08/06/16

ROTEIRO LITERARIO MANUEL MARÍA

     O xoves 2 de xuño estabamos a mar de content@s porque iamos pasar todo o día en Outeiro de Rei: Pola mañá, tiñamos programado un roteiro literario na Casa-Museo Manuel María e a súa contorna; pola tarde, visita guiada polo Parque de Natureza Marcelle. 
     A hora prevista da saída eran as 9:15 h pero houbo un mal entendido na empresa de autobuses e non puidemos iniciar a nosa viaxe ata as 10 aproximadamente.  Bufff !
    Para "matar o tempo" botamos man do noso repertorio de poemas de Manuel María que levabamos connosco e fixemos un recitado colectivo de "Carné de identidade", "A luz resucitada", "Á Casa de Hortas", "A Santa Isabel de Outeiro de Rei", "A fala", "Terra Chá", "Penas de Rodas", "Regato do Cepelo", "Muíño", "Poema do Cemiterio", "O Castro de Viladonga", "Poema dos afluentes", "Natureza"e "Os soños".
     Ao chegares o autobús subimos rápid@s coma raios; tiñamos por diante dúas horas de camiño.
   A viaxe foi entretida. Falamos, contemplamos a paisaxe, xogamos a "atrevemento ou verdade", cantamos, rimos e ata houbo alguén que botou unha soneca. 
     En Outeiro de Rei, o condutor seguiu a indicación que puña "casa museo Manuel María" e aparcou preto do Concello. Antón Laxe, quen ía ser o noso guía, estaba agardando por nós na entrada principal de "A Casa de Hortas". Entramos na casa, pasamos por un corredor que levaba a un pequeno salón de actos e, coa mesma, saímos ao xardín onde Antón convidounos a sentar na fresca herba e merendar. Mmmmm. . . ! Que saboroso estaba todo !


     Con enerxías renovadas, atendemos as explicacións do noso guía e recitamos "Carné de identidade" e "Á Casa de Hortas". Como Antón tiña na man o libro Sonetos á Casa de Hortas, buscou a páxina onde estaba "Poema á casa" e o noso compañeiro Ángel leuno en alto mentres @s demais escoitabamos atent@s. Que ben escribía e describía Manuel María !


     Impresionounos moito saber que Manuel de Paderna, que traballou na Casa de Hortas, foi quen introduzo a Manuel María no mundo da poesía e tamén quen lle meteu o vicio de fumar pois cando facía bonitos versos, premiaba ao noso autor cun cigarro. Vaia premio ! 
     Tiñamos moita curiosidade por coñecer a carballeira de Santa Isabel, da que tanto escribiu Manuel María, así que dirixímonos aló. 
     De camiño, Antón sinalounos un lugar onde hai anos houbo un quiosco, pero non un quiosco de revistas senón un quiosco de música onde as bandas subían a tocar. Moi preto, existiu tamén unha fonte cun nome moi gracioso: A Fonte da Picha, hoxe desaparecida.
     Tivemos moita sorte co tempo; ía un día soleado e cunha temperatura moi agradable. E así, tranquilamente, chegamos ata o cemiterio vello onde repousan os restos de Manuel María, á beira da súa nai.
     Aí lemos, como non, o "Poema ao Cemiterio" e achegámonos ata a tumba do chairego máis famoso. 


    Antón parábase a cada pouco e explicaba con moita paciencia curiosidades do lugar e deixábanos ler dos seus libros fermosos poemiñas que escollera para a ocasión. 


     Pasiño a pasiño chegamos ata a carballeira de Santa Isabel, á beira do río Miño, onde Manuel María gozou tanto como escribiu. E así, na súa memoria, ergueron un monólito no que se le o poema do autor "Carballos" adicado a estas árbores centenarias. Tamén puidemos subir a un miradoiro enorme dende o que se vía unha paisaxe espectacular.

 

      Nun momento, Antón pediunos que escoitásemos o son do río Ladra e así o fixemos. E falounos de que en Outeiro de Rei o Miño vai moi amodiño e calmo mentres o Ladra é bravo e cantareiro; polo que xuntos forman un grande equipo. 
     E alí mesmo, xusto no punto en que o Ladra vai ao encontro de "O Pai Miño Caudal" lemos "O río": Os soños na gaiola e cantamos o coñecidísimo "Carro" que tanto nos gusta.


     De volta, admiramos un impoñente muíño-vivenda onde, segundo contou Antón, filmouse unha película galega titulada "Sempre Xonxa", que nós aínda non miramos. E seguimos escoitando os murmurios das augas, as ras e os paxariños. Tamén vimos algún zapateiro de auga e aves sobrevoando baixiño sobre o río. Unha auténtica gozada !


     Ai! Quedaba por dicir que, ademais de "O Carro", cantamos "O lar" (5º), ao lado mesmo da Casa-Museo, nun enlousado que hai no xardín, e "A cidade" (6º), na mesma praza do Concello, cancións que están incluídas no libro-CD Canta o Cuco de Uxía Senlle e Magín Blanco.


    Quedáronnos ganas de coñecer a Casa de Hortas por dentro. Xa sabiamos que non podía ser pois había outras visitas que reservaran antes ca nós. 
     Estivemos pouco tempo pero o que vimos encantounos e, inda máis, o trato recibido por Antón, que nos guiou de marabilla e foi moi simpático e amable. Tamén despediuse de nós Fran Rei, responsábel de actividades da Casa-Museo, que  convidounos a voltar noutra ocasión.

     MOITÍSIMAS GRAZAS E ATA A PRÓXIMA !!!

     No blog da biblioteca hai un vídeo do noso paso polo corazón da Terra Chá que non podedes perder:

http://oblogdemimi.blogspot.com.es/2016/06/roteiro-literario-manuel-maria.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS