27/03/17

VISITA DE SHEILA GARCÍA PRADO

     Para conmemorar o Día Internacional da Muller, participamos no xogo de pistas 8M proposto dende a Biblioteca do noso centro. Ao longo dunha semana, investigamos sobre a vida e obra de mulleres relevantes no campo das Artes como:


     Como broche de ouro, o venres 17 de marzo, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tiñamos programado na nosa Biblioteca un encontro cunha muller moi cercana a nós. Tratábase de Sheila García Prado, que xa coñeciamos polo seu proxecto ESPECIES DE ESPAZOS. Nesta ocasión, viña falar do que ela chama "Unha viaxe cara a arquitectura".


     Traía consigo unha presentación audiovisual para que entendésemos mellor o que nos quería transmitir. Nós iamos tomando nota de todo para non esquecer nada.


     O primeiro do que nos falou foi do valor que ten para ela unha viaxe:

     "O valor dunha viaxe está xusto na diferenza entre o que se 
     espera e o que se atopa; e canta máis diferenza hai entre os 
     dous, máis significado adquire a viaxe.

     Canto máis diferentes nos volvemos respecto a cando 
     partimos, máis pegada deixou a viaxe en nós."

     Pois ben, a súa viaxe oficial de estudos deu comezo no noso colexio nos anos noventa do século pasado. Daquela, o colexio era ben distinto. Puidémolo comprobar cos nosos propios ollos nas fotografías que ensinou: as aulas, os patios, o mobiliario . . . Mesmo o edificio actual do Concello non existía. Entre risas, contou que ao lado da entrada principal había unha enorme pedra pola que subían @s pícar@s e que, precisamente por iso, un bo día desapareceu. Quen a pillara . . . !

     Sheila ía comentando unha a unha todas as fotos: De cando tiña cinco anos, c@s compañeir@s disfrazad@s de indi@s nun entroido e, de chin@s noutro, no ximnasio, nas clases, nun festival na Biblioteca Pública cun micrófono na man . . . Non perdemos detalle.


     Ao rematar no instituto, Sheila, apoiada en todo momento pola súa familia, dirixiu os seus pasos ata a Coruña para estudar Arquitectura na E.T.S.A.


     Un día, decidiu presentarse a un concurso cunha fotografía moi orixinal e creativa tomada dende Monte Alto. E gañou unha viaxe Interraíl por Europa !


     Canto máis ía aprendendo Sheila, máis interese sentía por ser "Arquitecta de familia", unha especialidade creada polo arxentino Roberto Livingston, quen a define con estas palabras:

"Alguén capaz de poñer en marcha un pensamento e aforrar diñeiro
(...) facer un diagnóstico e escoitar para facer menos obra, non máis.

@s arquitect@s deben servir como actores do cambio social,
traballar para a xente mellorando o seu hábitat.

A maior recompensa é encontrarte cun cliente anos despois e que
che diga: Grazas."


     No quinto curso de carreira foi de Erasmus a Torino (Turín), unha cidade situada ao norte de Italia, bañada polo río Po e rodeada polos Alpes. Foi para ela unha experiencia incrible !
    Torino é unha cidade con case 20 km de soportais, creados no século XVII para evitar a incomodidade de pasear baixo a chuvia ou o sol. Enriba dun deses soportais, na Vía Po, tiña Sheila a súa vivenda. Dende alí, acudía cada día á Facultade de Arquitectura, situada nun auténtico castelo: O Castello del Valentino. Que sorte !


     Ensinounos Sheila, tamén, o seu recuncho favorito: A Porta Palatina, unha das antigas portas de acceso á cidade.


     Durante todo o tempo que pasou en Torino,  Sheila era perfectamente consciente da magnífica oportunidade que a vida lle ofrecía e aproveitou para aprender todo o que puido e gozar desa etapa de aprendizaxe.

     De volta á Coruña, fixo un fermoso proxecto de Fin de carreira.


     Posteriormente, estivo un ano como colaboradora no Concello de Portas. Pero a súa paixón viaxeira levouna, coma se dunha pomba mensaxeira se tratase, novamente a Italia. Nesta ocasión, ao Sur do país, a Palermo, capital de Sicilia, a maior illa do Mar Mediterráneo.
   Alí a xente fala siciliano, que é moi distinto que o italiano, pero @s compañeir@s de Sheila falaban con ela en italiano e así entendíanse ben.
    Sheila amosounos unhas bonitas fotos de Palermo: Do porto, da igrexa de Santa María de Spasimo (co seu característico teito ao descuberto), das súas rúas estreitas e empinadas e do Castello della Zisa, actualmente convertido en museo.


     A viaxe virou, logo, ao continente africano, en concreto a Togo, na costa occidental de África, bañada polo Océano Atlántico. As imaxes que vimos reflectían a construción dunhas letrinas, que son retretes colectivos con varios compartimentos. Os ladrillos utilizados tiñan a particularidade de estar numerados; así, en caso de seren roubados, sería doado identificar perfectamente o que faltaba.


     Ademais, Sheila trouxo con ela, algunhas das ferramentas habituais d@s arquitect@s: planos, escalímetro, regra, tubo porta planos, casco, metro láser (aparato doado de manexar que serve para determinar con precisión distancias sen contacto e que Sheila tamén utilizou como punteiro), libros, un plano antigo das estradas de Pontevedra que recibiu como agasallo . . . Ata a súa primeira maqueta ! Preciosa !


   Ao final, Sheila contestou incansable a todas as nosas preguntas. Soubemos, por exemplo, que é unha afeccionada a todos os deportes. Entón, como non podía ser doutro xeito, @s futboler@s preguntáronlle de que equipo era e contestou que se debatía entre o Celta e o Dépor

     Antes de despedirmos, fixemos un xogo moi divertido: Alguén de nós dicíalle ao ouvido unha frase, ela repetíaa en alto e nós tiñamos que traducila ao galego. Adiviñamos practicamente todo. Claro que nisto non hai truco de maxia. O que sucede é que o galego, o español, o italiano e outras linguas (chamadas romances ou románicas), proceden dunha mesma lingua nai, o latín, o que fai que compartan estruturas gramaticais e vocabulario.

     Agora Sheila soamente ten en mente unha cousa: Traballar para poñer os seus coñecementos ao servizo dos demais, aportando o seu gran de area na construción dun mundo mellor. Ah ! E seguir viaxando e aprendendo todo o que poida.


UN INCONTRO MOLTO INTERESSANTE ! ! ! 

GRACIE MILLE, SHEILA, E BUONA FORTUNA ! ! !

     
Non deixedes de ver o vídeo - resumo da súa visita no blog da nosa Biblioteca:



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS