11/11/16

"BARRRO"

     O pasado venres, 4 de novembro, MIMI convocou a todo o alumnado de Primaria para conmemorar o Día da Ciencia en Galego no ximnasio.
     Alí agardaban Sanmartín, concelleiro de Barro, e Quique e Suso, mestres composteiros de Barro e Vilaboa, respectivamente.


     Unha imaxe reflectida na pantalla chamounos poderosamente a atención:


     Que raro ! - pensamos -. Barro con 3 erres ?

     Os nosos invitados desvelaron, axiña, o misterio: Ían falarmos de Reducir, Reciclar e Reutilizar aquí, no concello de Barro. Tres accións básicas e indispensables para protexer a nosa riqueza medioambiental entre tod@s nós.

     Para iso, unha opción intelixente é utilizar os composteiros. 


    Neles podemos depositar restos orgánicos (Reciclar) que, tras un proceso natural, convértense en compost, que se Reutiliza como abono natural (sen elementos químicos) e así se Reduce a contaminación, o consumo de fertilizantes e sustratos, así como traballos (e cartos) de recollida de basura, mellorando a saúde da terra, das plantas e de todos nós.

     Quique, axudado por Noelia, fixo un truco de maxia para mostrarmos dun xeito sinxelo o proceso de transformación da materia orgánica en compost. 

     Nun composteiro individual, introduciron restos orgánicos como mondas de froitas e peladuras de castañas. Por riba, botaron paus e palla seca. Logo, Noelia remexeu cunha variña máxica e, tras pronunciar "Abracadabra, pata de cabra", recolleu do fondo do composteiro un táper cheíño de compost que tod@s queriamos ver, tocar e ulir.


     A continuación, vimos un vídeo moi interesante titulado "Reduce, Reutiliza, Composta" de Amigos da Terra:



     Cando rematou, tod@s aplaudimos, pois gustou moito.

     No seguinte vídeo podedes ver un resumo do desenvolvemento da actividade:

 

    Logo, Sanmartín, Quique e Suso convidáronnos a nós, @s alumn@s de 6º, a visitar o composteiro comunitario do noso Concello, situado en San Antoniño, ao lado do Centro de Saúde.

    Acompañad@s por Rafa, o director, e as nosas mestras, Pilar e Claudia, atendimos con moita curiosidade ás explicacións que nos deron sobre o proceso necesario para obter un compost de calidade. Ao pouco, chegou Abraldes, o alcalde, para saudarnos e estar con nós.


     Nun contedor había unha chea de restos de comida dos que ascendía vapor e calor debido á actuación dunha serie de microorganismos (como as bacterias termófilas) que, segundo contou Suso, degradan as moléculas orgánicas para convertilas no prezado compost. Neste proceso, que controla Quique, o mestre composteiro de Barro, pódense acadar temperaturas de ata 70 u 80ºC. Pasado un tempo, a mezcla, que hai que remexer de cando en vez, pasa a outro contedor, onde a temperatura va baixando e, finalmente, remata nun terceiro contedor a temperatura ambiente, onde vimos que o produto tiña xa un aspecto oscuro, de terra fértil, cun agradable recendo a bosque, aínda que lle faltaba aproximadamente un mes para estar completamente formado.


     A verdade que foi unha clase de ciencias fabulosa. 

  MOITÍSIMAS GRAZAS por ofrecermos a oportunidade de aprender gozando e de gozar aprendendo.

   E, decididamente, si: Nós apostamos por REDUCIR, RECICLAR, REUTILIZAR E COMPOSTAR. 

       E Ti? E vós?




Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS