13/02/19

CAMPIONATO PROVINCIAL DE CAMPO A TRAVÉS

O sábado 2 de febreiro, a nosa compañeira de 5º A, Alba Barreiro Gómez, participou con éxito no Campionato Provincial de `Campo a través´ en Chenlo (Porriño), xa que quedou clasificada no Campionato zonal celebrado en Portas o pasado mes de decembro.

A actividade estivo organizada polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia en colaboración coa Agrupación Deportiva Xoga DXT Escolar en Vigo, a Federación Galega de Atletismo e a Entidade Local Menor de Chenlo.

Alba, inscrita na categoría Alevín feminino, disputou a proba xunto a outras 110 atletas, a maioría pertencentes a Asociacións e Clubs deportivos. Non é o caso de Alba, porque ela non practica atletismo, senón fútbol. Co dorsal 27, a nosa compañeira fixo unha carreira impresionante. Chegou en sétimo lugar, cun tempo de 4:17 minutos, e clasificouse para a proba final: O Campionato Galego de `Campo a través´, que terá lugar este sábado 16 no Complexo Deportivo de Monterrei (Pereiro de Aguiar - Ourense).

Nós queremos felicitar publicamente a Alba. Ademais de ser unha boa persoa e excelente compañeira, está demostrando ser unha deportista de gran nivel, e queremos desexarlle moitísima sorte na proba do sábado.

Moitísimos Parabéns, Alba!!!

Estamos contigo!!!

Cando vin o circuíto de Chenlo, quedei sorprendidísima. Estaba no medio do monte! Nada que ver co circuíto de Portas. Marcado con cinta branca, atravesaba uns piñeiros, pero a liña de saída estaba nun chan, no que había dúas porterías.


Sentíame un pouco nerviosa no medio dun montonazo de clubs coma o Celta, e un pouco asustada polo pistoletazo de saída. Pero, nada máis escoitalo, botei a correr, adiantei a varias rapazas e conseguín meterme no pelotón de cabeza. Mantiven un bo ritmo ata o final. Pouco antes de chegar á liña de meta, apertei máis forte. Tamén o fixo outra rapaza que viña detrás. Case empatamos. Pero non. Eu cheguei de sétima e ela, de oitava. Non nos deron ningunha medalla (só recibiron as tres primeiras) pero eu alegreime moito do meu resultado: Estaba clasificada para o Campionato de Galicia de Campo a través!!!



Alba Barreiro Gómez. 5ºA

Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS