22/10/16

ARQUITECTURA E TEATRO EN PONTEVEDRA

    O pasado luns, día 17, @s alumn@s de 5º e 6º achegámonos ata Pontevedra para aprender dun xeito diferente.
     A primeira parada foi no Café Moderno, situado na Praza San Xosé, coñecida tamén como a praza dos músicos. Alí recibíronnos Patricia e Alberto para guiarnos no taller "Os perfectos arquitectos".
    Sentámonos arredor dunhas mesas instaladas nunha galería moi luminosa, con vistas a un xardín onde destaca unha escultura de Castelao, obra de Francisco Leiro.


     Alberto informounos de que as ventás e o chan da galería foron restauradas hai pouco tempo, así que coidámonos moito de non arrastrar as cadeiras e de usar as papeleiras para manter todo ben limpiño e bonito.
     Patricia falounos de dous arquitectos destacados de Pontevedra: Alejandro de la Sota (1913-1996) e César Portela (1937). Os dous gañaron premios importantes coma o Premio Nacional de Arquitectura. Alejandro de la Sota viviu xustamente na casa onde estabamos, e César Portela reformou o edificio  de Afundación situado enfrente, onde iamos logo ver unha obra de teatro.
     Para ser arquitect@ hai que dominar as matemáticas, o debuxo e as cores. Materiais coma escuadros, cartabóns, reglas, compás, lapis, goma, calculadora... son as ferramentas básicas. 


     O traballo d@s arquitect@s consiste en deseñar obras novas pero tamén restaurar e rehabilitar as vellas. Para iso o primeiro que fan é o "Diagrama de parti", que é unha especie de borrador onde plasman as súas ideas cuns símbolos especiais. Conceptos coma planta, perfil, alzado, estruturas simétricas e dinámicas... foron desfilando pola pantalla de proxección, da que non quitabamos ollo. 


      A parte práctica do taller consistiu en deseñar por grupos a nosa aula ideal.


     Saíron ideas chulísimas: Aulas moi grandes e luminosas con plantas e moitos espazos para ler, dramatizar, facer experimentos, música, navegar por Internet... 


     Alberto explicounos o manexo de Floorplanner, que é unha aplicación gratuita de diseño de planos. É facilísima de usar e moi divertida!
     Antes de nos despedir, agasalláronnos cunhas libretiñas para encher coas nosas ideas e bocetos. Démoslles as grazas e fomos como raios a merendar á Praza da Liberdade. 


     Con enerxías renovadas, entramos na sede de Afundación para ver a obra de teatro "De los cuentos a las cuentas" da compañía Zarándula.
     A protagonista da obra é María, unha nena á que lle encanta soñar e ler. A súa nai morrera e o pai rifaba a miúdo con ela pois pensaba que pasaba demasiado tempo encerrada no seu cuarto cos seus libros.
     María tiña un tío aventureiro e explorador. De cada viaxe que facía, traíalle á rapaza regalos incribles: auga dun río gardada nunha botelliña, unha cabaça, un libro moi antigo e máxico... Tan máxico que os contos que María lía nel facíanse realidade, coa ventaxa de que María podía elixir o seu final. Contos como "O rei Midas", "A galiña dos ovos de ouro", "A princesa e o sapo" ou "Barba Azul". 
   

     En todos estes contos María, que é tan valente coma intelixente, rexeita proposicións de vida aparentemente fáciles e felices pois aposta por esforzarse por si mesma para conseguir o seu soño máis grande: mercar unha vespa para percorrer o mundo e vivir mil e unha aventuras. E para iso decide aforrar, sabendo que os cartos non teñen valor en si mesmos, senón que o seu valor está no que facemos con eles.

     A obra estivo xenial! Foi tan divertida como entretida. Pasounos o tempo rapidísimo.

     Que ben sentan estas saídas! 

     Ir de excursión, mola mogollón.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS