04/06/16

ENTREVISTA A "PÁRAMO PICTURES"



E por fin chegou o día!!
O luns 30 de maio estiveron connosco no cole Iván Capón e Daniel Moreiras, integrantes da produtora galega "Páramo Pictures" para recoller o PREMIO MIMI, que este ano celebrou a súa VIII edición.

Con tal motivo, nós, o alumnado de 5º de Primaria, tivemos a oportunidade de facerlles unha pequena entrevista.

  • Como vos coñecestes? (Daniela). Por casualidade, no campo dunha festa, contesta Daniel.  Eu era cantante e Iván, guitarrista. 

  •  Que fixo que vos gustase o mundo da canción? (Rubén). Queres dicir a que anos empezamos a facer algo coa música?, pregunta Iván. Pois direiche que aos 12 anos, cando estaba en 6º de E.G.B. Pois nesta gáñoche eu, engade Daniel. Eu empecei aos 6 anos. Fun a solfexo e piano e despois, con 7 anos, deixei piano para cantar nun coro.

  •   Esta pregunta é para Daniel. Se non foses cantante, que che gustaría ser? Estou seguro que actor. (Ou gandeiro, engadiu a profe Claudia, porque lle dá moito xeito). E ti Iván, como sendo mestre chegas ao mundo da interpretación e da produción? (Iago). Pois eu disfrazándome (risas), porque así, no primeiro mes, non me coñece ninguén.

  •   De quen foi a idea de fundar Páramo Pictures? (Ismael). A idea de Páramo Pictures xa viña de antes, xa estaba desde hai moito tempo. Cando fixemos o primeiro vídeo, puxémoslle a marca, porque a muller de Ramón (papel que fai María Portero nos vídeos) é do concello do Páramo. Iván foi quen creou a canle en YouTube e é quen se encarga da produción dos vídeos.

  •   A primeira canción coñecida vosa foi o “Vou estalar”, pero foi realmente a primeira canción vosa ou houbo algunha anterior? (Damián). Si. Foi realmente a primeira.

  •  Como foron os inicios de Páramo Pictures? (Sarai). Moi de andar pola casa, moi relaxados. E aínda que agora xa a produtora é máis importante, non nos queremos profesionalizar moito, porque perderiamos a esencia.

  •    Como foi a vosa experiencia no primeiro vídeo? (Noa). Foi moi boa. Quizais por iso seguimos aí.

  •   Sabemos que a convocatoria para pedir xente que participe nos vosos vídeos facédela a través das redes sociais, pero nos vosos vídeos tamén aparece maquinaria agrícola. De onde a sacades? (Ángel). Todas, da miña casa, contesta Daniel. Bueno non, algunhas "bertolinas" eran do Páramo, pero a "Internacional" non, era miña.

  •   Como se vos ocorren todas as cancións que interpretades? É porque Dani dorme pouco, contesta Iván. Abúrrese, ponse a xogar coa maquiniña e ... Entón engade Dani: Ocórrenseme pois, ..., pensando. As cancións ocórrenseme porque non teño outra cousa que facer, é dicir, é un modo de entretemento.  Quen escribe as letras? (Alba). As letras, algunhas eu (Daniel),outras, entre todos, incluída María, que hoxe non veu porque está embarazada, pero podedes darlle a noraboa a Iván porque el é o pai da criatura. (POIS A NOSA MÁIS SINCEIRA NORABOA!!!)

  •    Por que cantades en galego? (Fran). Porque é natural, porque é o noso. O raro é que non fose así. Algún día gustaríanos que non nos fixesen esa pregunta...

  •  Sabemos que a vosa canción da “Bertolina” ten máis de 1.800.000 visitas en YouTube. Que supón iso para vós? (Naiara). É moi gratificante. Iso tradúcese en sorrisos, en ledicia, en algo agradable. Gústanos que a xente o pase ben.

  •  Coincidindo coa proclamación como gañadores do VIII Premio MIMI, vós sacastes o voso último vídeo “Préndeme o boi”. Como escolledes a canción que ides versionar? (Daniel). A canción escóllea a publicidade, porque o mercado da música está moi influenciado polas empresas de publicidade, que nos venden o que temos que escoitar. Un tamén pode escoller o que escoita. Os gustos están aí. Nós, antes de que saíra o videoclip oficial, fixemos a nosa canción e tivo tirón.

  •   Discutides cando facedes as vosas cancións? (Celia). (Contesta Iván). Eu creo que con este home nunca discutín. Eu, discutir, non sei. Para discutir fan falla dous...

  •  Das cancións/versións que fixestes, cal vos gustou máis? (Marcos). A mellor canción é "O fertimón", sen dúbida.

  •  Que canción nos adicariades? (Diego). Pois, a última, quizais. "Préndeme o boi"

  •  Que é o que máis vos gusta de todo este mundo da música ou de ser famosos? E o que menos? (Gabriel). Cando vou con este pola rúa (contesta Iván), ás veces párannos. Se vou eu so, non.

  •   As vosas producións subídelas a YouTube, pero non recibides nada a cambio aínda que sexades unha produtora coa canción galega máis vista en YouTube. Que tal van as visitas a YouTube do voso último vídeo? (Javi). A verdade é que moi ben. Non levamos nin un mes e xa imos polas 431.000 visitas.

  •  Cales son os vosos próximos proxectos? Planeades facer outro vídeo? (Álvaro). Os proxectos saen dun día para outro. Chamámonos e, en 3 ou 4 días, está feito. Sóenos levar o día da gravación e outros dous máis.

  •  Recibíchedes outros premios? Cal foi o máis importante? (Aarón). Premios nada, cero. A xente dinos, por favor, vide aquí, pero, o que é dar, aínda nunca nos deran nada. Así que, sen dúbida, o premio máis importante é este, o Premio MIMI.


          Que vos parece?
          A verdade é que é estupendo e nós quedamos encantados!!



     Cando rematou a entrevista, escribiron unha dedicatoria no libro de visitas da nosa biblioteca e fixémonos con eles unha foto que compartimos con todos vós.




                                  QUE BEN O PASAMOS!!   FOI UN DÍA MOI ESPECIAL!!


MOITÍSIMAS GRAZAS!!!



        

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS