24/01/17

A VESPA VELUTINA E OUTROS INSECTOS

     A investigación que levamos a cabo @s alumn@s de 5º e 6º sobre os insectos veuse enriquecida coas revistas e exemplares que trouxeron á clase Iago e Rubén, procedentes da súa colección particular.



     Cada un de nós, consultando distintas fontes, tiñamos que elaborar unha presentación dun insecto indicando: nome común, nome científico, clasificación, características, hábitat, alimentación e outras observacións.


    Como non podía ser doutro xeito, saíu a colación o tema da vespa asiática ou vespa velutina que tantos problemas está ocasionando. Comentamos o que sabiamos ao través dos nosos familiares e buscamos información na Internet. Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde do noso Concello, ofreceu a posibilidade de ver niños de vespa velutina pois sabía dun veciño, Manolo Cancela (pai de dúas ex alumnas), que tiña dous. E José Sanmartín, o tenente de alcalde, falou cunhas persoas expertas para que viñeran ao colexio a darmos unha charla informativa.


     Así foi como o pasado martes, 17 de xaneiro, coñecemos a Francisco Costa (Kiko), concelleiro de Medio Ambiente de Vilaboa, e a Sara Ferreiro, técnica de Medio Ambiente do mesmo Concello. Viñan con dous niños (un pequeno e outro grande seccionado transversalmente) e dous exemplares de vespa velutina moribundas que, metidas nun tarro, puidemos observar detidamente.

    Cando entramos na Biblioteca quedamos patidifus@s ao ver os catro niños de vespa velutina: Impresionantes !


  Sara utilizou unha presentación para explicarmos as principais características do insecto asiático e a súa distribución xeográfica, facendo fincapé no ciclo vital así como a ameaza que representa debido a que mata a outros insectos como formigas, pulgóns, bolboretas ou abellas para alimentar ás larvas. E non é que esta vespa sexa máis agresiva cas que temos aquí; de feito, é menos agresiva, pero o problema radica en que se reproduce moito en pouco tempo, o que a converte nunha auténtica praga, nociva para a biodiversidade autóctona. É un exemplo máis que nos ofrece a natureza de que a unión fai a forza.


     Kiko comentou que esta especie invasora chegou a Francia no ano 2005 a bordo dun barco mercante cargado de madeira. De aí pasou ao norte de España chegando a Lugo no ano 2012, espallándose rapidamente por toda a nosa comunidade, especialmente pola costa.

     A vespa velutina fai dous tipos de niños con madeira mastigada: Primarios (nos tellados, azoteas . . .) e secundarios (frecuentemente nas árbores). As raíñas poñen os ovos nos niños primarios e de aí saen as obreiras que constrúen os niños secundarios. 

     Kiko falounos da evolución da praga no seu Concello (Vilaboa) e dos distintos métodos que probaron para a súa eliminación, con máis ou menos acertos: a man, con pértigas, con disparos de escopeta ou con drons. Dado que é unha especie diúrna, as operacións convén realizalas de noite.


     Entón Sara ensinounos dous vídeos co último método que utilizaron en Vilaboa para chegar aos niños que están nas árbores a máis de 30 m de altura: Escalando. Ás veces, os escaladores (enfundados en pesados traxes e coa cabeza ben protexida) fumigan os niños e outras veces, os retiran, como o niño máis grande que trouxeron, que estaba nun eucalipto a uns 40 m do solo. Logo proceden a conxelalos para que non sobreviva ningunha vespa. 

     Hai trampas que tamén están demostrando ser efectivas. Kiko fixo unha diante de nós cortando unha botella de auga pola metade e encaixando as dúas pezas invertendo a superior, agás un anaco que eliminou para deixar un espazo libre no fondo para encher coa apócema máxica atraínte da vespa. Esta apócema consiste nunha mezcla de cervexa negra con alcol (que non lle gusta ás abellas pero si á vespa velutina), un vaso de viño e unha cullerada sopeira de azucre ou mel. O malo é que tamén atrae a outros insectos necesarios para a polinización.


     O tema resultounos tan fascinante que, ao final, fixémoslles unha chea de comentarios e de preguntas que contestaron, de moita gana, unha por unha, tomando nós nota de todo nos nosos cadernos.

     Estivemos súper atent@s e concentrad@s. E iso que a charla durou hora e media ! E porque soou o timbre para o recreo (que é un tempo sagrado para nós) que senón . . .


    Antes de despedirmos, Sanmartín recordounos a importancia de distinguir ben as abellas e avespas nosas da vespa velutina e, como xa coñecemos como son os seus niños, avisar ás nosas familias se vemos algún e chamar ao teléfono da Xunta, o 012.


     Unha charla do máis interesante ! Unha experiencia xenial !

Aprendemos moitísimo !

      GRAZAS MIL ! ! !

     Máis información no blog da nosa biblio na que poderedes acceder tamén á presentación íntegra que utilizaron Kiko e Sara e que nola deixaron como agasallo:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS