16/06/18

AS MANS DE BARRO

O pasado luns 4 de xuño, o alumnado de 5º e 6º do CEIP Amor Ruibal visitamos no edificio do Concello a exposición de cerámica "As mans de Barro" do noso veciño Celso García Alonso que moi amablemente explicou como chegou a ser cacharreiro. 


O alumno de 5º de Primaria, Martín Pérez García, que ademais é sobriño de Celso, desvela interesantes detalles da relación do seu tío co mundo da olería tradicional:

"Meu tío é cacharreiro. Dende pequeno, sempre lle gustaron as cousas antigas e os cacharros.


Un día do ano 2000, na Festa do Viño de Amandi en Sober (Lugo) coñeceu ao cacharreiro José Rodríguez (máis coñecido como José O Ventura) de Vilanova-Sober. Impresionáronlle as súas pezas polas súas características, especialmente os boleiros e os xerros. Dende entón, comezou unha relación de amizade con el, mercoulle varias pezas e visitábao varias veces ao ano.

José ofreceulle a posibilidade de ensinarlle, pero meu tío desistiu porque lle parecía moi difícil aprender. Ademais, o de cocer as pezas no forno de leña resultáballe moi misterioso.
Despois duns anos de amizade, o señor Ventura enfermou e faleceu.

Tralo falecemento del, coñeceu a Agapito González, tamén cacharreiro de Gundivós (unha parroquia do concello de Sober) co que segue mantendo unha relación de amizade.

O señor Agapito ofreceuse a ensinarlle as técnicas da olería tradicional. Meu tío, de primeiras, tampouco quixo aprender. Pero cando escoitou que o señor Agapito aprendera esas técnicas de maior e que, ao principio, tampouco fora doado para el, meu tío aceptou o ofrecemento.

Con el aprendeu as técnicas de selección do barro, o amasado, o tratamento, a preparación e fabricación das pezas no torno baixo, a colocación das pezas no forno e a técnica de cocedura das mesmas no forno de leña.


As primeiras pezas que fixo meu tío só foron uns asadores e logo un xerro, que lle deu moito traballo e quedou un pouco mal feito. Pero, co tempo e a práctica, as pezas foron mellorando moito e hoxe en día fai boleiros, botixos, escurrecubas, chocolateiras, meleiros, porróns, floreiros,.. e ata sacaleites!


O forno que ten na súa casa para cocer as pezas tamén o fixo el con material refractario e cachotaría ordinaria, e o barro que emprega para cocer as pezas vaino coller el directamente ás barreiras de Gundivós, Perdecanai, o Cerquido, Guillarei e Niñodaguia".


Na Sala de Exposicións do Concello, situada no segundo andar, tivemos a ocasión de ver diferentes pezas que Celso fabrica coas súas creativas mans. Explicounos detalles moi interesantes sobre elas e, logo, ensinounos un vídeo que resume todo este proceso de fabricación da olería tradicional.



DESFRUTAMOS E APRENDEMOS MOITO !!

MOITÍSIMAS GRAZAS, CELSO !!

Podedes obter máis información no blog da Biblioteca:

https://oblogdemimi.blogspot.com/2018/06/as-mans-de-barro.html



Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS