14/03/19

STOP VELUTINA

As alumnas e alumnos de 6º de Primaria recibimos onte a visita de integrantes da Asociación Stop Velutina Umia, que se encargan de informar da problemática da Vespa velutina e de retirar niños en Barro e arredores. José Sanmartín, tenente de alcalde do Concello e coordinador da Asociación, xunto as voluntarias Mª Carmen Magariños (nai de Lucas, un alumno do noso centro) e Sofía Solla, falaron das características principais da velutina, da súa procedencia, do ciclo anual, da formación de niños (primarios e secundarios), da ameaza que representa e do trampeo necesario, con receitas para facer un líquido caseiro atraínte. As trampas son fundamentais para atrapar ás velutinas e evitar que fagan os niños secundarios.


O principal problema desta especie invasora é que se reproduce moitísimo en pouco tempo e mata a outros insectos para alimentar as larvas, o que afecta á polinización e aos cultivos. Ademais, hai persoas alérxicas que poden chegar a morrer polas súas picaduras. Por iso é moi importante loitar contra o avance desta praga. E nós imos colaborar. É fácil. Soamente temos que facer as trampas que nos explicaron e anotar nas libretas que nos regalaron datos coma o lugar onde puxemos as trampas ou o número de velutinas que caeron, pasados 12 ou 15 días. Temos que fixármonos tamén se caeron nas trampas outros insectos coma, por exemplo, bolboretas, e, se podemos, liberalos. No caso de atopar velutinas, avisaremos rapidamente á Asociación.

Así faremos!!!

Moitísimas grazas!!!




Ningún comentario:

Publicar un comentario

VISITAS