06/12/16

INAUGURACIÓN DO AXARDINAMENTO DO COMPOSTEIRO COMUNITARIO DE BARRO

     O día 2 de decembro, @s alumn@s de 6º asistimos á inauguración do axardinamento do composteiro comunitario de Barro, situado ao lado do Centro de Saúde.

     Quedamos marabillad@s porque o lugar cambiou moito dende a primeira vez que o visitamos, hai aproximadamente un mes. A razón é que durante este tempo Santi, Dani, Juan, Kevin, Miguel e outros compañeros seus, alumnos do programa de xardinería do Centro de Educación Especial de Príncipe Felipe, estiveron traballando arreo no acondicionamento dun fermoso xardín para embelecer o entorno do composteiro. Abofé que o conseguiron, pois quedou precioso.


     Co primeiro compost obtido e unhas capas de terra, colaboramos na plantación dunha maceira e de varias campánulas brancas e violetas. Quique, o mestre composteiro de Barro, aclarounos que a maceira, ao medrar, vai lucir moi frondosa, producindo mazás pequerrechiñas. Tamén explicou como había que botar a terra e o compost neste tipo de plantacións pois o compost, ao seres noviño, non se pode botar directamente sobre as raíces porque non as deixaría medrar.


    Logo Quique presentounos a Carlos, o mestre dos mestres composteiros, que leva máis de 20 anos estudando o tema da compostaxe e ten un can chamado Paco. Pareceunos un señor moi simpático.


     O alcalde Xosé Manuel Fernández Abraldes e o tenente de alcalde José Sanmartín, acompañados da deputada Eva Vilaverde, entregáronlle aos alumnos de Príncipe Felipe uns merecidos diplomas polo seu magnífico labor de axardinamento.
     Aplaudímoslles moito e, antes de despedirmos, fixemos unha foto con eles.



    Foi unha experiencia moi bonita. A maceira medrará e nós tamén, e lembraremos, ao vela, ese día tan especial que quedou gravado na nosa memoria para sempre.

     Premendo no seguinte enlace podedes ler un artigo publicado sobre o evento:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS