, moi, pero que moi caladiñ@s.




     Logo dirixímonos á entrada do Sexto Edificio do Museo onde agardaban Jose, Noelia e Carmen para nos acompañar nunha interesante ruta histórica.


     Cantos anos dura a Prehistoria ? Que acontecemento importante marca o paso da Prehistoria á Historia ? Que período de tempo abarca a Historia Antiga ? E a Idade Media? E a Idade Moderna ? E a Contemporánea ? Cales son as principais características da Idade Media ? Estas e outras cuestións abordámolas na sala 1 da primeira planta, que alberga tesouros da Prehistoria e da Antigüidade.


     A continuación, e dun xeito ben simpático por certo, reflexionamos sobre o concepto de Arte para centrar de seguido a nosa atención nas laudas gremiais a partires de dúas obras artísticas presentes na sala: A lauda de Suero Gómez de Soutomaior, cabaleiro con espada falecido na guerra, e a lauda do gremio dos carniceiros, co coitelo e machete característicos.


     Como non chovía, Jose comentou que iamos continuar a nosa lección de arte medieval nas Ruínas de San Domingos, onde se atopan os restos do antigo convento dominico da cidade, o máis destacado exemplo de arquitectura mendicante galega.

     Quedamos encantad@s coa proposta. Así podiamos estirar as pernas e pasear pola rúa Pasantería, a praza da Ferrería e a rúa Michelena ata chegar ao noso destino.


     Alí sentámonos na ábsida principal e atendemos á historia do lugar moi ben explicada por Jose, quen falou das características arquitectónicas principais: planta de cruz, bóvedas nervadas de canón, cinco ábsidas (a grande no medio e dous máis pequenas a ambos lados) ou o arco de medio punto.


     Marabillámonos ao saber que foi igrexa, convento, hospicio, cárcere, escola infantil, cuartel e teatro. Mi madriña ! Mesmo co paso do tempo, a mediados do século XIX, aproveitaron as súas pedras para pavimentar as rúas de Pontevedra. Mágoa ! Menos mal que un grupo de persoas estudosas que formaban a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra decidiron usar as ruínas para as súas reunións e reivindicar o seu importante valor. Así, en 1895, lograron que fora declarado Monumento Nacional, converténdose no primeiro Monumento Nacional da provincia de Pontevedra.

     Admiramos outras laudas gremiais, tumbas de persoeiros importantes como Paio Gómez de Soutomaior ou Frei Domingo de Liñares e tamén escudos de importantes familias como a de Tristán de Montenegro, cos seus emblemas propios. Ata aprendemos que os apelidos rematados en -ez significan "fill@ de". Por exemplo: Fernández significa fill@ de Fernando; Domínguez, de Domingo; Sánchez, de Sancho; Martínez, de Martín . . .


     Cantísimas cousas aprendemos ! ! !

     Despedímonos de Jose, Noelia e Carmen, non sin antes agradecer o tempo que compartiron con nós, e saímos disparad@s coma foguetes cara á Alameda para merendar.


    Con enerxías renovadas, entusiasmámonos cando as mestras preguntaron se queriamos ir xogar ao Parque das Palmeiras. Pasámolo bomba percorrendo circuítos e, sobre todo, columpiándonos nun columpio xigantesco onde cabían ata media ducia de persoas.



     Que ben o pasamos ! ! !

     Unha saída redonda ! ! !
     

VISITAS