18/10/18

DA AUGA EN CALMA Á AUGA EN MOVEMENTO

A primeira saída deste curso foi unha camiñada, inicialmente prevista para ir dende O Pontillón, en Berducido, ata Barosa, en Barro. Comezámola o venres 28 de setembro, un día anubrado e con néboa no que o alumnado de 5º e 6º de Primaria comezamos o percorrido acompañado por titoras e mestras; e guiado polo noso alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, bo camiñante e coñecedor das rutas do Concello.



O máis sorprendente nesta primeira xornada foi o espectáculo que ofrecían as arañeiras decorando a vexetación de branco, axudadas pola bruma. Cando iamos polo monte Acibal, non puidemos desfrutar das vistas por mor deste fenómeno meteorolóxico pero pasámolo moi ben cando paramos a merendar e descansar na “Pedra do Home”. Tan e tan ben estivemos alí que non tivemos tempo dabondo para chegar ao noso destino e o autobús tivo que ir recollernos a Mane.


Así que para completala, fixemos a segunda parte o mércores 10 de outubro, un día fresco e solleiro no que cubrimos a pé o traxecto entre Mane e Barosa.
Este día vimos a primeira escola do Concello, restaurada para converterse en Centro Social, logo paramos na explanada da igrexa de San Breixo e, dende alí, contemplamos unhas vistas extraordinarias de todo o municipio ata o veciño Concello de Portas. Tamén descubrimos un edificio chamado “A Fábrica” que era onde se lle practicaba a autopsia aos falecidos en circunstancias estrañas. 

Axiña chegamos a Barosa, onde paramos a merendar e a xogar nunha zona recreativa ben bonita aínda que moi fresca e sombría porque queda nun val arrodeado dun gran arboredo. 


Logo, agardamos que chegasen os membros de Protección Civil xogando nuns columbios. Ao chegaren axudáronnos a cruzar a estrada N-550 para iniciar unha parte do Camiño de Santiago en sentido inverso. Este foi o momento máis emocionante da excursión porque non paramos de atoparnos con peregrinos chegados de todo o mundo e que estaban a facer a súa ruta diaria. Todos nos falaban con agarimo e ledicia e ningún deixaba de saudarnos: había coreanos, xaponeses, estadounidenses, canadenses,  alemáns, australianos, rusos, portugueses e tamén españois…


Uns portugueses de Barcelos agasalláronnos cun galo típico da súa vila, uns vendedores ambulantes invitáronnos a lambetadas e unha veciña, que vendimaba, ofreceunos un ácimo de uvas riquísimas.

Como son as cousas…Volvemos con moitas ganas  de facer o Camiño de Santiago!.  

Moitísimas grazas ao Sr. Alcalde, por dedicarnos parte do seu tempo.

O alumnado de 5ºB

No Blog de MIMI atoparedes máis información e un vídeo resumo desta saída:

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS