13/04/15

ENCONTRO CON D. XOSÉ NEIRA VILAS


     O mércores 8 de abril @s chic@s de 5º e 6º mantivemos un encontro de luxo con D. XOSÉ NEIRA VILAS no que tivemos ocasión de facerlle unha morea de preguntas, que respondeu con agarimo e inmensa paciencia.




      Unha parte da entrevista recollímola en formato podcast (arquivos de audio dispoñibles en rede) que podedes consultar na marxe dereita deste blogue. A outra parte da entrevista recollímola de "puño e letra". 


    Coidamos que son testemuñas históricas de gran interese que agradecemos enormemente e queremos compartir.

  • Por que lle gusta escribir? (Carlos)
      É unha inclinación. Desde rapaz, aos 9 anos, xa escribía. Pero empecei en serio en Arxentina (en revistas, xornais . . .). Eu colaboraba en todos. Estudei periodismo en Bos Aires e despois publiquei libros. O de escribir nace con un.


  • Onde escribe? (Andrea C.)
      Escribo na miña casa, nun local, a máquina (non no ordenador). Despois pásano.


  • Por que marchou de Galicia? (Sandra)
      Rematei a escola primaria. Era unha escola tan pobre e limitada . . . Os nenos da aldea ían á escola só cando chovía. Meus irmáns e máis eu iamos máis, pero antes tiñamos que deixar os traballos feitos. Despois, eu fixen un curso de contabilidade por correspondencia e empecei a traballar nunha empresa, nunha oficina. Quería seguir estudando e non tiña posibles, así que tiven que irme.
      En América descubrín Galicia: patrimonio, cultura, importancia do idioma . . . Non me arrepinto.

  • Que libro dos seus lle gusta máis? (Andrea B.)
     ¡ É coma se a un pai lle preguntas a cal dos seus fillos quere máis ! A novela Querido Tomás... Memorias . . . Un máis recente, Esperando ao leiteiro . . .Teño na imprenta agora Semente galega en América e traballo nunha novela: O rebulir na aldea . . . Remuíño de sombras, que é unha novela parqué, feita de anaquiños . . .

  • Había libros na túa casa? (David A.)
      Moi poucos: 3 ou 4 que trouxera meu pai de Bos Aires onde estivera uns meses. Tal vez por iso quixen converter a casa en Biblioteca Pública; encher a aldea de libros. Ata hoxe, prestamos máis de 14.000.


  • Desde cando sabes que querías escribir? (Elia)
      Durante a infancia e a adolescencia xa me gustaba escribir por placer, para lerlles aos amigos da escola. Para publicar, cando emigrei.


  • Gustáballe ir á escola? (Manuel)
      Para ir tíñame que erguer ás veces ás 3 da mañá. Axudar a restrelar, xuntar monllos, ir coas vacas, arar... As vacas, ás 9 da mañán, fuxían porque as picaban os tabáns, así que había que traballar con elas de noite e levalas pacer moi cedo. Cando despois ía á escola, xa ía moi cansado.
   E tamén facía de carteiro: 3 días á semana andaba ata 7 km de ida e outros 7 de volta por corredoiras de lama. Gañaba o dereito a ir á escola.
     Era difícil vivir, sobrevivir, comer. . . Roupas remendadas, frío fóra e dentro da casa . . .

  • Que libro tardaches máis en escribir? (Elena P.)
      Posiblemente Castelao en Cuba. Foi moito tempo xuntándome con el e falando. Tamén Galegos no Golfo de México, entrevistas a pescadores . . .


  • A que xogabas de pequeno? (Manuel)
     Non había nin xoguetes de feira nin cartos para compralos. Faciámolos nós e coidabámolos mellor. Faciamos carriños para baixar monte abaixo correndo, iamos aos niños (daquela había moitos paxaros), ás anguías e ás troitas ao río . . . Xogabamos á estornela ou billarda, a unha pelota feita con calcetíns vellos . . .
     Eran xogos de moverse, de facer exercicio.


  • E con cabalos? (Manuel)
    O mundo dos cabalos é moi noble. Á miña muller gustábanlle moito. Aínda no cuarto temos cadros de cabalos.
    Ela tiña (alá en Cuba) unha egua e un can, e ían os dous montados na egua. Despois, cando foi para a cidade, deixoulla a unha familia. Ao ir vella cegou, pero aínda así, cando ela lle falaba, recoñecíaa.
     Na miña aldea faciamos os entroidos de a cabalo.
   Tiñamos roupa militar e compartiamos a roupa e os cabalos cos das outras aldeas.


  • E non me preguntades pola miña escola? (D. Xosé)
     Era un local vello cunha soa mestra. Había 2 ringleiras de nenas e 2 de nenos, cun corredor no medio e, no fondo, había un banco para os faladores.
     Un día castigáronme a min alí por falar e non era eu quen falaba senón o meu compañeiro. Escribinlle unha notiña que dicía máis ou menos: “. . . parece mentira, pola túa culpa . . .“, fixen unha boliña e lanceilla, pero pillouma a mestra e berroume. Dixo algo así como: “Así que son inxusta? E aínda por riba escribes en galego . . .“ Foi a primeira vez que me castigaron por escribir en galego.
     Á mestra non lle importaba que lle preguntaramos en galego, aínda que na escola había que falar castellano. Pero un día chegou unha orde de falar castellano dentro e fóra da escola. As nenas, que ao saír acompañaban á mestra, moi cariñosas, ata a súa casa (máis ou menos 1 km) deixaron de facelo por vergonza de que as oísen falar. Cando oiamos falar castellano, preocupabámonos. Pensabamos que eran os guardias que ían prender a alguén, ou un xuíz que ía embargar unha leira.
   Valorábase máis o galego en América ca aquí. Alí tiñamos clase de Arte, Historia de Galicia, Xeografía, Economía, Lingua e Literatura Galega . . . e en galego.
     Os grandes xornais de Bos Aires, o día 25 de xullo, publicaban un saúdo en galego.


Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS